George Murnu
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de xaneiro de 1868 Véria, Grecia |
Morte | 17 de novembro de 1957 (89 anos) Bucarest, Romanía |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Romanía |
Educación | Universidade de Bucarest |
Actividade | |
Ocupación | lingüista , tradutor , historiador , poeta |
Partido político | Garda de Ferro |
Lingua | Lingua romanesa |
George Murnu, ou en arromanés Ioryi Murnu, nado o 1 de xaneiro de 1868 en Veria e finado o 17 de novembro de 1957 en Bucarest, foi un escritor, tradutor e historiador romanés, membro da Academia Romanesa dende 1923[1]. Irmán de Ary Murnu (1881-1971), artista plástico.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no seo dunha familia arromanesa na aldea de Brazi, preto da cidade de Veria, na época parte da Macedonia otomá e dende o século XX de Grecia, non moi lonxe do río Bistrita. O seu pai, Ioan Murnu estudara en Atenas e foi profesor de grego, latín e francés en Xanthi (na actual Grecia) e en Bitola (na actual Macedonia do Norte), antes de se ordenar sacerdote, exercendo como párroco da igrexa greco-macedonia en Budapest. George medrou en Veria, localizada preto de varios asentamentos arromaneses, Marușea, Șelea de Sus, Șelea de Jos ou Xirulivad.
Realizou estudos primarios en Veria e secundarios en Bitola, e logo na Universidade de Bucarest, profesor na Universidade de Iaşi en 1893 e ao pouco marchou a Múnic para realizar estudos de posgrao, volvendo a Romanía tras doutorarse en filoloxía. Foi profesor titular do departamento de arqueoloxía da Universidade de Bucarest e director do Museo Nacional de Arqueoloxía (1909).
Traduciu ao romanés a Ilíada mais a Odisea, o que constituíu un acontecemento fundamental na evolución da lingua literaria romanesa[2]. A súa tradución asimilou organicamente a lingua orixinal no espírito da lingua de adopción, procurando no folclore e tradicións romanesas equivalencias da lingua e a mentalidade da épica homérica, nunha íntima familiarización co espírito romanés popular exercendo unha grande influencia na lingua doutros autores. En 1906 publicou en Budapest a primeira parte da súa tradución da Ilíada, en hexametros, e en 1912 deu ao prelo en Bucarest a segunda parte. O texto completo apareceu en 1916, seguíronlle numerosas edicións revisadas ata a aparición da versión definitiva en 1973 que inclúe cambios realizados nos últimos anos da súa vida. A publicación da súa tradución da Odisea foi en 1924 en endecasílabos iámbicos, tamén viu varias edicións corrixidas e a edición definitiva en 1971. Traduciu tamén Electra (1910) e Edipo rei (1943) de Sófocles e Orestia (1942) de Esquilo.
Escribiu poesía orixinal, tanto en arromanés como en romanés, de temas bucólicos. Participou na creación de varias publicacións periódicas[3], xa en 1888 participou na creación de Macedonia. Revista romànilor din Peninsula Balcanică, onde se publicaba literatura orixinal en arromanés, colaborou no Almanahul macedo-român (1900-1903), Lumina. Revistă poporană a românilor din Imperiul Otoman (1903-1908), formou parte do comité de redacción do Calendarul Aromânesc pe anul (1910-1911). En 1911 editou en Bucarest co tamén arromanés Ion Foti a publicación mensual Revista Balcanică, de curta vida. En 1929 colaborou cunha nova proposta arromanesa, Revista Aromănească que se mantivo ata 1931.
Obra
[editar | editar a fonte]- Poesía en romanés
- 1898 - Gânduri și vise,
- 1925 - Alme Sol,
- 1934 - Altare,
- 1934 - Ritmuri pentru tine.
- 1940 - Tropare,
- Poesía en arromanés
- 1931 - Ritmuri macedonene,
- Salbă de cântec aromânesc,
- Chita și Bură.
- Ensaios
- Studiu asupra elementului grec ante-fanariot în limba română, Bucarest, 1894
- Rumanische Lehn-worter im Neugriechischen, mit historischen Vorbe-merkungen. Munic, 1902 (tese de doutoramento)
- Monumente antice din Roma. Bucarest, 1907
- Portretul elin. Studiu iconografic din arheologia clasica. Bucarest, 1908
- Atena și ruinele ei. Bucarest, 1910
- Istoria românilor de la Pind. Vlahia Mare (980 - 1259). Bucarest, 1913
- Cele mai frumoase doine ale poporului roman, dupa diferite colectiuni. Bucarest, 1922
- Bair di cãntic armãnescu. Bucarest, 1932
- Românii din Bulgaria medievală. Bucarest, 1937
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Academia Română - Membri titulari da AR.
- ↑ George Călinescu, Istoria literaturii române de la origini până în prezent, 1941.
- ↑ Pariza, Maria. Presa aromane in date, Biblioteca Culturaii Aromâne