Euritión (fillo de Áctor)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía grega, Euritión (ou Éurito) foi un rei de Ftía, fillo de Áctor [1].

Participou na partida para cazar ó Xabaril de Calidón, onde resultou ferido accidentalmente por unha xavelina que lanzou Peleo (fillo de Éaco). Outras fontes din que Euritión resultou morto.

O devantito xabaril era un animal enorme e de forza extraordinaria que secaba as terras e mataba a xente e o gando, que mandara Artemisa como castigo a Eneo, rei de Calidón, que esqueceu honrar a esta deusa nunha ofrenda que fixera ós deuses olímpicos cos primeiros froitos colleitados en Etolia, nunha anada de abundancia, como adoitaba facer tódolos anos.

Para acabar co animal, Eneo chamou a tódolos campións da Hélade e prometeu a súa pel a quen acabara con el. Reuníronse moitos homes de distintos lugares de Grecia [2], entre eles Euritión.

"...ata que se xuntaron Meleagro e unha escollida presa de mozos, ansiosos de gloria; entre estes ... o infatigable Euritión...".
(Ovidio: Metamorfosis VIII, 311)
"Os que se reuniron para dar caza ó xabaril eran os seguintes: ... Euritión, fillo de Áctor, de Ftía...".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 8, 2)

Peleo (que logo sería o pai de Aquiles) e o seu irmán Telamón asasinaron por envexa ao seu medio irmán Foco [3], pois este destacaba nas competicións. Cando o crime foi descuberto, Éaco, o pai, desterrou de Exina a ambos; entón Telamón foise a Salamina e Peleo a Ftía. En Ftía foi purificado polo rei Euritión, quen lle deu á súa filla Antígona por esposa e unha terceira parte do seu reino. Posteriormente, Peleo e Euritión participaron na cazaría do xabaril de Calidón, na que Peleo deu morte involuntariamente ó seu sogro Euritión.

"Peleo refuxiuse en Ftía xunto a Euritión, fillo de Áctor; por este foi purificado e recibiu de el á súa filla Antígona e a terceira parte do país... De alí marchou en compañía de Euritión á caza do xabaril de Calidón e, ó lanzar unha lanza contra o xabaril, alcanzou a Euritión e involuntariamente matouno".
(Pseudo-Apolodoro: III, 13, 2)

Tras este segundo asasinato, Peleo tivo que exiliarse outra vez, desta volta a Iolco, na corte de Acasto. Como compensación ofreceu a Ftía un rabaño de carneiros e bois, pero rexeitaron o presente. Consultado o oráculo, este decidiu que deixara o gando en liberdade, quedando así ceibo no monte. Pero Psámate enviara un lobo a matar a Peleo (ou ben ela mesma converteuse en lobo), como vinganza por ter matado ó seu fillo Folo, e grazas a ese gando ceibo puido salvar a vida, pois o lobo fartouse a comer no gando e non atacou a Peleo. Tamén se di que os deuses converteron o lobo nunha estatua de pedra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Outras fontes, como Hixino (Fábulas 14, 7) din que o fillo de Áctor era Iro, que tivo con Demonasa a Euritión. Nesta versión foi Iro quen rexeitou os bois e carneiros que ofreceu Peleo como compensación por matar a Euritión.
  2. Ver lista completa en Pseudo-Apolodoro I, 8, 2; Ovidio: Metamorfosis VIII, 299 ss; e Hixino: Fábulas 173, aínda que este último non cita a Euritión na relación de participantes.
  3. Peleo e Telamón eran fillos de Éaco habidos con Endeis, e Foco foino coa ninfa Psámate.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].