Gaivina de á branca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Gaivina de á branca
Chlidonias leucopterus Mai Po.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Laridae
Xénero: Chlidonias
Especie: Chlidonias leucopterus
(Temminck, 1815)
Chlidonias leucopterus map.svg

A gaivina de á branca[2] ou carrán gaiviña[3] (Chlidonias leucopterus ou ás veces Chlidonias leucoptera), é unha especie de gaivina ou carrán da familia das gaivotas (Laridae) ou, para algúns, da familia Sternidae. É unha especie pequena que se encontra xeralmente en corpos de auga doce ou preto deles de gran parte do mundo, incluíndo Europa, África, Asia e Australia. O nome do xénero procede do nome do antigo grego khelidonios, 'similar a unha andoriña', a partir de khelidon, 'andoriña', e o nome específico, leptopterus procede do grego leptos, 'delgado', e pteros, 'emplumado', á súa vez procedente de pteron, 'á'.[4]

Descrición[editar | editar a fonte]

O adulto no verán ten unhas curtas patas vermellas e un bico tamén curto negro (pequeno e robusto, que mide de 22 a 25 mm desde as plumas, claramente máis curto que a cabeza), un pescozo negro (e xeralmente coa parte dorsal gris clara) e ventre negro, un dorso gris escuro, con mitra branca e cola gris clara (case branca), que a miúdo parece 'cadrada' nos individuos novos. A face ten tons amarelados. As ás, como o seu nome indica, son principalmente brancas. A parte interna da á é griseira con cobertoiras de puntas marróns. Na plumaxe non reprodutora a maioría do dorso é branco ou gris claro, aínda que poden manter algunhas plumas anegradas, mesturado coas partes inferiores brancas. As cobertoiras baixo as ás teñen bastante negro. A cabeza é negra con fronte branca. O píleo é marrón anegrado manchado de branco, e a parte posterior do píleo é anegrada con algunhas manchas brancas. Estas marcas brancas son máis pronunciadas no adulto en inverno. Hai unha área triangular escura diante dos ollos. O colar é bastante ancho e branco. Nos individuos novos e adultos en muda, a mitra é gris clara, facéndose gris en ambas as fases máis tarde durante o ano. O colar branco nítido e a mitra illan o manto como unha 'sela' marrón escura. As plumas do manto teñen puntas cunha porción estreita de marrón claro, como tamén as terciarias e escapulares.

Hibridación coa gaivina negra[editar | editar a fonte]

A hibridación entre esta especie e o seu conxénere Chlidonias niger (gaivina negra) observouse en Suecia[5] e nos Países Baixos.[6] Crese que dous exemplares xuvenís no Chew Valley Lake, Inglaterra, detectados en 1978 e 1981, eran tamén híbridos, porque mostraban características mixtas entre as dúas especies, conretamente unha combinación de manto negro (unha característica da especie leucopterus) cunhas manchas negras no lateral do peito (unha característica da especie niger).[7][8]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O seu hábitat reprodutor son as marismas de auga doce do sueste de Europa ata o centro de Asia. Xeralmente nidifican en vexetación flotante nunha marisma ou no chan moi próximos á auga, e poñen de 2 a 4 ovos nun niño construído con pequenos talos de xuncos e outra vexetación. En inverno migran a África, sur de Asia e Australia. É unha ave errante escasa en Norteamérica, principalmente na costa atlántica, pero hai algúns rexistros tamén na costa pacífica e en zonas do interior na rexión dos Grandes Lagos.[9] En Galicia tamén se deixa ver ás veces, e é unha ave accidental.[3]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Como outras especies de Chlidonias, e a diferenza dos carráns "brancos" (Sterna), estas aves non se mergullan para capturar peixes, senón que voan lentamente sobre a tona da auga para recoller os alimentos que haxa na superficie ou capturar insectos en voo. Comen principalmente insectos e pequenos peixes. En voo, as batidas das ás son pouco profundas e pausadas.

A gaivina de á branca é unha das especies que está incluída no Acordo para a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-Eurasiático (AEWA).

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Chlidonias leucopterus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 102, 222. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  5. (en sueco) Alexandersson, H. (1979) En hybridisering mellan vitvingad tärna Childonias leucopterus och svarttärna Childonias niger på Öland 1978 Calidris 8: 151-53
  6. (en neerlandés) Van IJzendoorn, E. J. (1980) Broedgeval van Zwarte Childonias niger × Witvleugelstern C. leucopterus Dutch Birding 2: 62-65
  7. Vinicombe, Keith (1980) Tern showing mixed characters of Black Tern and White-winged Black Tern British Birds 73(5): 223-25
  8. Davis, A. H. (1980) Tern showing mixed characters of Black and White-winged Black Tern British Birds 75(12): 579-80
  9. Bergquist, Lee (23 May 2016). "White-winged tern — last seen in Wisconsin in 1873 — spotted in Manitowoc". The Milwaukee Journal Sentinel. Consultado o 24 May 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]