Saltar ao contido

Forza Provisional das Nacións Unidas no Líbano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Forza Provisional das Nacións Unidas no Líbano
AcrónimoUNIFIL
Tipomisión de paz, organización internacional, organización intergobernamental, organização estabelecida pelas Nações Unidas e unidade militar
Data de fundación1978
Director/aStefano Del Col
Organización matrizDepartment of Peacekeeping Operations
SedeNaqoura
PaísLíbano
33°07′12″N 35°08′03″L / 33.12, 35.134166666667
Na rede
http://unifil.unmissions.org/
Facebook: 76851177730 Twitter: UNIFIL_ Instagram: unifil_official Youtube: UCXx2tL7cx1wu8xX92jne3DQ Flickr: unifil Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Forza Provisional das Nacións Unidas no Líbano (ou UNIFIL no seu acrónimo inglés), creouse conforme as resolucións 425 e 426 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, o 19 de marzo de 1978 co obxectivo de comprobar a retirada das tropas de Israel do Líbano (onde entraran uns días antes no curso da Operación Litani), de restaurar a paz e a seguridade internacional, e de axudar o goberno libanés a recuperar a súa autoridade efectiva sobre a zona. En 2006 engadíuselle o obxectivo de axudar o goberno libanés a estabelecer o monopolio da ación militar co desarmamento da guerrilla de Hezbolá. As primeiras tropas da UNIFIL chegaron ao terreo catro días despois, o 23 de marzo de 1978. Co tempo, algunhas destas tropas foron reasignadas a outros procesos de pacificación na rexión, especialmente a Forza de Emerxencia de Nacións Unidas e a Forza de Observación das Nacións Unidas para a Retirada Militar. Cando Israel invadiu o Líbano de novo en 1982 durante a chamada Guerra do Líbano, as posicións das Nacións Unidas foron invadidas. Durante esta ocupación, a función da UNIFIL foi fundamentalmente o fornecemento de comida e axuda á xente do sur do Líbano. A partir de 1985 Israel comezou unha vagariña retirada das súas posicións no Líbano, se ben este proceso sufriu algunhas interrupcións ou retrocesos, coma a Operación Responsabilidade en 1993 e a Operación Uvas da Ira en 1996. En 1999 botouse a andar unha retirada completa, que rematou en 2000 e que supuco o remate das tarefas militares da Forza Provisional. Os gobernos de Siria e Líbano reclaman aínda que a zona das Granxas de Xebaa son territorio libanés, se ben Israel e outros estados da comunidade internacional entenden que pertence aos Altos do Golán, unha zona de ocupación israelí anterior, e se ben as Nacións Unidas certificaron que Israel se retirara de todas áreas ocupadas logo de 1973.

As forzas da UNIFIL perderon parte do seu creto en Israel a raíz dun incidente no ano 2000 onde resultaron secuestrados e logo falecidos tres soldados israelís. Un vídeo parecía insinuar que existira un certo grao de torpeza, límite coa complicidade, na súa xestión, e que iso permitira o secuestro e asasinato dos soldados. Unha investigación interna da propia ONU negou tales acusacións.

O goberno libanés solicitou en xaneiro de 2006 que o mandato da UNIFIL se prolongase ata o 31 de xullo de 2006. A resolución 1655 do Consello de Seguridade do 31 de xaneiro así o confirmou, ampliando os obxectivos da misión á cooperación co goberno libanés para o desarmamento de Hezbolá. Días antes desta expiración, e en resposta ao secuestro de dous soldados israelís polas milicias de Hezbolá, o exército de Israel iniciou unha serie de ataques aéreos sobre o sur do Líbano que tiveron como consecuencia a morte de centos de civís libaneses e de catro observadores da UNIFIL (un finlandés, un chinés, un austríaco e un canadense).

Situación

[editar | editar a fonte]

A Forza provisional emprega case dous milleiros de soldados (1991 tiña o 30 de abril de 2006), unha cincuentena de membros da Organización das Nacións Unidas para a Supervisión da Tregua e uns 400 civís. A forza integra persoal da China, Francia, Ghana, a India, Irlanda, Italia e Polonia. Os países que achegan máis continxentes son Ghana e a India. O seu orzamento anual rolda os 80 millóns de euros.

Está dirixida polo xeneral italiano Claudio Graziano dende febreiro de 2007. Antes precedérao o xeneral de división francés Alain Pelegrini, antigamente agregado militar francés en Beirut.

Ata o momento, a UNIFIL sufriu unhas 267 baixas por morte, das que 12 eran civís. A lista de todos os falecidos está recollida nunha placa situada en fronte do hotel Rest House de Tiro.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Compoñen a Forza provisional

  • 1 batallón de infantaría ghanés na parte occidental do sur do Líbano
  • 1 batallón de infantaría indio na rexión oriental
  • 1 destacamento de enxeñeiros ucraíno
  • 1 destacamento loxístico polaco
  • 1 destacamento de helicópteros italiano
  • 1 destacamento francés de infantaría motorizada

A medalla da UNIFIL ten unha fita composta de tres bandas cumpridas, unha azul ONU de 9 mm, unha verde claro (11 mm) e outra de novo azul ONU (9 mm) separadas por tres bandas estreitas (1 mm cada unha) branca, vermella e branca. A medalla vense concedendo por 90 días de servizo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]