Indian National Satellite System

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Insat 4B»)
Insat-1B antes do lanzamento.

Indian National Satellite System ou INSAT é o nome dunha serie de satélites indios multipropósito. En especial os satélites adoitan ir dirixidos a dar servizos educativos, de comunicacións, meteorolóxicos e de emerxencias. O sistema deu comezo en 1982, co lanzamento do primeiro satélite, o Insat 1A. Entre os participantes do sistema están o Departamento Indio do Espazo (DOS), o Departamento de Telecomunicacións, o Departamento Meteorolóxico Indio, All India Radio e Doordashan.[1]

Insat 1A, 1B, 1C e 1D[editar | editar a fonte]

Os catro primeiros satélites Insat estaban adicados a proporcionar servizos de telecomunicacións e meteorolóxicos. Foron construídos por Ford Aerospace e lanzados entre 1982 e 1990. Insat 1A foi lanzado en abril de 1982 pero foi dado por perdido en setembro de 1983. Con Insat 1B pasou case o mesmo, pero conseguiuse recuperar e chegar á súa órbita xeoestacionaria. Insat 1C tivo varios problemas cos seus transpondedores, e foi finalmente dado por perdido case un ano despois de ser lanzado. Insat 1D tivo problemas antes do lanzamento, cando unha grúa lle caeu enriba durante as preparacións para o lanzamento. Finalmente puido ser reparado e lanzado.[2][1]

Insat 2A e 2B[editar | editar a fonte]

Insat 2A e 2B tamén son satélites de comunicacións e meteorolóxicos. Cunha masa duns 1900 kg, foron fabricados pola axencia espacial india ISRO e levaban a bordo 18 transpondedores en banda C e dous en banda S. Para as observacións meterolóxicas levaban un radiómetro de alta resolución en banda visible e na banda do vapor de auga. Tamén levaba unha cámara CCD cunha resolución de 1 km. Foron lanzados en 1992 e 1993.[3][1]

Insat 2C e 2D[editar | editar a fonte]

Os Insat 2C e 2D tiñan unha masa de algo máis de 2000 kg e os seus paneis solares proporcionaban ata 1,6 kW de potencia. Levaban transpondedores en banda C, banda S e banda Ku e non levaban instrumentación meteorolóxica. Foron lanzados en 1995 e 1997 mediante foguetes Ariane 4.[4][1]

Insat 2E (Intelsat APR-2)[editar | editar a fonte]

Insat 2E ofrecía servizos de comunicacións, mediante 17 transpondedores en banda C, e meteorolóxicos, mediante un radiómetro de alta resolución e unha cámara CCD. Tiña unha masa de 2550 kg e foi lanzado o 2 de abril de 1999 mediante un Ariane 4.[5][1]

Insat 3B[editar | editar a fonte]

O Insat 3B foi lanzado o 21 de marzo de 2000 (antes que Insat 3A) mediante un Ariane 5. Tiña unha masa de 2070 kg e levaba 12 transpondedores en banda C, 3 en banda Ku e un en banda S. Non tiña instrumentación meteorolóxicas. Usaba por primeira vez un tanque de propelente de titanio fabricado integramente na India. O satélite tiña forma aproximada de cubo de 1,93 x 1,70 x 1,65 m e dous paneis solares que lle daban unha envergadura de 14,7 m e proporcionaban ata 1,7 kW de potencia.[6][1]

Insat 3C[editar | editar a fonte]

Insat 3C foi lanzado o 23 de xaneiro de 2002 usando un Ariane 4. Tiña unha masa de 2750 kg e ofrecía so servizos de comunicacións mediante transpondedores en banda C e S e MSS para servizos móbiles.[7][1]

Insat 3A[editar | editar a fonte]

Insat 3A proporcionaba servizos de telecomunicacións, meteorolóxicos e de rescate. Levaba 18 transpondedores en banda C, 6 en banda Ku e un en banda S, así como un radiómetro de alta resolución e unha cámara CCD. Un transpondedor en UHF recollía datos hidrolóxicos en tempo real de estacións situadas en terra. O Insat 3A foi lanzado o 9 de abril de 2003 mediante un foguete Ariane 5.[8][1]

Insat 3E[editar | editar a fonte]

Insat 3E tiña unha masa de 2750 kg e foi lanzado o 27 de setembro de 2003 mediante un Ariane 5. Estaba adicado so a comunicacións e levaba a bordo 36 transpondedores en banda C. Fallou e quedou fóra de servizo en marzo de 2014.[9][1]

Insat 3D[editar | editar a fonte]

Insat 3D é un satélite exclusivamente meteorolóxico. Cunha masa de 2061 kg, foi lanzado o 25 de xullo de 2013 mediante un Ariane 5. Leva a bordo un sondador de 19 canais, unha cámara de seis canais e un radar de apertura sintética. Despois de ser lanzado sufriu unha serie de anomalías, aínda que puido finalmente ser recuperado.[10][1]

Insat 4A e 4B[editar | editar a fonte]

Ambos satélites estaban adicados ás comunicacións unicamente. Tiñan unha masa duns 3000 kg e foron lanzados o 21 de decembro de 2005 e o 11 de marzo de 2007 respectivamente foguetes Ariane 5. Cada un levaba a bordo doce transpondedores en banda Ku e doce en banda C.[11][1]

Insat 4C e 4CR[editar | editar a fonte]

Insat 4C era un satélite puramente de comunicacións que non chegou a órbita debido a un fallo no seu foguete lanzador, un foguete GSLV, o 10 de xullo de 2006. O seu substituto, Insat 4CR, tivo problemas para chegar á súa órbita operativa debido tamén a un problema co seu lanzador GSLV, o 2 de setembro de 2007, acortándose a súa vida útil.[12][1]

