José Darriba Puente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJosé Darriba Puente
Biografía
Nacemento13 de xullo de 1917 Editar o valor em Wikidata
San Clodio, España Editar o valor em Wikidata
Morte11 de maio de 1937 Editar o valor em Wikidata (19 anos)
Lugo, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

José María Darriba Puente, nado en San Clodio (Ribas de Sil) o 13 de xullo de 1917 e finado en Lugo o 11 de maio de 1937, foi un político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

José Darriba Puente coas súas irmás Luisa e Carmen.

Fillo natural de Alicia Puente Fernández, A Licha, o seu pai, o militar José Darriba Suárez casou en 1920 con Alicia e recoñeceu o fillo. Recibiu unha educación relixiosa nos Maristas. O seu pai ascendeu e chegou a sarxento, e monárquico e tradicionalista coa Segunda República solicitou o seu pase á “situación de retirado” que lle foi concedido en decembro de 1931. A familia volveu a San Clodio e José, con 14 anos, rematou os estudos e púxose a traballar como caldeireiro para Pío López Ojea, industrial da localidade. Participou na vida cultural do concello como membro do grupo de teatro da Sociedad Cultural y Recreativa Artesana. Afiliouse á UGT e a Agrupación Socialista Obrera de Oficios Varios Fraternidad y Trabajo, presidida por Marcelino Fernández Prada.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 José Darriba aliñouse co alcalde para defender a democracia. Acusado de portador de armas, encargado de fornecer de municións os compañeiros na ponte de ferro, cortar os fíos do teléfono público e presentarse na farmacia cuns vales para comprar produtos susceptíbeis de converterse en explosivos, foi encarcerado. Ingresou no cárcere de Monforte de Lemos o 22 de novembro procesado na causa 1.312. Dous meses despois, foi reclamado polo xuíz Mariano Pérez Hickman Hickman, a quen se lle encomendara a instrución do sumario 636/36, ao que se lle engade a causa 1.312. O 21 de xaneiro de 1937 José Darriba e outros 21 presos foron trasladados ao Cárcere Provincial de Lugo. O 11 de abril, os acusados escoitaron os cargos e solicitaron a comparecencia de testemuñas. O 12 de abril tivo lugar o consello de guerra na Deputación Provincial de Lugo, actuando como fiscal José López Ardá. Dos 33 acusados, Ardá solicitou a pena de morte para 10 deles. Só un procesado obtivo a absolución; 19 son condenados a reclusión con penas que oscilan entre a cadea perpetua e os 12 anos e 1 día; os outros 12, Jose Darriba, Manuel Díaz López, Bienvenido Bao Fernández, Toribio Rodríguez Torres, Bautista Martínez Fernández, Dionisio García Fraga, Rogelio Padín París, Albino Núñez Rodríguez, Nemesio Prieto Ferreiro, Enrique Martínez Franco e Manuel Álvarez Martínez, foron condenados a pena de morte.[1] Pasadas as 12 da noite do 11 de maio de 1937, os once presos foron levados perante o xuíz. Minutos antes das seis da mañá foron levados fronte ás tapias do cuartel da Garda Civil e executados. Foron soterrados no cemiterio de Magoi, en Lugo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Pueblo Gallego, 12-5-1937, p. 8.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Garrido, Alicia (2021). José Darriba Puente o fillo da Licha. Memoria dun fusilado (1917-1937). Cangas do Morrazo: Morgante. ISBN 978-84-15166-93-1. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]