Gerard Lopez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gerard Lopez
Nacemento 27 de decembro de 1971
Lugar Luxemburgo
Nacionalidade España Español, Flag of Luxembourg.svg Luxemburgués[1]
Alma máter Miami University
Ocupación Empresario
editar datos en Wikidata ]

Gerard Lopez (ás veces tamén escrito Gérard ou López) nado en Luxemburgo o 27 de decembro de 1971, é un empresario e home de negocios de orixe galega. Xunto con Eric Lux é un dos socios fundadores de The Genii Group; así como co-fundador e socio director de Mangrove Capital Partners, unha firma de capital risco especializada en tecnoloxía e un dos primeiros investidores de Skype. A nivel deportivo é presidente e director do equipo Lotus de Formula 1, do cal é propietario a través de Genii Capital.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de emigrantes galegos orixinarios de Riotorto, Gérard Lopez graduouse en Sistemas de información de xestión e Xestión operativa na Universidade de Miami. Desde aquela comezou un gran número de negocios, destacando unha empresa de desenvolvemento web, Icon Solutions, e unha sociedade de leasing, ProLease. Hoxe, Gerard Lopez continua a ser un investidor activo en diversas clases de capital privado, que van desde a tecnoloxía ao investimento inmobiliario. En xuño de 2012, Lopez participou na serie de Liderado no Foro Económico Internacional de San Petersburgo sobre a "Identificación da próxima gran cousa".

Fundou tamén Mangrove Capital Partners con Mark Tluszcz, sendo esta empresa un dos primeiros investidores en Skype. Lopez chegou a estar implicado no automobilismo a través de operacións de Mangrove coa empresa Gravity Sport Management. Tamén participou en corridas de resistencia a través do equipo de Gravity Racing Internacional. En 2008 co-fundou con Éric Lux Genii Capital, unha firma de xestión do investimento privado e de asesoría financeira. Lopez é membro do consello de Wix, Zink Imaging, o equipo Lotus F1 e Lotus Group International, ademais de ser membro do Consello Consultivo da Escola de Negocios da Universidade de Miami.

O 26 de xullo de 2013 nun comunicado anunciou que "como símbolo de respecto e mostra de apoio moral" Lotus F1 conduciría coa bandeira galega no Gran Premio de Hungría de 2013 en honor ás vítimas do accidente de Angrois.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://elpais.com/elpais/2015/12/22/eps/1450802961_151149.html
  2. Comunicado en honor das vítimas do accidente de Angrois (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]