Igrexa de San Francisco do Porto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Francisco do Porto
Fachada da igrexa.
Datos xerais
PaísPortugal Portugal
RexiónRexión Norte
TipoIgrexa-Convento
AdvocaciónSan Francisco
LocalizaciónPorto
Coordenadas41°08′28″N 8°36′58″O / 41.141, -8.616Coordenadas: 41°08′28″N 8°36′58″O / 41.141, -8.616
CatalogaciónMonumento Nacional
Culto
CultoCatólico
DiocesePorto
Arquitectura
Construción1383-1410
EstiloGótico, Barroco
Igrexa de San Francisco en Portugal
Igrexa de San Francisco
Igrexa de San Francisco
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de San Francisco do Porto (Igreja de São Francisco) é a igrexa do convento de San Francisco que se construíu a principios do século XIV no Porto, Portugal.

Está construída en granito, e na arquitectura da mesma aprécianse elementos románicos e góticos de influencia galega. O pórtico é de estilo barroco, edificado entre os séculos XVII-XVIII.

Historia[editar | editar a fonte]

Despois de que os Franciscanos chegasen ao Porto, no ano 1233, tiveron notábeis dificultades para se instalar na cidade, debido á hostilidade que, durante décadas, manifestou cara á Orde Franciscana o daquela bispo do Porto, Pedro Salvadores, quen mesmo chegou a expulsalos da cidade. A primitiva igrexa do convento de San Francisco foi mandada construír polos frades franciscanos no ano 1245, grazas á intervención do papa Inocencio V, que a través da bula Doelentis accepimus confirmou a posesión do terreo á orde franciscana. A actual igrexa empezouse a construír en 1383, cun grande apoio popular, e a súa construción finalizou no ano 1410.

Durante un espazo duns 160 anos, entre os séculos XVI e XVII, o interior da igrexa foi revestido en madeira por imaxineiros portugueses, grazas ás achegas das familias do Porto que estableceron os seus panteóns no adro, como consecuencia do cal, presenta o aspecto actual.

No século XIX, a igrexa sufriu graves danos como consecuencia da inestábelsituación política que atravesaba o país. En 1809, durante a ocupación napoleónica de Portugal, o edificio foi usado como corte das bestas, sufrindo diversos danos algúns dos retablos e outros elementos artísticos do templo, como columnas. Durante a guerra civil portuguesa (1828-1834) o convento ficou derruído, conservándose soamente a igrexa. Ao finalizar a guerra, os membros da Orde Franciscana foron expulsados do país por orde do rei Pedro IV, dado que durante a contenda apoiaran o seu adversario, o rei Miguel I. No espazo que no seu día ocupaba o convento construíuse o actual Palacio da Bolsa.

En 1910 foi declarada Monumento Nacional. En 1996 a igrexa foi integrada no Patrimonio da Humanidade, ao formar parte do conxunto monumental da cidade vella do Porto.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A estrutura da igrexa non sufriu alteracións significativas desde 1410, sendo o mellor exemplo de arquitectura gótica do Porto.

Interior.

A nova igrexa rematada en 1410 representa unha ampliación significativa do espazo anterior, agora con tres naves en cinco tramos, transepto saínte e cabeceira tripartita cintada por contrafortes. A fachada principal está reforzada por dous contrafortes gradados (a mesma solución é utilizada como reforzo do transepto, a ábsida e absidiolas)

O modelo planimétrico adoptado é semellante ao xa ensaiado en numerosos templos portugueses a partir do gótico mendicante do século XII. Unha característica rexional importante é a presenza de motivos lacrimais decorados con esferas na parte superior da capela maior, de influencia galega.

Na fachada principal distínguese un rosetón compartimentado en doce seccións por columniñas radiais unidas por arcos. No século XVIII engadiuse o portal-retablo do frontispicio de estilo barroco, ten dous andares, o primeiro flanqueado por columnas salomónicas xeminadas e o segundo cunha fornela coa imaxe de San Francisco flanqueada por columnas salomónicas e ménsula.

Ao longo da fachada lateral sur, face ao río Douro, apréciase unha cornixa que acouga sobre canzorros. Nesta fachada distínguese un portal moi simple, con tres arquivoltas oxivais. A moldura interior está decorada con relevos de estilo mudéxar. O portal ten un gablete decorado cun pentagrama.

