Ganga (libro)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ganga
Autor/aAntón Lopo
OrixeGaliza
LinguaLingua galega
Xénero(s)Novela
EditorialEdicións Xerais
Data de pub.Decembro de 2001
FormatoRústica con lapelas
Páxinas236
ISBNISBN 978-84-8302-724-0
editar datos en Wikidata ]

Ganga é unha novela en lingua galega escrita por Antón Lopo e publicada por Edicións Xerais en decembro de 2001.

Trama[editar | editar a fonte]

Ganga é un tradutor desempregado duns corenta anos, nado en Palas de Rei, que vive en Santiago de Compostela co seu mozo. Ganga é adicto ás anfetaminas, e Rose, a súa parella, é traficante de heroína, droga á que está enganchado. Logo da morte de Rose por mor dunha sobredose, Ganga vese implicado nunha trama de narcotráfico, pois os que lle subministraban droga a Rose queren unha lista coas persoas que estaban enganchadas a un novo produto. Logo de que maten o líder da rede á que pertencía Rose, vai ao Hío á casa da nai deste. Porén, ve que ela tamén está na súa contra, e logo de matala escapa a Barcelona.

Alí corta a melena e comeza a traballar como modelo de escultura, co seu corpo obeso, e convértese en amante dun DJ. Desde Barcelona ve na prensa que en Galiza hai unha vaga de mortes da nova droga que distribuía Rose, e tras ir de novo a Compostela fala cun dos seus clientes. Mais vese obrigado a escapar de novo á India disfrazado de muller, e alí contacta cun gurú, coa axuda do cal resolve a intriga.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra está escrita en terceira persoa cun narrador omnisciente. Está estruturada en 91 capítulos de diferentes tamaños. O autor utiliza trazos dialectais, como o uso do pronome 'il' no canto de 'el'. Isto responde tamén á personalidade do protagonista, botado da axencia de tradución onde traballaba por non respectar o criterio ortográfico seguido.

Entre os temas tratados están a homosexualidade e a drogadicción, pero desde un punto de vista de normalidade. Menciónanse diversas sutancias estupefacientes e alucinóxenas, algunhas legais e de uso médico e outras ilegais e sintéticas.

A obra comeza en abril e abrangue un ano, doce ciclos lunares. A acción ten lugar nas cidades de Santiago de Compostela, Vigo e Barcelona, amais de Cangas, Lugo, e varias vilas e aldeas da India.