Hileo
Hileo, na mitoloxía grega, pode designar a tres personaxes diferentes:
Hileo, participante na cacería do Xabaril de Calidón[editar | editar a fonte]
Hileo foi un dos heroes que participaron na partida de caza do Xabaril de Calidón, un xabaril de gran tamaño e forza que devastaba as terras de Calidón e acababa co gando e coa xente. Mandouno a deusa Artemisa como castigo ó rei Eneo por esquecer incluíla nun sacrificio que ofrecera ós deuses olímpicos cos primeiros froitos colleitados nunha anada de abundancia.
Para acabar co animal, Eneo chamou a diferentes heroes da Hélade e prometeu a súa pel a aquel que conseguira darlle morte. O chamamento reuniu a numerosos heroes e guerreiros de toda Grecia, entre os que se incluía Meleagro (o fillo de Eneo), Cástor e Pólux, Teseo, Xasón, Ificles, Atalanta e moitos outros.
Tamén estaba Hileo, que morreu ó comezo da caza, xunto a Anceo, fillo de Licurgo.
"Cando tiñan rodeado o xabaril, Hileo e Anceo morreron a mans da fera e Peleo feriu coa xavelina, sen querer, a Euritión".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 8, 2)
Hileo, centauro[editar | editar a fonte]
Atalanta, filla de Esqueneo, aínda que as fontes lle dan distinta xenealoxía, foi abandonada no monte polo seu pai, que só quería fillos varóns. Recollérona e criárona uns cazadores ata que, xa adulta, decideu manterse virxe e dedicarse á caza. Foi unha das participantes da caza do Xabaril de Calidón.
Os centauros Reco e Hileo intentaron violala [1] pero ela matounos coas súas frechas.
Segundo outra tradición non morreu nesta ocasión, senón que sería un dos atacantes na batalla entre centauros e lapitas, co gallo da voda de Pirítoo con Hipodamía, onde morreu a mans de Teseo; ou dos que atacaron a casa de Folo, cando este acollía ó seu amigo Heracles, e neste caso morrería asetado por este.
Hileo, can de Acteón[editar | editar a fonte]
Acteón, fillo de Aristeo, cometeu a imprudencia de ver espida a Artemisa mentres andaba de caza cos seus cans. A deusa, indignada, converteuno en cervo e acirrou os cans contra el. Foi devorado sen ser recoñecido, e logo os cans buscárono por todo o bosque laiando por el.
Un destes cans chamábase Hileo.
"E sen máis ameazas, [Diana] pon na súa cabeza cornos de cervo lonxevo, prolóngalle o pescozo, aguza por riba as súas orellas... Mentres dubida víronlle os cans; Melampo e Icnóbates foron os primeiros en dar o sinal cos seus ladros. Axiña lánzanse á carreira outros... e o fogoso Hileo, pouco antes ferido por un xabaril...".(Ovidio: Metamorfosis III, 193-213)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Antes, Hileo xa ferira gravemente a Melanión, que pretendía a Atalanta.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
- OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017, VIII, 279-298 [a numeración segue a utilizada neste texto].
- PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].