Hodonimia de Barcelona
Os hodónimos de Barcelona están regulados pola Ponència de Nomenclàtor dels Carrers de Barcelona, unha comisión dependente da concellería de Cultura do Concello de Barcelona. Os nomes de rúas e vías públicas da Cidade Condal cambiaron co tempo, e foron o reflexo de varios acontecementos históricos, sociais, políticos, económicos e culturais acontecidos na cidade. A súa evolución estivo igualmente marcada por factores como o urbanismo e os cambios físicos e territoriais na fisonomía da cidade, derivados principalmente da súa expansión xeográfica polo Pla de Barcelona, con dous fitos principais: o Plan do Eixample elaborado por Ildefons Cerdà e a agregación de concellos limítrofes entre os séculos XIX e XX.
Os nomes de rúas máis antigos existentes hoxe en día en Barcelona son de orixe medieval. Non obstante, a súa regulación non se iniciou ata o século XIX, e ata mediados dese século non comezou a colocación de placas nas rúas co seu nome. Ademais, se ata ese século os hodónimos proviñan principalmente da tradición, dende entón iniciouse unha alternancia da denominación de rúas por motivos políticos, segundo os diferentes períodos históricos: o Trienio liberal de 1820-1823, os períodos liberais de 1840 e 1854, o Sexenio Democrático (1868-1874), a ditadura de Primo de Rivera (1923-1929), a Segunda República (1931-1939), a ditadura franquista (1939-1975) e a restauración democrática.
En 2002 había contabilizadas 4472 rúas, que supoñían un total de 1300 quilómetros lineais.
Galicia no rueiro de Barcelona
[editar | editar a fonte]Galicia está presente nos hodónimos de Barcelona en nomes de lugares (carrers de Galícia, La Corunya, Lugo, Miño, Ourense e Pontevedra) e mais persoas (carrer de Feijoo, carrer de Rosalía de Castro e plaça Castelao).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte] Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
|