John Dramani Mahama
John Dramani Mahama, nado en Damongo o 29 de novembro de 1958, é un historiador, escritor e político ghanés que ocupou o cargo de presidente de Ghana desde o 24 de xullo de 2012 até o 7 de xaneiro de 2017. Foi deputado de 1997 a 2009, e ministro de Educación de 1998 a 2001.[1] Era compañeiro de fórmula de John Evans Atta Mills, do Congreso Nacional Democrático, nas eleccións xerais de 2008, triunfando por unha estreita marxe en segunda volta e converténdose en Vicepresidente. Tras o falecemento de Atta Mills por un cancro de larinxe, o 24 de xullo de 2012, Mahama converteuse en presidente e foi elixido candidato do seu partido para as seguintes eleccións presidenciais, nas que triunfou por unha marxe moi estreita, do 50,70%, contra Nana Akufo-Addo, do Novo Partido Patriótico. Mahama converteuse así no primeiro Presidente de Ghana nacido despois da independencia do país, en 1957, e o único até agora en servir en todos os niveis da función política de Ghana (deputado, viceministro, ministro, vicepresidente e presidente).
Xurou o cargo presidencial para un mandato completo o 7 de xaneiro de 2013. O seu mandato caracterizouse por numerosos escándalos de corrupción, sobre todo a partir da segunda metade do mesmo, así como por un empeoramento da situación económica, o cal minguou severamente a súa popularidade inicial e a do seu partido.[2][3] En 2016, Mahama presentouse para a reelección, sendo derrotado nas eleccións por Akufo-Addo, que obtivo unha ampla vitoria co 54% dos votos. Mahama foi así o primeiro Presidente ghanés que fracasaba en obter a reelección. Mahama entregou o cargo o 7 de xaneiro de 2017.
Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Oriundo da rexión do norte e pertencente ao grupo étnico gonja, Mahama naceu en Damogo, provincia de Damango en Ghana o 29 de novembro de 1958, despois da independencia de Ghana. Seu pai, un terratenente do lugar, Emmanuele Mahama, sería o primeiro asembleísta do seu distrito na Primeira República de Ghana durante o mandato de Kwame Nkrumah, até o golpe militar en 1966.
Mahama cursaría os seus primeiros estudos na Achimota School. Logo trasladaríase a Tamale para cursar a Escola Secundaria, e posteriormente estudaría na Universidade de Ghana en Legon obtendo unha licenciatura en historia en 1981 e un diploma en Comunicación en 1986. Trasladaríase á Moscova da URSS para estudar Ciencias Sociais, especializado en Psicoloxía social, logrando o título de posgrao en 1988.
Traballou en Ghana como profesor de historia nunha escola secundaria. Posteriormente traballa como informador de cultura na embaixada do Xapón en Accra entre 1991 e 1995. A partir de entón éselle inculcado o pensamento e ética do traballo e dedicación dos xaponeses ademais do compromiso e a atención aos problemas que se desenvolvían no país para ese momento, facendo cursos en Toquio e Nairobi.
A partir de aí iníciase no plan de apoio non gobernamental contra a pobreza en Ghana onde traballou en Relacións Internacionais e director de Bolsas entre 1995 e 1996. En 1993 traballou para un curso de formador de bolsas para profesionais en Relacións Públicas organizado polo Ministerio de Relacións Exteriores do Xapón.
Carreira política
[editar | editar a fonte]Presentouse como candidato a deputado do parlamento nas eleccións de 1996 como representante da circunscrición de Bole en Bamboi, electo para un mandato de 4 anos. Converteuse así en abril de 1997 en viceministro de Comunicación, feito ministro un ano máis tarde, cargo que ocupou até 2001. En 2000 Mahama foi reelixido como deputado do parlamento pola circunscrición de Bole e logo reelecto por segunda vez en 2004.
De 2001 a 2004, Mahama foi o responsable parlamentario de Comunicacións do seu partido. En 2002, foi nomeado Director de Comunicacións. Ese mesmo ano, desempeñouse como membro do equipo de observadores internacionais seleccionados para monitorear as eleccións parlamentarias de Cimbabue.
Presidente de Ghana
[editar | editar a fonte]Desde xaneiro de 2009 ocupou o posto de vicepresidente, tras a estreita vitoria de John Atta Mills nas eleccións de decembro de 2008.[1] En xullo de 2012 morreu Atta Mils por un cancro de larinxe e, en virtude da Constitución de Ghana, Dramani Mahama converteuse en presidente do país.[4] No seu discurso de investidura eloxiou a figura de Atta Mills, pedindo manter a unidade e a estabilidade do país.[1] O 6 de setembro de 2012 o seu partido, o Congreso Nacional Democrático designouno como candidato para as eleccións de decembro dese ano.[5] Nesas eleccións Dramani logrou a vitoria co 50,7% dos votos, polo que se mantivo no posto de presidente.[6] Os observadores internacionais cualificaron como limpas as eleccións aínda que sinalaron algunhas deficiencias técnicas e organizativas.[7] A oposición , liderada por Nana Akufo-Addo que obtivo o 47,74% dos votos, denunciou unha suposta fraude electoral.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "El vicepresidente ghanés, John Dramani Mahama, investido presidente tras la muerte de Atta Mills" (en castelán). EFE (a través de RTVE). 24 de xullo de 2012. Consultado o 16 de decembro de 2020.
- ↑ Citi FM (ed.). "CHRAJ’s report on Mahama’s Ford gift saga" (en inglés). Consultado o 16 de decembro de 2020.
- ↑ pulse.com.gh (ed.). "Seven scandals that rocked the NDC under John Mahama" (en inglés). Consultado o 16 de decembro de 2020.
- ↑ "Ghana's President John Atta Mills dies" (en inglés). BBC. 24 de xullo de 2012. Consultado o 14 de setembro de 2012.
- ↑ Jerry Tsatro Mordy (6 de setembro de 2012). "RPD endorses Prez Mahama for December elections" (en inglés). Joy Online. Arquivado dende o orixinal o 09 de setembro de 2012. Consultado o 14 de setembro de 2012.
- ↑ "Las urnas legitiman a John Dramani Mahma como presidente de Ghana". Euronews. 10 de decembro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2012. Consultado o 11 de decembro de 2012.
- ↑ "The Mahama factor" (en inglés). Africa Confidential. 14 de decembro de 2012. Consultado o 17 de decembro de 2012.
- ↑ "Ghana legitima en las urnas a John Dramani Mahama como presidente". Yahoo Noticias. 10 de decembro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2012. Consultado o 11 de decembro de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía por CIDOB (en español)