Na fachada posterior, por riba do altar, hai outro pentagrama, enmarcado nun pequeno rosetón, delineado con trazaría.

A igrexa actual ten tres naves de cinco treitos, sendo a central máis alta que as laterais e con cobertura de artesoado de madeira, a dúas augas. As naves están formadas por dez treitos de arcos oxivais que apoian en columnas fasciculadas e con chapiteis zoomórficos e fitomórficos, catro das cales demarcan o coro alto. O transepto é saínte e profusamente iluminado e a cabeceira, tripartita, como se mencionou. O altar maior máis profundo e está cinguido por grandes contrafortes. A luz do transepto vén só da fiestra ao lado sur, xa que a do norte ficou cega pola construción do Palacio da Bolsa. O revestimento de tamaño do teito da nave central e do transepto data do 1732.

Arte[editar | editar a fonte]

Capela de San Xoán Bautista

O único elemento de imaxinaría que se conserva da primeira igrexa é unha estatua de San Francisco de Asís, do s.XIII. Durante o reinado de Xoán I realízase unha pintura mural referente á Nosa Señora da Rosa, atribuída a Antonio Florentim, unha das máis antigas pinturas murais intactas do país. O conxunto atópase actualmente enmarcado nun retablo que data de 1740.

Retablo dos mártires franciscanos de Marrocos

No lateral esquerdo da igrexa atópase a Capela de Nosa Señora da Conceición ou da Árbore de Xesé, a talla é obra dos escultores Antonio Gomes e Filipe da Silva. Trátase dunha reformulación dunha obra preexistente, realizada entre 1718 e 1721. Da obra anterior, o máis salientábel son as esculturas que realizou o escultor bracarense Manuel Carneiro Adão en 1719. Trátase dunha talla policromada que representa a árbore xenealóxica de Xesús, cos doce reis de Xudá ligados polas pólas da árbore no corpo xacente de Xesé. Na parte superior da árbore está Xosé, baixo dunha imaxe da Virxe co Neno. As fornelas que flanquean o conxunto conteñen estatuas de San Xoaquín e Santa Ana (pai e nai de María) e de catro doutores franciscanos que escribiron sobre a Inmaculada Concepción.

A década de 1750 marca a fase final do barroco xoanino portugués, atopándose no templo obras desta época con influencia rococó. Dous exemplos disto son o retablo da Anunciación e o dos santos mártires franciscanos de Marrocos. Entre 1760 e 1773, novos elementos foron incorporados á igrexa, grazas a José Teixeira Guimarães e Francisco Pereira Campanha. Desta época datan os retablos de San Xoán Bautista, na capela dos Carneiros, que se atopa no transepto, e os retablos da Virxe da Soidade e da Virxe da Anunciación.

As catacumbas da igrexa[editar | editar a fonte]

Catacumbas da igrexa

As catacumbas da igrexa de San Francisco foron construídas so da casa anexa á igrexa, construída entre 1746 e 1749, para habilitar a secretaría e o escritorio da orde no Porto. Á primeira fase de construción seguiron outras dúas máis: en 1795, levou a cabo unha ampliación por baixo da igrexa, na que interviñeron os arquitectos Antonio Pinto Miranda e Vicente Mazzonneschi. A segunda ampliación, levada a cabo en 1802, abarcou o chan por baixo da capela de Santo Antonio.

Entre 1749 e 1866, os benfeitores da Orde no Porto e as súas familias foron soterrados aquí. En 1866, os soterramentos cesaron, en base á Lei da Saúde Pública do ministro Costa Cabral. De acordo co estatuto de 1751, as sepulturas do cemiterio eran comúns a todos os irmáns, salvo as dos irmáns máis vellos. A partir de 1866, os irmáns empezaron a ser sepultados nun espazo privado do cemiterio municipal de Agramonte.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • MJ Barroca - História da Arte em Portugal: Ou Gótico, 2002 - Presença
  • Web de l'IGESPAR (en portugués)
  • GIL, Júlio: As mais belas igrejas de Portugal, vol. I. Editorial Verbo, 1989.
  • Paneis informativos baixo da igrexa.