Francisco Pereira Martínez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaFrancisco Pereira Martínez
Biografía
Nacemento11 de xaneiro de 1783 Editar o valor em Wikidata
Cartago Municipality, Colombia (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte20 de agosto de 1863 Editar o valor em Wikidata (80 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeColombia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónavogado Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

José Francisco Ramón Vicente Pablo Pereira Martínez, nado en Cartago en 1783 e finado en Tocaima o 20 de agosto de 1863, foi un terratenente, avogado, naturista e político colombiano. Está considerado como un dos precursores da independencia de Colombia. A cidade de Pereira foi nomeada así na súa honra.[1][2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Cartago, no actual Valle del Cauca, sendo fillo do galego Juan Angel Pereira y Miranda e de Josefa Martínez Bueno. Casou en 1823 con María Dionisia de la Paz de Gamba y Valencia (nacida o 8 de outubro de 1800 ).

Durante a Guerra da Independencia de Colombia decidiu deixar os estudos e marchar ao Cauca, onde exerceu como secretario da xunta suprema de goberno instalada provisionalmente en Quilichao e despois da Asemblea Constituínte de Popayán, cargo dende o que apoiou a expedición de Antonio Baraya que acabou liberando Popayán en 1811.

En Santafé de Bogotá viviu agochado coa axuda do padre David Mauricio de Omaña. Aproveitando a súa clandestinidade retomou os seus estudos de dereito civil e canónico e obtivo o título de doutor en dereito civil en 1814.

Acadada a independencia da Nova Granada, foi xuíz letrado e o vicepresidente Santander encargoulle a organización dos pensum universitarios e a elaboración do plan xeral de educación. Foi membro do Congreso Constituínte de 1821 e Maxistrado do Tribunal Supremo ata 1828 e tamén do Congreso de Bogotá en 1823 e 1827 e da Convención de Ocaña en 1828. Acadou un importante futuro como político, tendo estreitos vínculos con Simón Bolívar, Antonio José de Sucre e José María Obando.

Obrigado a participar no xuízo e a sentenciar aos conspiradores do 25 de setembro, como membro da Alta Corte, discrepou da extrema severidade das medidas, polo que decidiu renunciar a dito cargo, gañando así a inimizade de Bolívar. Tras a vitoria de Urdaneta foi nomeado intendente de Cundinamarca, cargo que rexeitou. Foi ministro do Interior e de Relacións Exteriores e Xustiza durante os gobernos de José María Obando e Domingo Caycedo e Conselleiro de Estado en 1823. Redactou os códigos que rexeron ata a implantación da Federación e foi deputado en varias ocasións, desde onde apoiou a apertura dos camiños do Quindío, Marcopán e Tamaná, e a creación do Colexio Académico de Cartago en 1839. Pereira recibiu bonificacións polos servizos prestados ao Exército durante a Independencia, coa que adquiriu grandes terreos preto de Ibagué.

En 1840 non aceptou a proclamación da súa candidatura á Presidencia da República.

Morreu en Tocaima, en compañía de Manuel Uribe Ángel, que era o seu médico.

Terratenente[editar | editar a fonte]

En 1825 iniciou a compra de terreos na zona norte da provincia do Cauca á Nación, tendo sempre a intención de fundar alí unha cidade. Os datos dalgúns autores establecen que algo menos de 10 000 hectáreas na actual Risaralda custarían 4.234 dólares. Boa parte destas compras de inmobles realizáronse a través da casa “Pereira Gamba”, que recibiu entre 1855 e 1866, da Nación, 11.850 hectáreas de terreo baldío. El, persoalmente, recibiu nese período 2.710 hectáreas na provincia de Cartago.

A tradición menciona que o padre Remigio Antonio Cañarte propuxo postumamente facer realidade o soño do seu amigo Francisco Pereira, liderando a fundación dunha vila co nome de Pereira nuns terreos cedidos polo seu fillo Guillermo Pereira Gamba situados no lugar da antiga Cartago.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Historia de la Fundación de Pereira" (en castelán). Consejo Municipal de Pereira. Consultado o 1 de xaneiro de 2024. 
  2. Cardona Gutiérrez, Luis Fernando (15 de outbro de 2013). "Están en la ciudad, los restos de Francisco Pereira Martínez" (en castelán). Eje 21. Consultado o 1 de xaneiro de 2024. 
  3. "Historia de Pereira: José Francisco Pereira" (en castelán). Sociedad de Mejoras Públicas de Manizales. Consultado o 1 de xaneiro de 2024.