Ilyushin Il-76

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilyushin Il-76
Tipocargueiro estratéxico e táctico
Deseñado porIlyushin
Primeiro voo25 de marzo de 1971
Introducidoxuño de 1974
Unidades construídas960
VariantesIlyushin Il-78
Beriev A-50
KJ-2000

O Ilyushin Il-76 (ruso: Илью́шин Ил-76; designación OTAN: Candid) é un cargueiro estratéxico multipropósito deseñado pola oficina de deseño soviética Ilyushin. Foi planeado inicialmente como cargueiro comercial en 1967 para substituír o Antonov An-12. Deseñouse para transportar maquinaria pesada a áreas remotas e pobremente comunicadas. Versións militares do Il-76 foron amplamente usadas en Europa, Asia e África, incluídas as variantes de reabastecemento en voo e centro de mando.

O Il-76 usouse moito como cargueiro comercial para cargas entregadas por rampla, especialmente para obxectos moi pesados ou moi grandes que non poden transportarse doutro xeito. Tamén foi usado como transporte de resposta en emerxencias para evacuacións de civís e para transportar axuda humanitaria en desastres ao redor du mundo. Grazas á súa habilidade de operar en pistas ser pavimentar, ten sido útil en áreas subdesenvolvidas. Tamén se produciron modelos especializados para extinción de incendios e adestramento en gravidade cero.

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

O avión foi concibido por Ilyushin en 1967 para cumprir co requisito dun cargueiro capaz de levar unha carga útil de 40 toneladas a unha distancia de 5 000 km en menos de seis horas, capaz de operar desde pistas sen preparar, e capaz de facer fronte ás peores condicións meteorolóxicas para poder ser usado en Siberia e nas rexións árticas da Unión Soviética. O novo avión debería substituír tamén o Antonov An-12. Outro deseño era un avión de 250 pasaxeiros de dobre cuberta, mais ese proxecto foi cancelado. O Il-76 voou por primeira vez en marzo de 1971.[1]

A produción do Il-76s foi asignada á Asociación de Produción de Aviación de Tashkent, Uzbekistán, entón república da Unión Soviética. Fabricáronse unhas 860 unidades das variantes básicas de transporte.[2] A finais dos 90 desenvolvéronse versións modernizadas tamén equipadas con turboventiladores Soloviev D-30 (MF, TF),[3] cun compartimento de carga de 20 m de longo, 3,4 m de largo e 3,4 m de alto; esas versión máis grandes non foron fabricadas en cantidades significativas debido aos problemas económicos que estaba a experimentar a Forza Aérea de Rusia, que era o principal operador do tipo. O prototipo do Il-76MF realizou o seu primeiro voo o 1 de agosto de 1995.[4]

Máis desenvolvementos[editar | editar a fonte]

Il-76 da aeroliña Volga-Dnepr

A partir de 2004 modernizáronse varios aparellos en servizo comercial á versión Il-76TD-90VD; isto implicou a adopción do motor PS-90 recentemente desenvolvido para cumprir coas limitacións de ruído europeas.[5] En 2005 a China realizou un pedido por 34 novos Il-76MDs e por 4 Il-78 de reabastecemento en voo.[6] En 2010 este mesmo país fixo un pedido á axencia de exportación militar rusa Rosoboronexport, 10 avións Il-76MD de segunda man, sendo entregado o primeiro deles en xaneiro de 2013.[7]

O Il-76 tamén foi modificado para converterse nun avión de reabastecemento en voo, coa designación Il-78, fabricándose uns 50 aparellos desta versión.[2] Unha variante do Il-76 tamén serve como avión de extinción de incendios. A súa célula usouse para o avión AEW&C (alerta temperá e control aerotransportado) Beriev A-50 'Mainstay' dos que se construíron uns 25.[2] Outras aplicacións do tipo foi en voos de apoio na Antártida e para realizar adestramentos simulados de ingravidez para cosmonoautas (de xeito semellante ao "Vomit Comet" usado pola NASA). Beriev e NPO Almaz tamén desenvolveron un laboratorio de voo láser aerotransportado denominado A-60, dos cales fabricaron dous, aínda que gran parte dos detalles deste proxecto permanecen clasificados.[8]

Il-76MD-90A[editar | editar a fonte]

