Saltar ao contido

Fariña (libro)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fariña
Título orixinal'Fariña, Historia e indiscreciones del narcotráfico en Galicia'
Autor/aNacho Carretero Pou
CubertaArtur Galocha
OrixeGalicia Galicia
LinguaCastelán
Tema(s)narcotráfico
Xénero(s)Narrativa
EditorialLibros del K.O.
Data de pub.17 de setembro de 2015 (9 anos)
FormatoTapa branda con lapelas e faixa
Páxinas368
ISBNISBN 978-84-16001-46-0
TraduciónXosé Manuel Moo (Ed. Xerais)
editar datos en Wikidata ]
Rías Baixas.

Fariña é un libro escrito polo xornalista Nacho Carretero, publicado en setembro de 2015 pola editorial Libros del K.O. Até marzo de 2018 vendera 30 000 exemplares en 10 edicións. Nese mes ordenouse o cesamento da súa comercialización. A partir do libro fíxose unha serie de televisión tamén co nome de Fariña, amais dunha novela gráfica debuxada por Luís Bustos[1] e unha obra de teatro dirixida por Tito Asorey[2]. Foi traducido ao galego e ao portugués.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Fariña é o nome co que se coñece coloquialmente a cocaína e por extensión tódalas drogas en po en Galiza. O libro está estruturado en doce capítulos, e narra o narcotráfico en Galiza, desde os comezos do contrabando na costa da Morte e A Raia até a actualidade, con especial atención á década de 1980, cando do contrabando de tabaco se pasou ao tráfico de haxix e cocaína nas rías Baixas.

Causas legais

[editar | editar a fonte]

O exalcalde do Grove Alfredo Bea Gondar denunciou en xaneiro de 2016 o autor e a editorial acusándoos de inxurias e calumnias, e pediu a aplicación do artigo 738.1 da Lei de Procesamento Civil. A xuíza Alejandra Fontana do xulgado de instrución número 7 de Collado Villalba ordenou o 5 de marzo de 2018 o secuestro do libro Fariña, tamén en soporte dixital, despois de facer un depósito de 10 mil euros o demandante.[3] O exalcalde do Grove aparece citado en tres liñas do libro. O 22 de xuño de 2018 a Audiencia Provincial de Madrid levantou o secuestro do libro[4]. En xullo foi rexeitada a acusación, e Bea Gondar foi condenado a pagar os custos do xuízo.[5] O autor foi absolto ao considerar finalmente a xuíza que o contido do libro era veraz, froito dunha "importante labor de investigación", e que non se vulnerara o dereito á honra do exalcalde.[6]

Entrementres, o Gremio de Librerías de Madrid puxo unha ferramenta dixital que permitía ler Fariña a través da obra Don Quixote, mais o 23 de marzo o xulgado 7 de Collado-Villalba ordenou o peche da páxina web.[7]

En xuño de 2020 Bea Gondar foi condenado a indemnizar a Nacho Carretero con máis de 3000 € e á editorial do libro con máis de 13000 €, polos danos e perdas ocasionados polo secuestro xudicial do libro.[6]

Edicións

[editar | editar a fonte]

O libro foi editado en capa branda con lapelas, cunha faixa despregable con mapas, diagramas e citas. A portada, deseñada por Artur Galocha, representa un fardo de cocaína aberto[8]. Ao final do texto inclúe mapas coa distribución dos clans, un índice onomástico de persoas, clans e operacións, bibliografía e agradecementos. No inicio inclúe unha cita de Dwight D. Eisenhower sobre a liberación de Auschwitz:

Graven todo. Nalgún momento algún bastardo levantarase e dirá que isto nunca sucedeu.

A obra foi traducida ao galego por Xosé Manuel Moo Pedrosa, e publicada por Edicións Xerais de Galicia. Na portada emprega a imaxe dos personaxes da serie de televisión, cunha foto de Jaime Olmedo.[9] Non obstante, a edición non chegou a ser distribuída ata finais de xuño, cando Xerais anunciou a posta á venda da edición en galego despois da autorización xudicial.[10] O texto foi tamén traducido ao portugués e publicado pola editorial Desassossego en xuño de 2018.[11]

  1. "«Fariña. A novela gráfica», de Luís Bustos. Unha obra áxil, fermosa e directa que nos mergulla na Galicia do contrabando". Edicións Xerais de Galicia. 19 de novembro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2020. 
  2. "Fariña". Fariña. O espectáculo teatral. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2019. Consultado o 22 de novembro de 2019. 
  3. "La juez ejecuta el secuestro de ‘Fariña’, el libro sobre los ‘narcos’ gallegos", El País, 5 de marzo de 2018 (en castelán).
  4. "La justicia levanta el secuestro del libro ‘Fariña’", La Vanguardia, 22 de xuño de 2018 (en castelán)
  5. "A xuíza desestima a demanda sobre 'Fariña' e condena a pagar as custas ao ex-alcalde do Grove". 
  6. 6,0 6,1 "Condenan al exalcalde de O Grove a indemnizar al autor y al editor de 'Fariña' por el secuestro del libro" (en castelán). 8 de xuño de 2020. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  7. "Un juez ordena eliminar una herramienta digital que permite leer «Fariña»". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de marzo de 2018. 
  8. "Vouvos contar como foi o proceso de creación da capa de #Fariña", fío de chíos de Artur Galocha en Twitter, 4 de marzo de 2018.
  9. "'Fariña', o 'best seller' sobre o narcotráfico, en galego" Arquivado 06 de marzo de 2018 en Wayback Machine., Sermos Galiza, 15 de xaneiro de 2018.
  10. "A vindeira semana, 'Fariña' en galego" Arquivado 23 de xuño de 2018 en Wayback Machine., Sermos Galiza, 22 de xuño de 2018.
  11. Farinha, ficha do libro na web da editorial (en portugués).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]