Historia de Moscova
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2013.) |
Moscova é a capital da Federación Rusa.
Kremlingrado
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Todo semella indicar que antes do ano 1100 existía xa unha pequena fortaleza eslava (1,5Ha) na confluencia do río Neglinnaia no Moscova, dominando o seu val dende o outeiro Borovitsky [1], nas inmediacións da cal se asentou unha aldea. Ese era o conxunto que mencionan as crónicas por primeira vez coma Moscova no 1147 [2]. O príncipe de Suzdal Yuri Dolgoruky o envolve cunha muralla de madeira, terrapléns de terra e foxo no desprotexido lado leste en 1156 [3] dando inicio a historia da cidade co primeiro Kremlin (de krem, troncos de conífera empregados no muro). Eran pouco máis de tres hectáreas cun perímetro de 700m que se estendía sobre o val do río Neglinnaia (entre as portas Borovitskaya e Troitskaya do Kremlin actual) e cun van que o salvaba [4]. Poida que cedo se establecera ao leste, na beira do Moscova, un primeiro asentamento de comerciantes, o chamado Zaradye Posad, berce da futura Kitai Gorod.
O século XIII é o da inseguridade e a destrución case absoluta polas invasións mongois (1237-1240, e de novo en 1290). A cidade porén reponse con sorprendente vitalidade. Daniil Alexandrovich convértese no primeiro príncipe de Moscovia, vasalo dos mongois, construíndo para o caso (1290-1300) unha primitiva residencia palaciana no outeiro Borovitsky e dous mosteiros fóra do Kremlin.
Capital de Moscovia
[editar | editar a fonte]Pero foi co seu fillo e sucesor Iván Kalita cando Moscova colleu pulo de capital: alí trasladou tamén a sede do principado de Vladimir e a sé metropolitana da Igrexa Rusa. Ampliou o pazo e comezou ó seu carón polo leste a construción en pedra da Catedral da Asunción (1326) [5] e a igrexa de San Miguel Arcanxo (1333) entre outras. Asemade, erixiu unha nova e gran fortaleza (1339-40, troncos de 70 cm de diámetro) [6].
A fortaleza ardeu en 1365 e Dmitri Donskoi decidiu levantar unha en pedra que se rematou en 1367 aparecendo así o chamado Kremlin Branco pola súa cor [7]. A máis dun Gran Pazo agrandando os anteriores, mandou construír dez igrexas en pedra [8].
Terceira Roma
[editar | editar a fonte].
En 1453 ten lugar a caída de Constantinopla, sé da Igrexa Ortodoxa; en 1462 ascende o poder do principado de Moscovia Iván III o Grande, quen o converte no dominante da rexión logrando emancipalo da tutela mongol. Proclámase Gran Duque de todas as Rusias e pretende que a súa capital Moscova sexa a terceira Roma. Comeza un vasto programa construtivo para o que manda chamar a renomeados arquitectos italianos. Así, entre 1475 e 1479 levántase unha nova e magnífica Catedral da Asunción no lugar da vella do século XIV, xa arruinada. En sucesivos anos refanse tamén a Catedral da Anunciación e a do Arcanxo que xunto a outras menores, ó Pazo das Facetas e a posterior Torre da Campá configuran un dos conxuntos arquitectónicos máis intensos do mundo, a Praza das Catedrais do Kremlin . Finalmente toda a fortaleza arrodéase dunha nova muralla con vinte torres (1485-95), perímetro triangular, en ladrillo vermello e de claro sabor italiano (Castelo Scalígero de Verona, Castelo Sforcesco de Milán) [9]. Queda así establecida a base fundamental do que hoxe coñecemos coma corazón da cidade de Moscova, un desenvolvemento que levou catrocentos anos [10].
Kitai Gorod
[editar | editar a fonte]Fora do Kremlin, inmediatamente ao leste un van atravesaba o Moscova [11], e o antigo suburbio mercantil de Zaryade a beira do río estendérase cara ao norte configurando a chamada Kitai Gorod. Entre medias, un espazo baleiro creado dende o edicto de Iván III no 1493 para deixar espazo as novas murallas e protexelas dos frecuentes incendios das edificacións de madeira. Neste lugar, Pozhar (futura Praza Roxa), iríanse asentando os postos do mercado. O conxunto cinguiríase con murallas en 1534-38 conformando o que permanecerá como cidade vella de Moscova cun evidente e persistente carácter comercial.
No 1547 Iván o Terrible coróase coma Tsar de todas as Rusias con Moscova coma capital do imperio. Poucos anos despois, para conmemorar unha vitoria manda construír a célebre Catedral de San Basilio na Pozhar, que por estar ao carón do foxo do Kremlin chamouse nun principio da Intercesión da Virxe no Foxo [12],[13],[14].
En 1584-91, tralo saqueo tártaro que estragou todo excepto o Kremlin e reduciu a poboación de 200.000 a 30.000 habitantes, construíuse un novo cinto de murallas en pedra que tamén incluían os suburbios periféricos en torno a cidadela e a Kitai Gorod: a chamada Bely Gorod (Cidade Branca)[15]. E aínda en 1592 un terceiro muro periférico de terra con 50 torres que por vez primeira saltaba o río Moscova iniciando o patrón circular para o futuro desenvolvemento da cidade. Ao anaco de cidade entre o segundo e o terceiro cinto chamóuselle Zemlyanoy Gorod (Cidade de Terra) [16]. A maiores, o sistema defensivo completouse cun anel de seis mosteiros-fortaleza ao sur e o leste, por onde chegaban os ataques dos tártaros de Crimea [17].
