Gong é unha banda francesa de rock progresivo que incorpora elementos de jazz e space rock ao seu estilo musical.[1] O grupo foi fundado en París en 1967 polo músico australiano Daevid Allen e a vocalista inglesa Gilli Smyth. Pola banda pasaron músicos como Didier Malherbe, Pip Pyle, Steve Hillage, Mike Howlett, Pierre Moerlen, Bill Laswell, Theo Travis, Don Cherry,[2] Chris Cutler, Bill Bruford, Brian Davison, Dave Stewart e Tatsuya Yoshida.
O álbum de estrea de 1970 de Gong, Magick Brother, tiña un son de pop psicodélico.[3] No ano seguinte lanzaron Camembert Electrique, cun son rock psicodélico/space rock co que se adoita a asocialos.[4] Entre 1973 e 1974, Gong lanzou os seus mellores traballos, a alegórica triloxía Radio Gnome Invisible, que describía as aventuras de Zero the Hero, Good Witch Yoni e Pot Head Pixies do Planet Gong.
En 1975 Allen e Smyth deixaron a banda, que continuou sen eles lanzando unha serie de álbums de jazz rock baixo o liderado do batería Pierre Moerlen. Esta encarnación pasaría a coñecerse ao pouco tempo como Pierre Moerlen's Gong. Mentres tanto, Smyth formou Mother Gong mentres que Allen iniciou unha serie de grupos derivados, como Planet Gong, New York Gong e Gongmaison, antes de volver a liderar Gong en 1990 ata a súa morte en 2015. Co apoio de Allen, a banda decidiu continuar, lanzando o álbum Rejoice! I'm Dead! en setembro de 2016[5] e The Universe Also Collapses en maio de 2019.[6]