Calidón (cidade)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A cidade de Calidón, ó sur de Etolia

Calidón (ou Calidonia) foi unha cidade grega situada ó norte do Golfo de Corinto, en Etolia, na Grecia occidental.

Foi fundada, de acordo coa mitoloxía grega, por Calidón, fillo de Etolo, rei da Élide (no Peloponeso), e de Prónoe.

Un dos seus reis, Eneo, esqueceu honrar a Artemisa durante uns sacrificios para ofrecer ós deuses os primeiros froitos dunha anada abundante, e a deusa vingouse deste desaire enviando un xabaril monstruoso que devastaba as terras e mataba o gando. Eneo conseguiu acabar con el grazas a un numeroso grupo de heroes do momento que se uniron para darlle caza.

"Tamén Calidón, aínda que tiña a Meleagro, pediu e suplicou [ós deuses] con angustiosos rogos o seu auxilio; o motivo da petición era un xabaril, servidor e vengador da cólera de Diana".
(Ovidio: Metamorfosis VIII, 270-272)

Cando Heracles descendeu ó Hades para capturar a Cérbero, atopou a Meleagro e prometéralle desposar á súa irmá, Deianira. Por iso foi a Calidón a pedir a man de Deianira ó seu pai Eneo, e para conseguila tivo que vencer ó deus fluvial Aqueloo, que obrigara ó pai a concederlle a filla.

"Cando Heracles arribou a Calidón, pretendeu á filla de Eneo, Deianira, e loitando pola súa man con Aqueloo, que tomara a aparencia dun boi, tronzoulle un dos seus cornos".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 7, 5)

Nas inmediacións de Calidón existe unha fonte chamada Calírroe. Tratábase dunha doncela que rexeitou os amores dun sacerdote de Dioniso, Coreso. O sacerdote queixouse ó deus e este, como castigo, enviou unha epidemia de loucura sobre o país. Consultado o oráculo de Dodona, o ditame foi que se debía sacrificar ante Coreso unha doncela para aplacar ó deus, ou outra persoa que aceptase morrer no seu lugar. Os habitantes da cidade escolleron a Calíorre, pero o sacerdote, no momento se sacrificala, reviviu o amor que sentía por ela e non puido facelo, prefirindo suicidarse. Ó ver este xesto, Calíorre tamén se suicidou xunto á fonte, que tomou o seu nome.

Os calidonios participaron na Guerra de Troia cun exército dirixido polo seu rei Toante, neto de Eneo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIGINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 173-173.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].