Inmaculado Corazón de María
O Inmaculado Corazón de María é unha devoción católica usada para referirse á vida interior da Boaventurada Virxe María, os seus gozos e tristezas, as súas virtudes e a súa perfección e, sobre todo, o seu purísimo amor por Deus Pai, o seu amor maternal por Xesús e polos homes.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]O corazón de María é mencionado especificamente na Biblia.[2] Esta devoción é mencionada por san Gregorio Taumaturgo, Pai da Igrexa do século III, por Teodoto de Ancira, do século V, e polo teólogo bieito Ruperto de Deutz, do século XII.[3]
No século XVII, o sacerdote francés san Xoán Eudes escribiu as primeiras obras sobre o Corazón de María. A mediados do século XVII fundou a Congregación de Jesús e María para relixiosos, a Orde da nosa Señora da Caridade do Refuxio para relixiosas e a Sociedade do Corazón de María Admirable para segrares.
San Antonio María Claret fundou en 1859 a Congregación de Misioneiros Fillos do Inmaculado Corazón de María en España.[4] Teófilo Verbist fundou en 1862 a Congregación do Inmaculado Corazón de María en Bélxica.[5]
En 1917, nas aparicións de Fátima, Portugal, a Virxe María apareceuse a tres nenos pastores, Jacinta Marto, Francisco Marto e Lúcia dos Santos. Contoulles sobre a difusión da devoción ao Inmaculado Corazón de María e do rezo do rosario para solucionar os graves problemas aos que se enfrontaba o mundo. Tamén dixo que volvería para pedir a consagración de Rusia ao Inmaculado Corazón.[6] En 1929 a Virxe volveu aparecerse a Lucía dos Santos, un do tres videntes de Fátima, en Tui, e díxolle que chegara o momento de que o papa realizase a consagración en unión con todos os bispos do mundo.[7]
Orixe
[editar | editar a fonte]A devoción ao Sagrado Corazón de Xesús[8] e ao Inmaculado Corazón de María están moi estendidas no catolicismo.
Despois do Nacemento de Cristo, os pastores adoraron ao Neno no portal de Belén. Entón a Biblia di que "María atesouraba todas estas cousas, meditándoas no seu corazón".[9] Posteriormente, tras a presentación de Jesús, o primoxénito (e unixénito) home, no Templo de Xerusalén, un ancián chamado Simeón recoñeceu o neno, dixo que era a Salvación e profetizou a Paixón de Cristo á Virxe María dicindo "unha espada atravesarache a alma a fin de que queden ao descuberto as intencións de moitos corazóns" (Lucas 2:35).[10][11][12] Por iso, este corazón represéntase a miúdo cun puñal ou con sete, xa que é o número bíblico da plenitude e tamén está na devoción das sete dores da Virxe María.[13][14]
O Inmaculado Corazón tamén se representa ás veces cunha coroa de rosas.
Aparicións
[editar | editar a fonte]A Primeira guerra mundial tivo lugar entre 1914 e 1918 na que participou Portugal que, daquela, tiña un goberno laicista; e, en febreiro de 1917, tivo lugar unha revolución en Rusia, que desembocou en outubro dese mesmo ano no primeiro goberno comunista da historia.
Aparicións en Fátima
[editar | editar a fonte]O 13 de maio de 1917, tres pastores, Lúcia dos Santos, Francisco Marto e Jacinta Marto, afirmaron que a Virxe María se lles aparecera en Fátima (Portugal). De novo, o 13 de xuño, notificaron unha segunda aparición na que, supostamente, díxolle a Lucía que ela propagaría polo mundo a devoción ao Inmaculado Corazón. O 13 de xullo de 1917, nunha suposta terceira aparición, mostroulles unha visión do Inferno e díxolles que quería salvar ás almas coa oración e a devoción ao Inmaculado Corazón.[15] Tamén se mencionou unha frase referida á "noite iluminada" que, os crentes, relacionaron cunha aurora boreal que puido presenciarse en toda Europa, o norte de África, Norteamérica e Australia a noite entre o 25 e o 26 de xaneiro de 1938, un ano antes da Segunda guerra mundial (1939-1945).[16]
De novo, menciónase outra aparición da Virxe María o 13 de agosto de 1917, pero os nenos non puideron acudir porque o alcalde tíñaos presos para evitar que se propagase esa devoción.[15] E, supostamente, fóronse sucedento novas aparicións aos cativos o 19 de agosto,[15] o 13 de setembro e, de novo, o 13 de outubro, na que a Virxe volveu dicir que se rezase o rosario. As súas últimas palabras nas aparicións de 1917 foron: "Non ofendan máis a Deus, que xa está moi ofendido".[15]
Aparicións en Pontevedra
[editar | editar a fonte]En 1925, Lucía, fíxose monxa dorotea en Galicia. Atopándose no convento das doroteas de Pontevedra, o 10 de decembro de 1925 sor Lucía, afirmou ter unha visión do neno Xesús e da Virxe María co seu corazón rodeado de espiñas. Pouco despois, en 1927, sor Lucía escribiu que a Virxe, naquela aparición, especificáralle en que consistía a comuñón dos primeiros sábados, coas seguintes palabras:[17]
A devandita sacra comuñón dos primeiros sábados consiste en confesarse, comungar cada primeiro sábado de mes durante cinco meses (para reparar cinco tipos de blasfemias), rezar o rosario e meditar nos seus misterios.[18]
O 13 de xuño de 1929, atopándose no convento das doroteas de Tui, sor Lucía declarou que tivera unha visión da Santísima Trindade e da Virxe María.[19] Segundo sor Lucía, a Virxe díxolle:[7]
Chegou o momento en que Deus pide ao Santo Pai que faga, en unión con todos os bispos do mundo, a consagración de Rusia ao meu Inmaculado Corazón; prometendo salvala por este medio.
