Leiterena frondosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Euphorbia esula»)
Euphorbia esula
Clasificación científica
Reino: Plantas
(sen clasif.) Anxiospermas
(sen clasif.): Eudicotiledóneas
(sen clasif.): Rósidas
Orde: Malpighiales
Familia: Euphorbiaceae
Xénero: Euphorbia
Especie: E. esula
Nome binomial
'Euphorbia esula'
L.

A leiterena frondosa (Euphorbia esula) é unha especie de Euphorbia, nativa[1][2] dos Azores, sur e centro de Europa, incluíndo Galicia[3], e gran parte de Asia: Oriente Medio, Cáucaso, Siberia oriental, China e Corea. Tamén está presente como especie naturalizada no Canadá, os Estados Unidos, México, Dinamarca, Noruega e o Reino Unido.[4]

Características[editar | editar a fonte]

Detalle das flores e das sementes inmaturas

É unha planta perenne herbácea que medra ata 1-1,2 metros de altura, con talo ramificado desde a base, os talos son lisos ou lixeira ou completamente, pilosos. As follas son pequenas, lanceoladas de entre 4 e 8,5 cm de longo e 1 cm de largo, cun bordo lixeiramente ondulado. As flores son pequenas, producidas en umbelas cun par basal de brácteas semellantes a pétalos de cor amarela verdosa brillante. Os acios de brácteas aparecen a fins da primavera, mentres as flores reais non se desenvolven ata o principio do verán. Todas as partes da planta conteñen o látex, líquido leitoso tóxico.[4][5]

Reprodúcese por sementes que teñen unha taxa alta de xerminación e que poden seguir sendo viables no terreo cando menos durante sete anos. As cápsulas da semente abren explosivamente, esparexendo a semente ata cinco metros da planta de orixe, e por medio da auga ou da fauna poden chegar moito máis lonxe. Tamén pode propagarse vexetativamente desde a raíz, que é complexa, chegando a se introducir ata 8 metros dentro da terra e cun largo de 5, e cpode ter numerosos abrochos.[6]

Existen dúas subespecies e un híbrido:[1][4]

  • Euphorbia esula subsp. esula. As follas son máis largas preto do ápice; brácteas 5–15 mm.
  • Euphorbia esula subsp. tommasiniana (Bertol.) Kuzmanov (syn. E. waldsteinii (Sojak) A.R.Smith; E. virgata Waldst. & Kit.). As follas máis amplas no medio; brácteas 12–35 mm. Oriente de Europa, occidente de Asia.
  • Euphorbia esula nothosubsp. pseudovirgata (Schur) Govaerts. Híbrida entre as dúas subespecies.

Especie invasiva[editar | editar a fonte]

Chegou a América do Norte a comezos do século XIX desde Europa dentro de lotes de sementes agrícolas, entrando en competencia coas plantas indíxenas en especial nas praderías, acaparando a auga e os nutrientes, e producindo toxinas que impiden o crecemento doutras plantas ao seu arredor. Por esta razón está identificada como unha herba danosa en varios parques nacionais e en reservas naturais de once estados e clasificada como especie invasiva polo Departamento de Agricultra dos Estados Unidos.[6][7] En Europa tamén é danosa localmente, así nas zonas de praderías inundables do Val de Saône é unha ameaza para unha quincena de plantas protexidas [8].

Pola súa natureza persistente a a súa capacidade de se rexenerar a partir de pequenos fragmentos das súas raíces, é moi difícil de erradicar, existindo programas de control biolóxico [9]. Tamén se empregan varios herbicidas sistemáticos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Germplasm Resources Information Network: Euphorbia esula Arquivado 05 de xuño de 2011 en Wayback Machine.
  2. Flora Europaea: Euphorbia esula
  3. María Inmaculada Romero Buján Catálogo da Flora de Galicia
  4. 4,0 4,1 4,2 Blamey, M. & Grey-Wilson, C. (1989). Flora of Britain and Northern Europe. ISBN 0-340-40170-2
  5. Huxley, A, ed. (1992). New RHS Dictionary of Gardening. ISBN 0-333-47494-5
  6. 6,0 6,1 U.S. National Park Service description
  7. Species Profile - Leafy Spurge (Euphorbia esula) Arquivado 06 de maio de 2009 en Wayback Machine., National Invasive Species Information Center, National Agricultural Library
  8. Revue de l'ONCFS Arquivado 20 de novembro de 2008 en Wayback Machine. (Faune sauvage, Avril 2008)
  9. "War on Weeds," Rails to Trails Magazine, Spring 2004, p. 3

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]