Hipoxeos de Quinta do Anjo
Os hipoxeos de Quinta do Anjo son un conxunto de catro grutas artificiais realizadas cara fins do neolítico e principios do calcolítico situadas na freguesía de Quinta do Anjo no concello de Palmela en Portugal. Debido á súa importancia histórica foron declarados Monumento Nacional en 1934.
Situación
[editar | editar a fonte]Emprazados nun terreo adquirido polo concello de Palmela, nun outeiro calcario creado no miocénico, sitúanse ó remate do núcleo urbano da parroquia de Quinta do Anjo, entre as rúas Duque de Palmela e Manuel Joao de Lima Simoes, desembocando en sendas pistas terreas que dan ó monumento.
Características
[editar | editar a fonte]Encadrados dentro do Parque Natural da Arrábida e orientados cara diferentes direccións, contan con certas características comúns. Constan dunha galería de entrada que dá acceso a unha sala abovedada de planta circular dun diámetro de en torno a 5 metros. Neles non se realizaban enterramentos primarios, senón que eran empregados como osarios. O seu estado actual está algo deformado con respecto ó de orixe, xa que foron empregados durante o século XIX como canteira. A súa construción foi datada, moi posiblemente polo polen atopado, entre os meses de marzo e outubro.
Escavacións
[editar | editar a fonte]As primeiras escavacións con rigor científico foron realizadas en 1876 por Antonio Mendes e Agostinho da Silva, e en 1906 polo Marqués da Costa. Anteriormente un aristócrata do lugar foi coleccionando obxectos que ían aparecendo, sendo posteriormente doados ás autoridades culturais.
Materiais atopados
[editar | editar a fonte]Multitude de materiais atopáronse nas diferentes covas; entre eles:
- Industria lítica: tanto de pedra puída como lascada: lascas, láminas, núcleos, puntas de frecha, machados, raspadores, xubias...
- Cerámica: tanto decorada como non decorada e campaniforme: cuncas, vasos, cazolas e fragmentos de forma indeterminada.
- Artefactos metálicos: pezas de cobre, punzóns, puntas de frecha, pequenos tubos, espirais e placas todas de ouro.
- Adornos: fragmentos de colar de acibeche, alfinetes, botóns de óso antropomorfos, pendentes, dentes de animais perforados, conchas perforadas...
- Outros: ídolos relixiosos cilíndricos, ósos retocados, puntas de óso, fragmentos de brazais, numerosos restos de fauna, ósos humanos, moluscos, seixos, placas gravadas, fragmentos de puñais de óso, restos de peixes, ovicaprinos e cabalos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Soares, Joaquina. Os Hipogeus Pré-históricos da Quinta do Anjo (Palmela) e as Economías do Simbólico. Museu de Arqueologia e Etnografía do Distrito de Setúbal. Setúbal, 2003.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Páxina da Dirección Xeral de Monumentos Nacionais Portugueses sobre os Hipoxeos (aínda que con algún pequeno erro)[Ligazón morta]