Os séculos XVII e XVIII son de certo estancamento urbano: O primeiro por comezar co chamado Período dos Tumultos ata a chegada dos Romanov ao poder e despois polas continuas revoltas populares ou dos comerciantes. O segundo porque en 1712 o tsar Pedro o Grande traslada a capital do imperio a San Petersburgo. A cidade languidece un tempo inda que pronto comeza a súa recuperación da man do apoio do tsar a creación de factorías sobre todo do téxtil. Soamente cabe salientar unha última barreira exterior, a Kamer-Kollezhsky con dezaseis aduanas en 1741 e o derrubo da muralla da Bely Gorod e a súa substitución por unha coroa de bulevares en 1770-80 (ambas operacións de claro ascendente parisiense) [18]. Esta é a cidade que vai atopar Napoleón cando a súa breve conquista en 1812. Os rusos entrégana baleira e ardendo. Máis de dous terzos resulta destruído.
Século XIX
[editar | editar a fonte]Trala catastrófica retirada dos franceses no inverno, en 1813 establécese un gran programa de reconstrución no que cabe salientar novos pazos no Kremlin e o Teatro Bolshoi, levantado xusto ao norte da muralla da Kitai Gorod, xunto ao antigo leito do Neglinnaia, agora cuberto. Derrúbase o muro de terra exterior e substitúese por outra coroa de avenidas, o chamado Anel Xardín (Sadovoye Koltso 1826 en adiante). No 1851 comeza a era dos ferrocarrís en Rusia (liña Moscova-San Petersburgo) dos que Moscova vai ser o nodo central. Constrúese un anel de estacións cara a todas as direccións do imperio, a maioría en prazas aproveitando terreos nos límites da cidade preto da barreira Kamer-Kollezhsky [19]. Isto xunto a proliferación de numerosas industrias na periferia da barreira favorecerá a chegada de milleiros de traballadores que triplicarán a poboación da capital (de 336.000 en 1835 a 978.000 en 1897). Serán a sementeira do descontento contra os poderes absolutos nas revolucións proletarias dos comezos do seguinte século.
Revolucións: capital da Unión Soviética
[editar | editar a fonte]A partir de 1890 tamén se desenvolve a industria pesada e a poboación de traballadores volve a duplicarse (1 983 000 habitantes en 1915). A riqueza xerada favorece a ostentación da grande arquitectura burguesa en estilos pintorescos (Museo da Historia no lado norte da Praza Roxa, e os Almacéns GUM seguindo a tradición do antigo mercado pechando o leste [20]). Máis a outra cara da moeda era o descontento das masas obreiras coa súa calidade de vida.
As revolucións de 1905 e 1917 tiveron pronto eco en Moscova (perda da metade da poboación na guerra civil), e tralo seu triunfo, en 1918, Lenin e o goberno soviético trasládanse á cidade e ratifícana como capital da URSS en 1922.
En 1928 deron comezo unha serie de plans quinquenais que recuperaron e incrementaron a capacidade industrial da metrópole da man, de novo, dunha enorme afluencia de poboación nova (4 182 916 en 1939) [21].
A primeira liña do metro máis fastoso e usado do mundo inaugurouse en 1935.
A cidade foi asediada polos alemáns na segunda guerra mundial, pero volveu a triunfar sobre os invasores. Despois, os recoñecibles rañaceos da época stalinista (as "sete irmás" mais dúas non construídas) puntuaron o seu perfil [22]. De seguida recuperou o seu frenético crecemento que a levou nos sesenta ata os seus límites administrativos no Anel de Circunvalación Exterior [23]. Máis de dez millóns de habitantes convértena nunha das maiores do mundo.
Caída do comunismo: capital da Federación Rusa
[editar | editar a fonte]No século que comeza, xa coma capital de Rusia e da man do capitalismo, preténdese facer de Moscova unha cidade de negocios mundial para o que estanse levando a cabo grandes proxectos urbanos cos rañaceos máis altos de Europa, no que cabe salientar o chamado Centro Internacional de Negocios de Moscova, ao oeste do Anel Xardín, á beira do río.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 03 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 03 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 03 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 03 de xullo de 2007.
- ↑ Imaxe[Ligazón morta]
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 04 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 05 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 05 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 08 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 08 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 09 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 10 de xullo de 2007.
- ↑ Imaxe
- ↑ Imaxe[Ligazón morta]
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2012. Consultado o 09 de xullo de 2012.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 10 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 10 de xullo de 2007.
- ↑ "Mapa". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 10 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2012. Consultado o 09 de xullo de 2012.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2012. Consultado o 05 de setembro de 2012.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2005. Consultado o 13 de xullo de 2007.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 02 de novembro de 2005. Consultado o 02 de novembro de 2005.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2012. Consultado o 07 de xullo de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia de Moscova |