Folkhemmet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Folkhemmet (en galego: a casa do pobo, forma definida de folkhem) é un concepto político que xogou un importante papel na historia do Partido Socialdemócrata Sueco e no estado do benestar do país. Ás veces tamén é usado para referirse ao longo período entre 1932 e 1976 cando os socialdemócratas estiveron no poder e o concepto foi posto en práctica, pero tamén funciona como un nome poético para o estado do benestar sueco. Ás veces referido como "a Terceira Vía sueca", o folkhemmet foi visto como un punto intermedio entre o capitalismo e o socialismo.

Características[editar | editar a fonte]

A base da visión do Folkhem é que a sociedade en conxunto debe ser como unha pequena familia, onde todos contribúen. Os éxitos dos socialdemócratas suecos no período de posguerra adoitan a explicarse polo feito de que o partido foi capaz de motivar grandes reformas sociais coa idea do folkhem e o esforzo conxunto da familia nacional.

Crese que o termo ten as súas raíces na visión de Rudolf Kjellén dunha sociedade de estilo corporativista baseada na colaboración de clases por un interese nacional, en gran parte con base na xustaposición da estabilidade conservadora e a continuidade cara ás reformas sociais de Otto von Bismarck asociados polo demais aos partidos socialistas, como a asistencia sanitaria universal e as prestacións por desemprego[Cómpre referencia].

A ideoloxía do Folkhemmet xeralmente considérase un compromiso entre o marxismo-leninismo soviético e as ideoloxías occidentais. O obxectivo da ideoloxía socialdemócrata sueca é, como foi no caso do marxismo-leninismo soviético, crear uha sociedade completamente nova sen grandes diferenzas de ingresos. Hai semellanzas moi marcadas entre a ideoloxía soviética e a socialdemócrata sueca. Os métodos para acadar este obxectivo son porén diferentes xa que a socialdemocracia quere chegar a el a través de reformas graduais, mentres que o comunismo ten como obxectivo acadar esa nova sociedade a través dunha revolución rápida.

Os líderes socialdemócratas Ernst Wigforss, un ávido keinesiano, e Per Albin Hansson, un corporatista social, son considerados os principais arquitectos do folkhemmet, con inspiración do conservador Kjellén. Posteriormente foi desenvolvido polos primeiros ministros Tage Erlander e Olof Palme ata que o partido socialdemócrata perdeu poder en 1976. Outro autor importante foi Hjalmar Branting, que entrou en contacto co concepto mentres estudaba na universidade de Uppsala, e chegaría a ser o primeiro socialista en converterse en primeiro ministro do país.

Historia[editar | editar a fonte]

Per Albin Hansson

Per Albin Hansson introduciu o concepto o 18 de xaneiro de 1928,[1] dicindo que Suecia debería ser máis como un "bo fogar", marcado este feito pola igualdade e a comprensión mutua. Hansson avogou que a tradicional sociedade de clases debería substituírse pola "casa do pobo" (folkhemmet).

O concepto chegou nun momento no cal a nacinalización estaba sendo cuestionada, e marcou o abandono da noción de loita de clases por parte do partido, un concepto fundamental nos inicios do movemento socialdemócrata. No seu lugar adaptaron unha economía planeada e o que bautizaron como Funktionssocialism, onde as empresas eran controlados a través de regulacións en vez de pertencer ao estado. O goberno tería tamén entón un maior control sobre os individuos, poreén, na medida necesaria para aumentar o benestar dos cidadáns.

Unha educación de calidade e doadamente accesible, incluso nos seus niveis superiores, foi considerada particularmente importante para construír unha nova sociedade. Como resultado, Suecia converteuse nun dos primeiros países do mundo en ofrecer educación gratuíta en todos os niveis, incluídas todas as universidades púbicas, xunto con varias universidades novas fundadas durante os anos 60. A atención sanitaria universal foi proporcionada polo estado, promulgada en 1947-55, xunto con numerosos servizos sociais máis.

Influencia de Myrdal[editar | editar a fonte]

Durante os aos 30 a enxeñería social converteuse nunha parte importante do folkhemmet. O libro de 1934 Kris i befolkningsfrågan, de Alva e Gunnar Myrdal, parcialmente influenciado polo maltusianismo e Jean Piaget, inspirou unhas políticas radicais e progresivas sobre como facer fronte a unha poboación en declive. Neste período leváronse a cabo un número de cambios incluíndo a expansión do sector público, as políticas económicas de Wigforss, a reforma do sistema de pensións de Gustav Möller, e as políticas de vivenda de Gunnar Myrdal.

Nos 40 e 50 derrubáronse as vellas casas que servían como vivendas superpoboadas para as clases baixas. No seu lugar, á xente se lle ofreceron modernas casas con baños e fiestras para poder ter luz en cada habitación, no que chamaron arquitectura funkis. Do mesmo xeito, novos proxectos de vivendas, ou suburbios da clase traballadora, foron construídos nos 60 e 70 para satisfacer as necesidades da crecente poboación no Miljonprogrammet (proxecto polo millón de vivendas).

Alva e Gunnar Myrdal suxeriron unha serie de programas para axudar ás familias, pero tamén regulamentos na forma de esterilización obrigatoria. Este feito estaba destinado principalmente para previr enfermidades mentais e doenzas, e polo tanto foi apoiado polo goberno. Ao igual que no Canadá e os Estados Unidos, porén, tamén se viron involucradas políticas raciais debido á forte crenza na conexión entre raza e integridade xenética entre os principais científicos e quen se encargaron das esterilizacións. Nas décadas posteriores esterilizáronse pola forza sobre todo aos enfermos mentais, e ao redor de 62.000 individuos sufriron este proceso nun período de 40 anos ata 1976. O goberno sueco posteriormente pagou indemnizacións a aqueles que foron esterilizados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sydsvenskan (ed.). "I valkampen blir alla folkhemskramare". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 31 de xaneiro de 2016.