Irmás Bieitas Armenias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

As Irmás Bieitas Armenias (en polaco: Panny Benedyktynki Ormiańskie) foron unha orde relixiosa feminina da Igrexa católica armenia, baseada na regra de San Bieito. A orde estivo activa na arquieparquía de Lviv até a Segunda Guerra Mundial, e foi a única orde de rito armenio que existiu nos territorios da Coroa do Reino de Polonia.

Historia[editar | editar a fonte]

A orde foi fundada en Lviv entre 1675 e 1676 por tres monxas procedentes de Kamianets-Podilskyi. Grazas ao apoio do arcebispo de Lviv Wartan Hunanian recibiron do concello da cidade un terreo no distrito armenio para construír un mosteiro. Inicialmente recibían atención espiritual do párroco da catedral, Onufry Asłanowicz, e estaban gobernadas pola abadesa latina Eleonora Kazanowska. A autorización papal para estabelecer unha congregación diferenciada chegou de Alexandre VIII en 1690. A nova orde seguía a regra de San Bieito, mais conservaba o rito e a pertenza á Igrexa católica armenia. O 24 de decembro de 1692 o arcebispo Hunanian recibiu a profesión solemne das primeiras 14 irmás.

A orde estaba gobernada por unha abadesa. En 1701 foi elixida a primeira no cargo, Marianna Nersesowiczówna, irmá do bispo coadxutor Deodat Nersesowicz.

No mosteiro tiñan unha coñecida e valorada escola feminina, á que acudían non só rapazas armenias, senón tamén polacas e rutenas. Tiñan tamén unha granxa en Lychakiv, e unha capela dedicada á Virxe do Perpetuo Socorro, consagrada o 29 de setembro de 1898 polo arcebispo Izaak Mikołaj Isakowicz.

Logo da II Guerra Mundial e a partir de 1946, logo das perdas territoriais de Polonia, deixaron Lviv e pasaron a vivir coas irmás bieitas de Lubiń. En 1958 trasladáronse a Wołów. A ausencia de vocacións nativas e a práctica desaparición da comunidade armenia en Polonia levaron a que en 1961, baixo a dirección de Jadwiga Jóżak, fixesen un cambio de rito á Igrexa latina, desaparecendo como orde relixiosa diferenciada.

Lista de abadesas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Smirnow, Jurij (2002). Katedra ormiańska we Lwowie: dzieje archidiecezji ormiańskiej lwowskiej. Lviv: Wydawn. San Set. ISBN 9788388417559.