Igrexa de Santa María a Real de Entrimo
Igrexa de Santa María a Real de Entrimo | |
---|---|
Vista da igrexa | |
País | España |
Localización | Entrimo |
Coordenadas | 41°55′58″N 8°06′57″O / 41.932777777778, -8.1158333333333 |
Estilo | Barroco |
[ editar datos en Wikidata ] |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A igrexa de Santa María a Real de Entrimo é un templo relixioso situado na vila de Entrimo (provincia de Ourense). De estilo barroco churrigueresco, non se atopan datos fidedignos sobre a súa construción aínda que se estima que terminou ó redor do ano 1739.
Historia
[editar | editar a fonte]Aínda que non se dispón de documentación fidedigna, parece que as obras de cantaría da igrexa foron terminadas en 1739 sendo abade Agustín Leboso, e que foi erixida polo Rei coa colaboración do pobo, como testemuña o escudo real posto encima da fachada principal. Curiosamente o escudo conta coa aguia dos Austria a pesar de que os Borbón xa estaban a reinar, o que fai pensar nunha reconstrución posterior.
Sempre tivo o título de abadía que aínda se conserva no arquivo e no selo parroquial.
Descrición
[editar | editar a fonte]O corpo da igrexa é de planta de cruz latina de 45 por 20 metros, con tres naves separadas por oito pilastras e un coro enriba das primeiras cubrindo a entrada principal. Os tramos da bóveda son de crucería e as naves laterais teñen xunto o cruceiro dúas capelas semicirculares.
As diferenzas das fachadas entre si, coa torre e o interior do templo, fan supor que eses elementos corresponden a datas distintas e proxectos diferentes.
A fachada tallada en granito fino dos montes de Entrimo, ten forma dun retablo e organízase en catro corpos, enmarcados por pilastras. O primeiro centrado na porta, en arco moldurado de medio punto, adornado con cabezas de anxos e flanqueado por tres pares de columnas: salomónicas lisas na parte superior do fuste as primeiras e estriadas os outros dous pares. O segundo corpo ten un fornelo coa imaxe en pedra da Virxe da Asunción e catro pares de columnas salomónicas enlazadas con talos de viñas e froitos das mesmas. No centro do terceiro corpo hai un panel da Santísima Trindade, co Espírito Santo en forma de pomba e o Pai e o Fillo en figuras humanas portando unha coroa destinada á Virxe María. A ambos os dous lados hai catro pares de columnas salomónicas como as do segundo corpo. O cuarto corpo é un ancho friso rematado por un frontón partido, destacándose no medio o escudo de España coa aguia bicéfala, sendo a decoración de marcos e motivos de follas, coroado con tres estatuas de anxos tocando instrumentos de corda que ocupan o podio e os ángulos do frontón.
A fachada cobre soamente a nave central do templo, sendo os corpos laterais de perpiaños salvo a parte de arriba, na que levan unha franxa de remuíños cun gran triángulo de decoración de follas nos que se apoian senllos pináculos cunhas bólas que chegan até a base do frontón.
A torre de vinte e cinco metros de altura está datada no ano 1727 como campanario, ten ó redor unha balconada de pedra con remate de pináculos, tambor e cúpula hemisférica cunha pía bautismal na súa base. Unhas escaleiras que comezan no adro, levan ó corpo de campás, contemplando dende alí unha bela panorámica do pobo e dos seus arredores.
Conta con outras dúas fachadas laterais; a do sur é do tipo retablo, en dous corpos e un frontón, enmarcándose a porta entre dous pares de columnas de fuste liso. Vemos a imaxe de San Xosé enmarcada nun par de columnas salomónicas e outras dúas estriadas, con tres esculturas haxiográficas e dúas gárgolas con figuras mitolóxicas. Na do norte hai enriba da porta unha imaxe do Salvador en tamaño natural, resolvéndose a fachada cunha gran sobriedade de aire compostelán, rematada en sectores curvos.
Partindo das fachadas norte e sur, e sostida en cada arranque por unha figura humana, rodea as naves exteriores un fermoso friso de follaxes e cordón. A cuberta da nave central é máis alta que a dos laterais para recibir a luz e o cruceiro é máis alto que a nave central e a parte absidal. Enriba deste cruceiro elévase un corpo exterior de media laranxa, rematada cunha lanterna das que fixeron escola nos séculos en que se desenvolveron as obras.
Na Igrexa hai seis retablos de distintas feituras e o altar de Cristo crucificado coa Virxe das Dores. No altar o Ecce Homo, que antes foi Nazareno, asegúrase que foi inspirado, dirixido e pagado do seu patrimonio particular polo cardeal Quevedo.
O adro de perpiaños ó redor do templo remátase cun Vía Crucis, algunhas das artísticas cruces xa foron rotas polos vándalos.
Citas
[editar | editar a fonte]O templo aparece citado nun texto do poeta galego Manuel Amor Meilán, nuns apuntamentos históricos sobre Xelmirez: "Ilmo Sr.: A Igrexa de Entrimo mereceu noutros tempos ser unha nena consentida de Cardeais, Bispos e Escritores. Agora está triste, chora, sente morriña daqueles amores; por Deus facédelle algún mimo, facédelle algunha caricia."
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ogando Vázquez, J. F.: Todoentrimo 1989, memoria para su declaración como monumento histórico
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Igrexa de Santa María a Real na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.