Globo de Betanzos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Globo de Betanzos
Aeróstato de Betanzos, Galicia (Spain).jpg
O Globo de Betanzos en 2009.
TipoGlobo de papel
FabricanteDescendentes de Claudino Pita
Deseñado porClaudino Pita Pandelo
Introducido1875 (actual deseño)
Principais usuariosFestas de San Roque de Betanzos

O Globo de Betanzos é un aeróstato de papel non tripulado que se solta tódolos anos na vila de Betanzos a noite do 16 de agosto na honra de San Roque.

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiros globos en Betanzos[editar | editar a fonte]

Atribúese a invención dos globos de papel aos chineses e a súa chegada a Europa a Marco Polo, sería supostamente un dos axudantes do explorador veneciano quen introducira esa tradición en Betanzos.[1]

A tradición de lanzar globos de papel en Betanzos ten máis de douscentos anos. O primeiro aeróstato do que se hai constancia elevouse o 29 de maio de 1814 para celebra-la onomástica do rei Fernando VII, que retornara a España poucos días antes. Non se coñece exactamente como era este primeiro globo, tan só que era un "voluminoso globo" de papel causou admiración entre as persoas que presenciaron o acontecemento.[2] Dende entón hai constancia da solta de globos en acontecementos sinalados: o segundo aeróstato documentado data de 1837 como conmemoración da promulgación da Constitución española dese mesmo ano, facendo voar dous globos para a ocasión; outro evento conmemorativo foi o matrimonio de Isabel II con Francisco de Asís, sendo celebrado co voo dun novo globo; en 1858 a monarca pasou pola cidade de regreso a Madrid dende A Coruña, sendo celebrado elevando un novo globo.[3]

Relación coas festas de San Roque[editar | editar a fonte]

Paralelamente, aínda que se descoñecen os anos e a súa continuidade, o concello comezou a incluír a elevación dun ou máis globos durante as festas patronais na honra de San Roque. Consta a construción de aeróstatos con tal fin nos anos de 1834, 1840, 1863 ou 1865, realizados por artesáns como Manuel Ramos Casal ou Juan Contas. Entre os anos 1868 e 1871 o globo foi confeccionado por Luis Abella, a quen tamén se lle encargou facer o do ano 1876, mentres que no 1872 foi feito por Antonio Pedreira. Emporiso, Claudino Pita Pandelo é o persoeiro relacionado inseparablemente ó Globo de Betanzos, quen o fixo no ano 1875 e de 1877 en diante. Vales Villamarín citaba que no primeiro terzo do século XX voábanse dous grandes globos durante as festas padroeiras: un o día 15 de agosto coincidindo coa Asunción de María, e outro o día 16, o día de San Roque, sendo o segundo de dimensións máis reducidas.[4]

En 1868 voáronse tres globos polos que pagaron a Luis Abella a suma de 96 escudos. No ano seguinte foron de novo tres, mais desta volta o encargado da construción dos globos foi Manuel Ramos Casal, que ademais subministrou os materias necesarios para a súa construción.[5] A partir do ano 1935 suprimiuse o globo do día 15, elevándose un único globo de grandes dimensións o día 16.[6] Claudino Pita é o responsable do actual deseño, que cada ano continúan recreando os seus descendentes ata os nosos días, interrompéndose o evento unicamente durante a Guerra Civil[7][3] e durante a pandemia por coronavirus en 2020.[8]

En 2018 o globo de Betanzos non voou por primeira vez na súa historia a causa dunha rotura motivada presuntamente por engancharse a algún elemento, presumiblemente unha farola da torre da igrexa de Santo Domingo, se ben descoñécese cal puido ser o lugar exacto onde rompeu un dos cuartenones. Ante a imposibilidade de que o aeróstato voara valorouse queimalo no chan, do mesmo xeito como "se queimaría" no ceo, aínda que finalmente optouse por repartir o papel entre o público asistente.[9]

Ascenso do Globo.
Igrexa de Santo Domingo de Betanzos.

Características[editar | editar a fonte]

O Globo de Betanzos faise de xeito artesanal e cos materiais empregados tradicionalmente. As dezaseis porcións que o conforman están feitas con papel pardo, pegado con engrudo de fariña de centeo e reforzado con cinta de algodón. Está ilustrado con viñetas humorísticas. Acada unha altura máxima de 25 metros, un diámetro máximo de 16 metros e unha circunferencia máxima de pouco máis de 50 metros. Pesa baleiro arredor de 150 quilogramos, alberga ata 2 300 de aire, que se quenta mediante a queima de "pachuzos" (fachos de palla) e "chourizos" (paquetes de papel apertado) impregnados en aceite. Considérase o globo de papel máis grande do mundo[10].

O globo lánzase a noite do 16 ó 17 de agosto dende a praza Irmáns García Naveira de Betanzos e sóltase dende campanario da igrexa de Santo Domingo. Ó evento, que dura algo máis de media hora, asisten cada ano decenas de miles de espectadores[11].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. López Orosa, Pablo (25 de xuño de 2010). "La tradición del globo de Betanzos cumple 135 años el próximo 16 de agosto". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 25 de xullo de 2019. 
  2. de las Morás Hervella 1992, pp. 46-47.
  3. 3,0 3,1 de las Morás Hervella 1992, pp. 47.
  4. Vales Villamarín, Francisco (1981). "O globo de Betanzos" (PDF). Anuario Brigantino (Betanzos) (4): 208. 
  5. Erias, p. 56-57
  6. de las Morás Hervella 1992, pp. 48.
  7. Lissarrague Leis 1990, pp. 139.
  8. Cancela, Lucía; S., T. (6 de xullo de 2020). "Este ano non haberá globo nin Caneiros en Betanzos". La Voz de Galicia. Consultado o 19 de agosto de 2020. 
  9. "El globo de Betanzos no puede volar por primera en su historia tras romperse". EuropaPress.es (en castelán). 17 de agosto de 2018. Consultado o 25 de xullo de 2019. 
  10. Nebreda, Marcos (17 de agosto de 2011). "El globo de papel más grande del mundo vuelve a surcar el cielo de Betanzos". El Mundo (en castelán). 
  11. A. S. R. (17 de agosto de 2014). "O globo de Betanzos reinvéntase". La Voz de Galicia. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]