Henoteísmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


O henoteísmo ou monolatría é a crenza relixiosa segundo a cal recoñécese a existencia de varios deuses, pero só un deles é suficientemente digno de adoración por parte do fiel.

Historicamente, o henoteísmo apareceu en pobos politeístas que, por certas circunstancias de carácter espiritual, evolucionaron cara ó monoteísmo. Deste xeito o henoteísta non é un politeísta nin un monoteísta en sentido estrito. O henoteísmo comparte co politeísmo a crenza en varios deuses, aínda que non os considera tan dignos de adoración como o deus propio do henoteísta. E comparte co monoteísmo a crenza de que só un único deus é merecedor de adoración, aínda que non nega frontalmente a existencia doutros deuses.

No xudaísmo[editar | editar a fonte]

O caso de henoteísmo máis famoso é o dos primitivos hebreos. Nas partes máis antigas da Biblia quedaron múltiples rastros de que os hebreos, nunha fase inicial do seu desenvolvemento relixioso, crían na existencia de varios deuses.[1] Hai varios fragmentos que delatan isto, que non negan explicitamente a existencia doutros deuses, referíndose a Iavé coma se houbese máis deuses á parte del.

  • (Falando Iavé): "A vostedes tomareinos para pobo meu, e serei Deus para vostedes. E en diante, coñecerán que Eu son Iavé, Deus de vostedes, que quitei das súas costas o iugo de Exipto" (Éxodo 6:7).
  • (Cántico de Moisés, logo de pasar o mar Vermello): "¿Quen como ti, Iavé, entre os deuses? ¿Quen como ti, glorioso e santo, terrible nas túas fazañas, autor de marabillas? (Éxodo 15:11).
  • (Ietró, sogro de Moisés, referíndose aos exipcios): "O mal que fixeron volveuse contra eles e, nisto, recoñezo que Iavé é o Deus máis grande" (Éxodo 18:11).
  • (Decálogo, mandamento primeiro) "Non teñas outros deuses diante de min" (Éxodo 20:3).
  • (Decálogo, mandamento segundo) "Non te prostres ante eses deuses, nin lles deas culto, porque Eu, Iavé, o teu Deus, son un Deus celoso. Eu castigo fillos, netos e bisnetos pola maldade dos pais cando se rebelan contra min" (Éxodo 20:5).

É de recordar que, segundo a concepción antiga, os deuses eran territoriais, é dicir, o seu poder cubría un territorio determinado, así como o dos reis sobre a Terra. O concepto dun único Deus que co seu poder alcanza a todo o universo é moi posterior, da época dos profetas, quen deostaron aos outros deuses como ídolos que "teñen ollos e non ven, teñen boca e non comen" etcétera. Nese período, o primitivo henoteísmo hebreo transformouse no rigoroso monoteísmo xudeu actual.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Arnold Toynbee (1981): Los griegos: herencias y raíces. México: Fondo de cultura económica. 1995 Pág.14 ISBN 0-19-215256-4