Fernando Chenard Piña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Fernando Chenard Piña
Nacemento1919
Falecemento26 de xullo de 1953
Ocupaciónrevolucionario e fotógrafo
editar datos en Wikidata ]

Fernando Chenard Piña, nado na Habana o 4 de febreiro de 1919 e finado en Santiago de Cuba o 26 de xullo de 1953, foi un fotógrafo e revolucionario cubano de orixe galega.

En 1953 participou no asalto ao cuartel Moncada. Cando este fracasou, Fidel Castro mandoulle levar a orde de retirada a Abel Santamaría, pero no camiño foi detido, torturado e asasinado.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu na Habana, fillo dunha emigrante galega, de Tui.[1] Marchou pronto da casa e comezou a traballar como fotógrafo. Pronto organizou un sindicato de comercio de víveres e comezou a militar no partido Unión Revolucionaria Comunista, máis tarde chamado Partido Socialista Popular. Exerceu o periodismo como director, administrador, reporteiro e redactor de El Dependiente, órgano do sindicato, do que foi secretario xeral até 1944, cando abandona o sindicato máis o partido.[2]

En 1948 uniuse ao Partido Ortodoxo e, tras o suicidio de Eduardo Chibás uniuse a Fidel Castro nas súas denuncias de corrupción do goberno de Prío Socarrás. O 10 de marzo de 1952, Fulgencio Batista deu un golpe de estado e ese mesmo día Chenard Piña foi detido xunto a outros "ortodoxos" na casa de Roberto Agramonte e conducido ao Buró de Investigacións.[3]

Como fotógrafo adicouse a documentar a represión do goberno ditatorial de Batista, destacando os seus traballos para a revista Bohemia até que vendeu o seu equipo fotográfico para conseguir fondos para o Movemento 26 de xullo.[2]

Morte no Moncada[editar | editar a fonte]

O 25 de xullo de 1953 reúnese na granxa Siboney cos combatentes que, baixo o liderado de Fidel Castro, se preparaban para o asalto ao cuartel Moncada a mañá seguinte. Foi asignado ao destacamento que tiña como obxectivo entrar no Moncada pola posta 3. Tras o tiroteo e o fracaso da operación, Castro enviouno coa orde de retirada para ser entregada no hospital ao grupo de Abel Santamaría e no Palacio de Xustiza ao de Raúl Castro, pero antes de chegar foi detido, torturado e asasinado polo exército cubano.[2][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lois Pérez Leira (7 de agosto de 2016). "Crónicas de la revolución cubana: Los Hermanos Trigo" (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Fernando Chenard Piña". Ecured (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2019. 
  3. "La vida revolucionaria de Fernando Chenard Piña". www.somosjovenes.cu (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2019. Consultado o 16 de xaneiro de 2019. 
  4. "Fernando Chenard Piña, el fotorreportero que nos perdimos" (en castelán). 22 de xullo de 2016. Consultado o 9 de xullo de 2019.