Partido Ortodoxo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Ortodoxo
Historia
Fundación1947
Disolución1952
Posicións políticas
IdeoloxíaNacionalismo
Antiimperialismo
Agrarismo
Outros datos
SedeA Habana

O Partido do Pobo Cubano (Ortodoxos), en castelán Partido del Pueblo Cubano (Ortodoxos), ou Partido Ortodoxo foi un partido político cubano fundado o 15 de maio de 1947 por Eduardo Chibás.

Foi, xunto co Partido Auténtico, un dos dous partidos principais de Cuba antes da Revolución cubana. En 1951, tras o suicidio de Eduardo Chibás, o liderado do partido quedou na cabeza de Emilio Ochoa.

Acción política[editar | editar a fonte]

O Partido Ortodoxo foi tradicionalmente opositor do Partido Auténtico, dirixido por entón por Carlos Prío Socarrás, xa que Chibás se separara precisamente do Partido Auténtico debido á corrupción que denunciaba nos seus dirixentes.

Tiña como lemas «Vergoña contra diñeiro»[1] e «Prometemos non roubar» e como símbolo unha vasoira que varría todos os males dun estado corrupto. Sostiña unha ideoloxía fundada no antiimperialismo e a loita contra a corrupción política. O programa do Partido ortodoxo baseábase sobre a diversificación da produción agrícola, a supresión do latifundio, o desenvolvemento da industria, a nacionalización dos servizos públicos, a loita contra a corrupción e a xustiza social.

Nun memorando confidencial, os Estados Unidos analizaban con preocupación o programa ortodoxo: «En canto á política interna, Chibás favorece a ‘cubanización’ de toda a actividade económica, para ‘emancipar a Cuba do imperialismo estranxeiro’; nacionalización gradual, baseada nunha compensación adecuada, de todos os sectores e empresas públicas de natureza monopolística; ‘libre mercado’ baseado en controis estritos de produción e exportación […]; distribución forzada de terra de cultivo, impostos ás propiedades non cultivadas, eliminación do sistema feudal e colonial, uso masivo da maquinaría agrícola e o desenvolvemento de proxectos de irrigación e de cooperativas agrícolas. Chibás desenvolvería un sistema de seguridade social controlado polo goberno que brindaría aos cidadáns unha protección adecuada fronte aos riscos económicos da vellez, a enfermidade, o desemprego e o deceso, cunha protección particular ás mulleres e os orfos. Establecería unha estrutura tributaria sobre unha base clara, xusta e científica».

Hugo Mir Laurencio foi fundador do Partido do Pobo Cubano (ortodoxo) e primeiro presidente da Mocidade Ortodoxa en 1947.

En 1951, suicidouse Chibás,[2][3] cando había un consenso xeral de que era o político con máis probabilidades de gañar as eleccións presidenciais que se celebrarían en abril de 1952. Morto Chibás, todo parecía indicar que o candidato ortodoxo Roberto Agramonte sería o gañador, pero as eleccións interrompéronse un mes antes debido ao golpe de estado que derrubou a Prío Socarrás, do Partido Auténtico, e impuxo a Fulgencio Batista como ditador o 10 de marzo de 1952.

O 2 de xuño de 1953, o expresidente de Cuba, Carlos Prío Socarrás, presidente do Partido Auténtico, e Emilio Ochoa, presidente do Partido Ortodoxo, xunto con líderes doutras tendencias, asinaron a Carta de Montreal ou o Pacto de Montreal establecendo un programa político de mínimos fronte a Batista: restauración da Constitución de 1940, convocatoria de eleccións libres sen Batista e formación dun goberno provisional para ordenar a convocatoria de eleccións.

O 26 de xullo de 1953, un importante número de membros da Xuventude Ortodoxa, dirixidos por Fidel Castro, entón referencia da mocidade ortodoxa, participaron no asalto ao cuartel de Moncada.

Outros membros destacados do Partido Ortodoxo foron Hugo Mir Laurencio, Roberto Agramonte, José Pardo Llada, Pepe Suárez, Manuel Dorta Duque, Fidel Castro, Jorge Mañach, Manuel F. Gran, Fernando Ortiz, Vicentina Antuña, Pastor Albear, Carlos Israel Cabrera Rodríguez, José Smith Comas, Tomás David Royo Valdéz, Cándido González Morales, Miguel Saavedra Pérez, Ñico López, René Bedia Morales, Eduardo Reyes Canto, René Orestes Reiné García, Noelio Capote Figueroa, Andrés Luján Vázquez ("Chibás"), Armando Mestre Martínez, Juan Manuel Márquez, Haydée Santamaría, Huber Matos, entre outros.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Chibás: muerte por honor" (en castelán). 16 de agosto de 2008. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  2. "La tradición del suicidio en Cuba" (en castelán). 18 de febreiro de 2018. Consultado o 19 de setembro de 2019. 
  3. "Sensacionalismo, violencia y la prensa cubana antes de 1959" (en castelán). 26 de xullo de 2019. Consultado o 19 de setembro de 2019.