Gasolina
A gasolina[1] é un dos combustibles que usan os motores de combustión interna.
Fabricación e distribución
[editar | editar a fonte]A gasolina fabrícase nas refinerías. En xeral obtense a partir da nafta de destilación directa, que é a fracción máis lixeira do petróleo (exceptuando os gases). É polo tanto unha mestura de hidrocarburos. A nafta tamén se obtén a partir da conversión de fraccións pesadas do petróleo (gasóleo de baleiro) en unidades de proceso denominadas FCC (craqueo catalítico fluidizado) ou hidrocraquer.
Debe cumprir unha serie de especificacións requiridas para que o motor funcione ben e outras de tipo ambiental, ambas reguladas pola lei na maioría dos países. A especificación máis característica é o número de octanos (MON, "motor octane number", RON "research octane number" ou a media dos anteriores).
Hai distintos tipos de gasolinas comerciais, clasificadas en función do seu número de octano. A gasolina máis vendida en Europa (2004) ten un MON mínimo de 85 e un RON mínimo de 95.
Compoñentes
[editar | editar a fonte]Normalmente considérase nafta á fracción do petróleo que ten un punto de ebulición aproximadamente entre os 28 e os 175 °C (límite que varía en función das necesidades comerciais da refinaría). Á súa vez, este subproduto subdivídese en nafta lixeira (ata uns 100 °C) e nafta pesada (o resto). A nafta lixeira é un dos compoñentes da gasolina, cuns números de octano en torno ao 70. A nafta pesada non ten a calidade suficiente como para ser empregada para tal fin, e o seu destino é a transformación mediante o reformado catalítico, proceso químico polo cal se obtén tamén hidróxeno, á vez que se aumenta a octanaxe de dita nafta.
Ademais da nafta reformada e a nafta lixeira, outros compoñentes que se empregan na formulación dunha gasolina comercial son a nafta de FCC, a nafta lixeira isomerizada, a gasolina de pirólise desbencenizada, butano, butenos, MTBE, ETBE, alquilato e etanol. As fórmulas de cada refinaría adoitan ser distintas (incluso pertencendo ás mesmas compañías), en función das unidades de proceso de que dispoñan e segundo sexa verán ou inverno.
A nafta obtense por un proceso chamado "fluid catalitic cracking FCC" (ás veces denominada gasolina de FCC) de gasóleo pesado. Se non está refinada pode ter ata 1.000 ppm de xofre. Ten ó redor dun 40% de aromáticos e 20% de olefinas. Os seus números de octano (MON/RON) están en torno a 80/93.
A nafta lixeira isomerizada (isomerato) obtense a partir da nafta lixeira de destilación directa, mediante un proceso que emprega catalizadores sólidos na base platino/aluminio ou zeolíticos. É un compoñente libre de xofre, benceno, aromáticos e olefinas, cuns números de octano (MON/RON) en torno a 87/89.
A gasolina de pirólise desbencenizada obtense coma subproduto da fabricación de etileno a partir da nafta lixeira. Está composta aproximadamente por un 50% de aromáticos (tolueno e xilenos) e un 50% de olefinas (isobuteno, hexenos). Ten en torno a 200 ppm de xofre. O benceno que contén na orixe adoita ser purificado e vendido coma materia prima petroquímica. Os seus números de octano (MON/RON) están en torno a 85/105.
O alquilato obtense a partir de isobutano e butenos, mediante un proceso que emprega catalizadores ácidos (ben ácido sulfúrico ou ben ácido fluorhídrico). Tampouco ten xofre, benceno, aromáticos nin olefinas. Os seus números de octano (MON/RON) están en torno a 94/95.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Gasolina |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gasolina.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- ATSDR en Español - ToxFAQs™: gasolina de automóvil
- Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo de España: Ficha internacional de seguridad química de la gasolina.