Glosemática
A glosemática é unha ciencia lingüística fundada por Louis Hjemslev en 1935 que ten como obxecto a lingua considerada como un texto infinito que presenta unha estrutura que cómpre definir. Pretende descubrir as unidades mínimas invariantes concentrándose na lingua considerada como unha unidade fechada en si propia.
Características
[editar | editar a fonte]A glosemática abrangue:
- a cenemática, que estuda as unidades de expresión ou cenemas e
- a pleremática, que estuda o plano do contido ou da significación, e nel os pleremas.
O termo foi acuñado por Louis Hjelmslev e Hans Jørgen Uldall como un neoloxismo que combinaba glosario con matemáticas, queréndoo ligar así coa idea de estudo rigoroso.
A glosemática implica unha crítica da lingüística anterior, á que acusa de ser transcendente, isto é, de fundarse en datos exteriores á propia lingua (históricos, físicos, sociais, literarios, filosóficos ou psicolóxicos). A ciencia proposta pretende ser inmanente, isto é, considerar a lingua como unha unidade fechada. A glosemática procura constantes que non sexas extralingüísticas para poder determinar o que é común a todas as linguas humanas e o que fai que unha lingua permaneza idéntica a si mesma a través das flutuacións. Oponse á concepción humanista da lingüística, para a cal os fenómenos dependen do humano e, na lingüística anterior polo menos, só consideraba que se producían unha vez e non podían ser estudados cientificamente.
A glosemática é unha forma de estruturalismo abstracto, moi influída polo cientifismo e o empirismo: pretende descubrir o equivalente dos átomos que descubriron os físicos. Pretende chegar a unha teoría xeral aplicábel a todas as ciencias humanas na que a todo proceso debe corresponder un sistema e na que os resultados deben concordar cos datos da experiencia. A descrición, segundo o que Hjelmslev chama o "principio do empirismo", debe ser (1) sen contradicións, (2) exhaustiva, (3) simple.
Os métodos tradicionais son, segundo Hjelmslev, "indutivos", ou sexa, van do particular ao xeral, polo que só poden fornecer conceptos válidos para un sistema lingüístico dado. A glosemática parte do texto, enunciado ou conxunto de enunciados a analizar e o seu obxecto é a estrutura inmanente da lingua. O texto caracterízase por ser analizábel en unidades menores; unhas son signos e teñen unha significación e outras son figuras de expresión e carecen de contido propio. A noción de función, definida como unha relación entre dous termos, desempeña un papel importante.
A lingua é un sistema de figuras, contrariamente aos sistemas de comunicación construídos a partir de signos non analizábeis (sistemas simbólicos, como a sinalización de estrada, sistemas xestuais ou escritas ideográficas). O contido e a expresión son solidarios: todo enunciado debe ter un contido, mesmo se este for falso, incoherente ou inverosímil.
O contido e a expresión teñen forma e substancia. Polo tanto, pódese analizar a forma do contido en figuras de contido ou pleremas, da mesma maneira que se analiza a expresión en figuras de expresión ou cenemas. A análise de, por exemplo, o signo égua é como segue:
- Cenemas: [ɛ]+ [ɡ] + [w] + [a]
- Pleremas: cabalo + xénero "ela"
En consecuencia, aparecen variantes debido a que as diferenzas morfolóxicas non se acompañan de mudanzas na expresión e invariantes, debido a que as diferenzas morfolóxicas carretan unha mudanza na expresión. Así, en galego o obxecto e o suxeito son variantes, mais en latín son invariantes.
Para a glosemática, todas as linguas teñen o "principio de estrutura" e diferéncianse simplemente pola maneira en que se aplica ese principio. Semellanza e diferenza están en relación coa forma, non coa substancia. A substancia pódese describir a través da forma e non a través dos sons e das significacións. Por iso non existe un sistema fonético universal. Para Hjelmslev, o fonema é unha unidade abstracta independente da realización (fonética) na fala. A glosemática pretende construírse sen recorrer a ningunha lingua concreta ou modalidade construtivista e codificar un padrón universal que defina as condicións necesarias e suficientes da lingua.
Na glosemática, a lingua é unha estrutura na medida en que:
- Consta dun contido e dunha expresión;
- Consta dun proceso (ou texto) e dun sistema;
- Contido e expresión están ligados un ao outro por medio da conmutación;
- Hai relación determinadas no seo do proceso e no seo do sistema;
- Non hai correspondencia directa entre contido e expresión, sendo os signos divisíbeis en compoñentes menores.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Louis Hjelmslev (en inglés)
- Estruturalismo e Lingüística (en inglés)
- Glosemática (en inglés)