En 2010 anunciouse que comezaría a produción dun Il-76 modernizado, o Il-76MD-90A (tamén coñecido como proxecto Il-476 durante a fase de deseño); unha nova liña de produción proposta estaría situada nas instalacións de Aviastar en Ulyanovsk, Rusia, e operaríase en cooperación coas instalacións de Tashkent.[2] Nese momento, a construción de dous prototipos Il-76MD-90A comezara nas instalacións de Ulyanovsk.[9] O primeiro Il-76MD-90A presentouse na planta de Aviastar o 16 de xuño de 2014.[10] O 29 de abril de 2015 informouse de que as Forzas Aeroespaciais de Rusia recibiran o primeiro Il-76MD-90A construído na fábrica de Ulyanovsk "Aviastar-SP" do contrato de 2012 por 39 avións.[11] O Ministerio de Defensa ruso recibiu o seu primeiro Ilyushin Il-76MD-90A de serie o 2 de abril de 2019.[12] A mediados de 2023 estaban pedidos 27 aparellos que terían que entregarse até 2028 e 16 estaban fabricados.[13][14]

Historial operacional[editar | editar a fonte]

II-76MD soviético en 1990

O primeiro avión foi entregado á Forza Aérea Soviética en xuño de 1974,[5] e converteríase no principal transporte estratéxico da Unión Soviética. Desde 1976 foi operado por Aeroflot.

Entre 1979 e 1991, os Il-76 da Forza Aérea Soviética realizaron 14 700 voos a Afganistán, transportando 786 200 soldados, e 315 800 toneladas de carga. Os Il-76 transportaron o 89% das tropas soviéticas e o 74% da carga aerotransportada. Como os rebeldes afganos eran incapaces de derrubar os Il-76 que voaban a gran altura, as súas tácticas pasaban por intentar danalos cando aterraban ou engalaban. Os Il-76s foron alcanzados a miúdo por mísiles de busca de calor Stinger e Strela disparados desde o ombreiro e por metralladores de grande calibre, porén, debido á súa forte estrutura, os avións eran capaces de recibir unha cantidade considerable de dano e seguir operativos, e a aeronave tivo unha taxa de desgaste notablemente baixa durante este período de conflito.

O 3 de agosto de 1995, un Ilyushin Il-76 de Airstan pilotado por unha tripulación rusa foi forzado a aterrar por un caza da Forza Aérea de Afganistán pilotado por un talibán no que se coñecería como o incidente Airstan. A tripulación estivo na cadea preto dun ano, pero conseguiu escapar do seu confinamento e conseguiu facerse co avión e escapar voando de Afganistán.[15]

Partindo da experiencia soviética nos anos 80, a maior parte do equipo das Forzas Canadenses foi transportada a Afganistán, na guerra contra os talibáns, usando Il-76 civís.[16] En 2006, a Forza Aérea Rusa tiña preto de 200 Il-76. Os usuarios civís en Rusia teñen 108.[2]

Il-76TD chinés

En 2004, un Il-76 da Forza Aérea do Exército Popular de Liberación da China (PLAAF) realizou unha misión de voo en Afganistán, e en 2011 varios Il-76 da PLAAF foron enviados a Libia para evacuar cidadáns chineses. As dúas misións foron os primeiros pasos coñecidos da PLAAF para desenvolver a capacidade de transporte de longo alcance.[17]

O 23 de marzo de 2007, un Il-76 de Transaviaexport foi derrubado por un mísil antiaéreo mentres engalaba de Mogadixo, Somalia. Os sete tripulantes e catro pasaxeiros a bordo morreron.[18]

Os Il-76 da Forza Aérea de Siria, operando como avións civís de Syrianair, utilizáronse para enviar armas, diñeiro e outras cargas desde Rusia e Irán a Siria, segundo informou un piloto militar sirio desertado. Desde o inicio da guerra, en abril de 2011 (e até xullo de 2012), realizáronse uns 20 voos militares entre Teherán e Siria, a través do espazo aéreo iraquí. Outras informacións afirman que desde arredor de 2012, os Il-76 sirios voaron regularmente ao aeroporto de Vnukovo de Moscova para recoller envíos de billetes sirios que foron útiles para o goberno de Bashar al Asad para sobrevivir ás sancións occidentais.[19][20]

O 14 de xuño de 2014, un Il-76 da Forza Aérea de Ucraína foi derrubado por fogo terrestre de separatistas prorrusos mentres se aproximaba ao aeroporto de Luhansk, morrendo 40 soldados e 9 tripulantes a bordo.[21][22]

O 30 de xaneiro de 2017, un Il-76 de extinción de incendios da axencia rusa EMERCOM foi despregado en Chile para asistir os bombeiros na extinción de incendios forestais no país. O avión estivo destacado en Chile 30 días.[23]

Todos os Il-76 de transporte en servizo coas Forzas Aeroespaciais da Federación Rusa recibirán sistemas anti-mísiles. A reconfiguración dos aparellos comezou na primavera de 2019.[24]

En febreiro de 2022, durante a invasión rusa de Ucraína, informouse de que as tropas ucraínas derrubaran dous Il-76 rusos da Axencia Estatal de Comunicacións en Bila Tserkva e Vasylkiv, nos arredores de Kíiv,[25] aínda que en setembro de 2022 non se atoparan restos de ningún avión deste tipo.[26]