En 1931, Xesús aparecéuselle a Lucía e díxolle que fixese saber aos seus ministros que, en vista de que seguían o exemplo do rei de Francia, na dilación da execución da petición, tamén o haberían de seguir na aflición. Isto faría referencia a que o rei de Francia negárase a consagrar o seu país ao Sagrado Corazón de Xesús cando isto foi pedido pola vidente Margarita María de Alacoque en 1689 e a que 100 anos despois caeu a monarquía francesa.[20][21]
En 1937, o bispo José Correira da Silva enviou unha carta a Pío XI onde mencionaba a petición da consagración de Rusia ao Inmaculado Corazón.[22]
Regreso a Portugal
[editar | editar a fonte]En 1948, Lucía regresou a Portugal e ingresou no Convento de Santa Teresa, de carmelitas descalzas, en Coimbra onde foi entrevistada polo sacerdote Agustín Fontes, o 26 de decembro de 1956. Cando regresou a México deu unha conferencia na que relatou o que lle dixo sor Lucía. Segundo Fontes, nesta entrevista ela mostrouse desanimada, e dixera que o demo estaba a librar unha batalla decisiva contra a Virxe e que o rezo do Rosario e a devoción ao Inmaculado Corazón de María eran os últimos remedios que Deus ía dar ao mundo e que, por conseguinte, xa non ía haber outros.[23][24]
Festividade
[editar | editar a fonte]O Misal Romano posterior ao Vaticano II, de 1969, trasladou a festa do Inmaculado Corazón ao día posterior ao Sacro Corazón de Jesús, que oscile entre o 30 de maio e o 3 de xullo.[25]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bainvel, Jean. "Devotion to the Immaculate Heart of Mary". The Catholic Encyclopedia. Vol. 7. Nueva York: Robert Appleton Company, 1910. 20 de decembro de 2012
- ↑ Evanxeo segundo san Lucas, capítulo 2, versículos 19 e 51
- ↑ Hugo Rahner (2002). María y la Iglesia. Madrid: Ediciones Cristianas. p. 138. ISBN 84-7057-463-9.
- ↑ Forlin Parrucco, Marcella (2000). "Cosme y Damián". Diccionario de los Santos I. Madrid: San Pablo. p. 245. ISBN 84-285-2258-8.
- ↑ IOANNES PP. XXIII (1962). "EPISTULA AD OTMARUM DEGRIJSE, CONGREGATIONIS IMMACULATI CORDIS MARIAE MODERATOREM GENERALEM, PRIMO SAECULO VOLVENTE EX QUO EADEM CONGREGATIO CONDITA EST". Vaticano. Consultado o 2 de xaneiro de 2020.
- ↑ Jesús Martí Ballester. "El Inmaculado Corazón de María". Catholic.net. Consultado o 2 de xaneiro de 2020.
- ↑ 7,0 7,1 Jesús Azcárate Fajarnés (2017). Sor Lúcia de Fátima: Vidente de la Virgen. Madrid: Palabra.
- ↑ "Devocionario del Sagrado Corazón". Paulinas. 2002. ISBN 980-207-584-1.
- ↑ "Luke 2:19 Text Analysis". Bible Hub. Consultado o 3 de xaneiro de 2020.
- ↑ "La Circuncisión y la Presentación en el templo (Jornada 12)". Vid. Obras de la Congregación Mariana. Consultado o 3 de xaneiro de 2020.
- ↑ "Luke 2:35". Bible Hub. Consultado o 3 de xaneiro de 2020.
- ↑ Joseph A. Fitzmyer (1987). El Evangelio según Lucas. Capítulos 1-8,21 II. Madrid: Ediciones Cristiandad. p. 261. ISBN 84-7057-408-6.
- ↑ Enrique Alcalá Ortiz (1994). Soledad en todos: historia de la Real Cofradía del Santo Entierro de Cristo y María Santísima de la Soledad Coronada (1594-1994). p. 270. ISBN 978-84-920181-0-9.
- ↑ Jamieson-Fausett Brown, A. R. Fausset y David Brown. Comentario Exegetico y Explicativo de la Biblia. p. 569.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 "Virgen de Fátima (1917)". EWTN. Consultado o 4 de xaneiro de 2020.
- ↑ David R. Petriello (2018). "Tide of War: The Impact of Weather on Warfare". Skyhorse Publishing. ISBN 978-1-5107-2819-6.
- ↑ "La devoción al Inmaculado Corazón de María: sor Lucía, vidente de Fátima, explica por qué urge". Religión en libertad. 22 de decembro de 2017.
- ↑ "La devoción de los Cinco Primeros Sábados". Catholic.net. Consultado o 4 de xaneiro de 2020.
- ↑ Carolina Crespo Fernández (15 de maio de 2016). "El mensaje de Fátima y Tui". Faro de Vigo.
- ↑ "¿Es la conversión de Rusia, la prometida por nuestra Señora en Fátima?". Proyecto Emaús. 11 de outubro de 2017.
- ↑ Andrew Apostoli (2014). Fátima para hoy. Ignatius Press.
- ↑ João César das Neves (2016). "Lucía de Fátima y sus primos". Bogotá: San Pablo. p. 101.
- ↑ "Silenciando a los mensajeros: El Padre Fuentes (1959 - 1965)" (PDF). Fátima.org. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de xaneiro de 2020. Consultado o 2 de xaneiro de 2020.
- ↑ Antonio Socci (2012). "El cuarto secreto de Fátima". La Esfera de los Libros.
- ↑ Francisco María Fernández Jiménez (2017). "El misterio del Corazón Inmaculado de María". Toletana. pp. 1–39.