José María Fernández Ladreda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

José María Fernández Ladreda y Menéndez Valdés, nado en Oviedo o 14 de marzo de 1885 e finado en Siero o 20 de setembro de 1954, foi un militar e político asturiano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou bacharelato en Oviedo, e en 1903 ingresou na Academia de Artillería de Segovia. Alí recibiu ao ano seguinte a Cruz de primeira clase do Mérito Militar con distintivo branco pola súa aplicación e boa conduta, e ao rematar o terceiro ano dos seus estudos recibiu o emprego de segundo tenente alumno de artillería. En agosto de 1908 saíu da academia ascendido a tenente primeiro da arma, sendo destinado a Valladolid e ao ano seguinte á comandancia de Melilla.

En 1910 foi designado profesor axudante da Academia de Artillería. Escribiu en colaboración co capitán Martínez Vivas un Tratado elemental de Química general aplicada, que en 1911 foi declarado libro de texto da academia. Co mesmo colaborador escribiu tamén Química del carbono.

Ascendeu a capitán en 1914 e ao ano seguinte foi destinado ao Taller de Precisións, Laboratorio e Centro Electrotécnico de Artillería, destino acorde coas súas afeccións, que lle permitiu desempeñar comisións técnicas que lle valeron recompensas. Así, en 1917 recibiu a cruz de primeira clase do Mérito Militar pola súa obra Pólvoras y explosivos modernos, escrita tamén xunto a Martínez Rivas. En 1919 marchou comisionado aos Estados Unidos de América para ampliar estudos.

Tras pedir unha excedencia no exército, en 1924 obtivo a licenciatura de Ciencias pola Universidade de Oviedo. Durante o goberno de Miguel Primo de Rivera foi alcalde de Oviedo entre 1924 e 1926. En 1927 volveu ao exército, pasando despois en varias ocasións á situación de excedente para dedicarse á dirección de industrias privadas e aos estudios científicos, cos que colaborou en revistas especiais e sobre os que publicou diversos traballos de química, electroanálise e metalurxia.

Trala proclamación da Segunda República, e estando retirado do exército, organizou en Asturias o partido da CEDA, sendo elixido deputado a Cortes en 1933. Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que deu pé á Guerra Civil, Oviedo uniuse aos sublevados por orden do xefe da gornición, o xeneral Antonio Aranda, e quedou sitiada por tropas e milicianos leais á República. Como comandante, Fernández Ladreda formou na cidade o batallón de voluntarios para a súa defensa.

Tempo despois foi elixido membro da Real Academia de Farmacia e da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Foi ministro de Obras Públicas entre 1945 e 1951.