O 4 de abril de 2022 apareceron fotografías de dous Il-76, pertencentes á 25ª brigada de transporte aéreo de Ucraína, destruídos en terra por forzas rusas no aeroporto de Melitopol. Un deles estaba activo, mentres que o outro non estaba operativo e levaba tempo estacionado no aeroporto.[27]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ilyushin Il-62M/MK". Flight Global (en inglés). Consultado o 2023-07-26. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Butowski, Piotr. Rosyjski kontrakt na Ił-76 i Ił-78 dla Chin. Lotnictwo nr. 1/2007, pp. 54-55
  3. "Commercial aircraft of the world–Ilyushin Il-76". Flight International. 4283 (140): 66. 4–10 September 1991
  4. "Il-76MF flown at last". Flight Global (en inglés). Consultado o 2023-07-26. 
  5. 5,0 5,1 Butowski, Piotr. Iliuszyn Ił-76 powraca. Lotnictwo nr. 9/2004, p. 28-32
  6. "Il-76 transports and Il-78 tankers top $1.5bn Russia-China arms deal". Flight Global (en inglés). Consultado o 2023-07-26. 
  7. "Il-76MD Transport Plane Delivered to China". The Moscow Times (en inglés). 2013-01-24. Consultado o 2023-07-26. 
  8. "Бериев А-60". www.airwar.ru. Consultado o 2023-07-26. 
  9. "Поставки транспортников Ил-476 заказчикам начнутся в 2012 году". ВПК.name (en ruso). 2010-07-02. Consultado o 2023-07-26. 
  10. "IL-476: Russias New Medium-Heavy Transport Jet". Defense Industry Daily. Consultado o 2023-07-26. 
  11. "Первый серийный самолет Ил-76МД-90А передан Минобороны России". РИА Новости (en ruso). 20150429T1519. Consultado o 2023-07-26. 
  12. "Russian MoD receives first serial production Il-76MD-90A airlifter". Jane's 360. 2019-04-04. Archived from the original on 04 de abril de 2019. Consultado o 2023-07-26. 
  13. "Defense contractor delivers new top-notch military transport plane to Russian troops". TASS. Consultado o 2023-07-26. 
  14. "ЦАМТО / / Очередной серийный Ил-76МД-90А передан в эксплуатацию". armstrade.org. Consultado o 2023-07-26. 
  15. Leone, Dario (2021-02-15). "The story of the Russian Il-76 crew that was forced to land at Kandahar by Taliban MiGs, imprisoned for a year and escaped with their own aircraft after having disarmed their captors". The Aviation Geek Club (en inglés). Consultado o 2023-07-28. 
  16. "Edited Evidence * NDDN * Number 024 (Official Version) - Committees of the House of Commons". web.archive.org. 2007-10-13. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2007. Consultado o 2023-07-27. 
  17. "伊尔-76运输机". airforceworld.com. 2011-10-15. Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2011. Consultado o 2023-07-28. 
  18. "Cargo Plane Shot Down in Somalia". web.archive.org. 2012-11-03. Archived from the original on 03 de novembro de 2012. Consultado o 2023-07-28. 
  19. "I flew secret missions carrying cash and weapons into Syria for Assad, pilot reveals". www.telegraph.co.uk. Consultado o 2023-07-28. 
  20. Grabell, Dafna Linzer,Jeff Larson,Michael (2012-11-26). "Flight Records Say Russia Sent Syria Tons of Cash". ProPublica. Consultado o 2023-07-28. 
  21. Smith-Spark, Laura (2014-06-13). "Source: Ukrainian military plane with at least 49 aboard shot down". CNN (en inglés). Consultado o 2023-07-28. 
  22. "Ukraine crisis: Military plane shot down in Luhansk". BBC News (en inglés). 2014-06-14. Consultado o 2023-07-28. 
  23. Gabbert, Bill (2017-02-27). "Russian IL-76 completes its assignment in Chile". Fire Aviation (en inglés). Consultado o 2023-07-28. 
  24. "Il-76 aircraft to receive new onboard defense systems". airrecognition.com. Consultado o 2023-07-28. 
  25. "Live updates: Zelenskyy declines US offer to evacuate Kyiv". AP News (en inglés). 2022-02-26. Consultado o 2023-07-28. 
  26. Roblin, Sebastian. "An unexpected air-to-air battle is raging over Ukraine. Here's what we know about the losses on both sides.". Business Insider (en inglés). Consultado o 2023-07-28. 
  27. AIRLIVE (2022-04-07). "Two IL-76MD strategic airlifter were destroyed from Russian strikes at Melitopol Air Base, Ukraine". AIRLIVE (en inglés). Consultado o 2023-07-28.