Independientes por Vimianzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Independientes por Vimianzo (IxVimianzo)
Partido de ámbito local
Dirixentes e organización
LíderAlejandro Rodríguez Lema
Historia
Fundación31 de xaneiro de 2011
Posicións políticas
IdeoloxíaSocialdemocracia
Galeguismo
Municipalismo
Representación
Concelleiros en Vimianzo
2 / 13
Outros datos
SedeRúa Blanco Rajoy, 34 2º andar, 15129 Vimianzo

Independientes por Vimianzo foi un partido político local fundado en 2011 polo daquela entón alcalde socialista de Vimianzo Alejandro Rodríguez Lema. Formalmente foi inscrito o 31 de xaneiro de 2011 no rexistro de partidos do Ministerio do Interior de España[1][2].

Xurdiu como unha escisión do PSdeG-PSOE vimiancés en torno ao alcalde Rodríguez Lema, expulsado en novembro de 2009 por mor das súas críticas á política de pactos do seu partido a nivel autonómico co BNG, partido que exercía unha dura oposición contra el en Vimianzo e que incluso chegou a negociar en 2007 un pacto de goberno co PPdeG para afastalo da alcaldía[3]. Alejandro Rodríguez Lema encabezou as listas nas eleccións municipais de 2011 co obxectivo de anovar na alcaldía unha lexislatura máis.

Finalmente foi derrotado polo BNG, sendo elixido alcalde o nacionalista Manuel Antelo Pazos co apoio do PSdeG-PSOE. Rodríguez Lema non chegou a tomar posesión da súa acta como concelleiro, sendo a portavoz do grupo a súa sobriña Mónica Rodríguez Ordóñez. En marzo de 2013, e habéndose rachado o acordo entre nacionalistas e socialistas en outubro de 2011, impulsarían unha moción de censura contra o alcalde xunto co Partido Popular e dous edís tránsfugas do PSdeG-PSOE, sendo un destes últimos quen a encabezaba. Porén dita iniciativa non sairía adiante tras ser anulada polos tribunais por irregularidades na súa tramitación[4].

De cara ás eleccións municipais de 2015 Mónica Rodríguez Ordóñez[5] foi a candidata a alcaldía. Os resultados foron peores cós dos anteriores comicios xa que, pese a que IxVimianzo se converteu no principal partido da oposición, perderon case dez puntos porcentuais e un edil, renovando Manuel Antelo a alcaldía, desta volta xa con maioría absoluta.

En xullo de 2018 os membros de IxVimianzo volveron ao PSdeG-PSOE, sendo Mónica Rodríguez cabeza de lista para as municipais do 2019[6], nas cales logrou a vitoria e foi elixida alcaldesa.

Resultados electorais[editar | editar a fonte]

Ano Votos Porcentaxe Concelleiros Candidato/a
2011 1427 24,26 % 3 Alejandro Rodríguez Lema
2015 818 15,98 % 2 Mónica Rodríguez Ordóñez

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Registro de Partidos Políticos". Ministerio del Interior del Gobierno de España. Arquivado dende o orixinal o 30-09-2017. Consultado o 27-06-2016. 
  2. Coruña, La Opinión de A. "El alcalde de Vimianzo lidera un partido independiente para ´seguir al mando´". Consultado o 2016-06-27. 
  3. PP y BNG de Vimianzo iniciaron sus contactos y Mouzo ve posible un pacto en Corcubión
  4. "O alcalde ao que lle medraron os ananos - Praza Pública". Praza Pública. Consultado o 2016-06-27. 
  5. Cerqueiro, Redacción QPC, Ubaldo (2015-05-07). "Eleccións #24M: 6 listas na procura da estabilidade en Vimianzo". Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2016. Consultado o 2016-06-27. 
  6. "O PSOE e IxVimianzo unen forzas con Mónica Rodríguez como candidata". Que pasa na costa. 2018-07-14. Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2018. Consultado o 2018-07-15.