Insat 4E (GSat 6)[editar | editar a fonte]

Insat 4E, coñecido tamén como GSat 6, é un satélite de comunicacións deseñado para ofrecer servizos móbiles. Ten unha masa de 2117 kg e leva a bordo dez transpondedores. Foi lanzado o 27 de agosto de 2015 mediante un foguete GSLV.[13][1]

Insat 4F (GSat 7, Rukmini)[editar | editar a fonte]

Insat 4F, coñecido tamén como GSat 7 e Rukmini, é un satélite de comunicacións con transpondedores en banda S, banda C, banda Ku e UHF para ser usado pola Forza Naval da India. Foi lanzado o 29 de agosto de 2013 mediante un foguete Ariane 5.[14][1]

Insat 4G (GSat 8)[editar | editar a fonte]

Insat 4G, ou GSat 8, é un satélite de comunicacións con 18 transpondedores en banda Ku a bordo. Ten unha masa de 3150 kg e foi lanzado o 20 de maio de 2011 mediante un foguete Ariane 5.[15][1]

GSat 12 e 12R[editar | editar a fonte]

GSat 12 e 12R son satélites de comunicacións, o primeiro lanzado como substituto de Insat 3B con 12 transpondedores en banda C a bordo. Ambos usan o bus I-1K e teñen unha masa duns 1400 kg. O primeiro foi lanzado o 15 de xullo de 2011 e o segundo o 17 de decembro de 2020, ambos a bordo de foguetes PSLV XL.[16][1]

Insat 3DR e 3DS[editar | editar a fonte]

Insat 3DR e 3DS son satélites puramente meteorolóxicos sen carga de comunicacións. Son melloras do Insat 3D, cun sondador de 19 canais, unha cámara de 6 canais e un instrumento de avisos de alerta. Insat 3DR foi lanzado o 8 de setembro de 2016 e Insat 3DS o 17 de febreiro de 2024, ambos a bordo de foguetes GSLV Mk.2.[17]

Historial de lanzamentos[editar | editar a fonte]

Misión[1][2][3][4][5][6][7][8][9][10][11][12][13][14][15][16][17] Data de lanzamento[1][2][3][4][5][6][7][8][9][10][11][12][13][14][15][16][17] Foguete lanzador[1][2][3][4][5][6][7][8][9][10][11][12][13][14][15][16][17] Notas[1][2][3][4][5][6][7][8][9][10][11][12][13][14][15][16][17]
Insat 1A 10 de abril de 1982 Delta 3910 PAM-D Éxito
Insat 1B 30 de agosto de 1983 Transbordador espacial Éxito
Insat 1C 21 de xullo de 1988 Ariane 3 Éxito
Insat 1D 12 de xuño de 1990 Delta 4925 Éxito
Insat 2A 9 de setembro de 1982 Ariane 4 Fallo
Insat 2B 10 de novembro de 1984 Ariane 4 Éxito
Insat 2C 6 de decembro de 1995 Ariane 4 Éxito
Insat 2D 3 de xuño de 1997 Ariane 4 Éxito
Insat 2E (Intelsat APR-2) 2 de abril de 1999 Ariane 4 Éxito
Insat 3B 21 de marzo de 2000 Ariane 5 Éxito
Insat 3C 23 de xaneiro de 2002 Ariane 4 Éxito
Insat 3A 9 de abril de 2003 Ariane 5 Éxito
Insat 3E 27 de setembro de 2003 Ariane 5 Éxito
Insat 4A 21 de decembro de 2005 Ariane 5 Éxito
Insat 4C 10 de xullo de 2006 GSLV Fallo
Insat 4B 11 de marzo de 2007 Ariane 5 Éxito
Insat 4CR 2 de setembro de 2007 GSLV Fallo parcial
Insat 34G (GSat 8) 20 de maio de 2011 Ariane 5 Éxito
GSat 12 15 de xullo de 2011 PSLV XL Éxito
Insat 3D 25 de xullo de 2013 Ariane 5 Éxito
Insat 4F (GSat 7) 29 de agosto de 2013 Ariane 5 Éxito
Insat 4E (GSat 6) 27 de agosto de 2015 GSLV Éxito
Insat 3DR 8 de setembro de 2016 GSLV Éxito
GSat 12R 17 de decembro de 2020 PSLV XL Éxito
Insat 3DS 17 de febreiro de 2024 GSLV Éxito

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 Mark Wade (2020). "Insat" (en inglés). Consultado o 26 de maio de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 1A, 1B, 1C, 1D" (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 2A, 2B" (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 2C, 2D" (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 2E / Intelsat APR-2" (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2020. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 3B" (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2020. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 3C" (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2020. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 3A" (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2020. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 3E" (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2020. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 3D" (en inglés). Consultado o 27 de maio de 2020. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 4A, 4B" (en inglés). Consultado o 29 de maio de 2020. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Insat 4C, 4CR" (en inglés). Consultado o 29 de maio de 2020. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "GSat 6, 6A / Insat 4E" (en inglés). Consultado o 29 de maio de 2020. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "GSat 7 (Insat 4F, Rukmini)" (en inglés). Consultado o 29 de maio de 2020. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "GSat 8 (Insat 4G)" (en inglés). Consultado o 29 de maio de 2020. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "GSat 12, 12R (CMS 01)" (en inglés). Consultado o 21 de decembro de 2020. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Gunter Dirk Krebs (2024). Gunter's Space Page, ed. "Insat 3DR, 3DS" (en inglés). Consultado o 22 de febreiro de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]