Estreliña do norte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estreliña do norte
Femia R. r. regulus en Shetland
Femia R. r. regulus en Shetland
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Regulidae
Xénero: Regulus
Especie: R. regulus
Nome binomial
'Regulus regulus'
(Linnaeus, 1758)
      Verán       Residente       Inverno

      Verán
      Residente
      Inverno

A estreliña do norte[2] (Regulus regulus) é o paxaro máis pequeno dos nativos de Europa.

Descrición[editar | editar a fonte]

Miden uns 9 cm e pesan só entre 4 e 9 gramos. Diferéncianse da especie Regulus ignicapilla, coa que coinciden en moitas facetas do comportamento e mesmo do hábitat, pola falta da liña branca que ten esta sobre dos ollos. A competencia entre as dúas especies evítana os distintos hábitos alimenticios: a estreliña do norte prefire as presas máis pequenas que procura preferentemente nas partes inferiores das polas.

Estreliña do norte amosando a lista de cor na cabeza

O corpo da estreliña do norte amosa un aspecto arredondado, causado pola lonxitude das plumas da caluga, que fan difícil diferenciar a separación entre a cabeza e o corpo.

Na parte superior do corpo a cor da plumaxe vai do verde oliva ata o verde amarelado; na inferior do branco agrisado o verde agrisado. As alas son máis negras e teñen dúas raias brancas. A coroa da cabeza ten os lados negros e unha faixa central brillante, amarela na femia e laranxa con bordos amarelos no macho (aínda que o laranxa central fica a miúdo oculto polas plumas amarelas das beiras). As plumas da cara son claras. O iris, que é escuro, destaca moito a causa das plumas brancas que rodean os ollos.

O peteiro é escuro, coas fosas nasais cubertas por plumas. As patas teñen unhas unllas largas e fortes, que lles permiten manterse cabeza abaixo cando están buscando alimento nas polas.

En xeral evitan voar por zonas abertas. O voo e ondeante e tentan sempre pousarse en sitios onde as polas estean ben xuntas.

Voz e canto[editar | editar a fonte]

O reclamo desta especie é tan agudo que é difícil ou imposible de escoitar para moitos seres humanos. A análise da voz faise coa axuda de gravacións.

Os cantos que non se relacionan coa reprodución son moi semellantes ós da especie relacionada Regulus ignicapilla. Os sons que emiten durante o cortexo e a cría son, porén, ben distintos, o que impide a hibridación de dúas especies,que ocupan a miúdo territorios de caza que se solapan. O canto territorial é efectuado exclusivamente polos machos. É máis frecuente naqueles que acaban de escoller un territorio e non teñen aínda parella. A diferenza doutros paxaros, non cantan pousados nun punto de observación: déixanse oír mentres buscan comida, interrompéndose cando atopan unha presa. A frecuencia do canto varía individualmente. En xeral, deixan de cantar cando as crías da segunda niñada poden xa voar.

O canto territorial ten unha construción característica en estrofas, acabando cun chío curto que é propio de cada individuo, e permite que os exemplares veciños e a parella recoñezan ó macho que canta. Un chío que non proceda dun veciño, provoca a reacción agresiva do macho.

O canto é só parcialmente innato: os xoves comezan a aprendelo ós 10 días de vida, e cando deixan o niño xa o dominan.

Distribución[editar | editar a fonte]

Goldcrest 1.jpg

Área de cría[editar | editar a fonte]

Reprodúcense en Europa, suroeste de Asia, suroeste de Siberia, nas montañas de Asia central e no Xapón. A súa zona de distribución coincide case perfectamente coa da conífera Picea abies. Dentro desta grande área de distribución falta nalgunhas zonas, coma no leste de Europa e en boa parte da Península Ibérica.

Comportamento migratorio[editar | editar a fonte]

Son migradores parciais. Só as poboacións que viven máis ó norte deixan os seus lugares de cría no inverno. En Centroeuropa máis dos individuos son sedentarios, pero unha parte deles emigra ó norte de África.

Hábitat[editar | editar a fonte]

É un paxaro adaptado á vida nos bosques de coníferas, tanto polo que fai á súa alimentación coma á construción dos niños. Para a época de cría prefire as zonas de máis abundancia de piceas, escollendo mesmo monocultivos se as árbores son altas de abondo. Os que crían en zonas de montaña poden face-los niños tamén noutras especies de coníferas. Fora da época reprodutora pode verse ocasionalmente en zonas onde as coníferas non son maioritarias.

As razas das Azores e de Tenerife son unha excepción: as primeiras viven entre o maquis, mentres que as segundas fan os niños nas uces.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O número de subespecies varía segundo os estudosos entre 12 e 14. As razas do leste son, en xeral, meirandes. A forma tipo "Regulus regulus regulus" vive en Europa continental. A raza das illas Británicas, Regulus r. anglorum é algo máis escura. Nas illas Azores áchanse as razas R. r. azoricus, R. r. sanctamariaee R. r. inermis. A subespecie da illa de Tenerife R. r. teneriffae foi antes considerada como unha variedade da especie Regulus ignicapilla, do que a diferenciarían pautas de comportamento e de canto.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Son exclusivamente insectívoros e precisan comer cada día unha cantidade de alimento equivalente ó seu propio peso corporal. Esta cantidade pode chegar a dobrarse no caso dos polos, das femias cando están a poñer ovos e cando mudan a plumaxe. A variedade das presas é enorme. Prefiren, a diferenza da especie Regulus ignicapilla, as máis pequenas e brandas posibles. A parte meirande da súa alimentación constitúena os colémbolos, que pode atopar tamén no inverno. A estes seguen arañas, larvas pequenas, pulgóns, mosquitos e tamén ovos de insectos e arañas. Non comen lepidópteros aínda que cumpran a condición de tamaño esixida.

Cando nacen, os polos son alimentados en primeiro lugar de colémbolos, e máis tarde de larvas e arañas. Segundo comprobou a ornitóloga Thaler-Kottek, ás veces alimentan os polos con presas que eles mesmos non comerían. A partir do quinto día de vida, as crías son fornecidas con minúsculas cunchas para favorece-lo desenvolvemento dos ósos. As cantidades de comida fornecidas diminúen drasticamente a partir do duodécimo día de vida dos paxaros novos.

Estreliña do norte buscando comida

Non poden cachar as presas coas poutas nin desfacelas con movementos laterais do bico, polo que cando capturan unha que non poden tragar por ter as alas ou as patas demasiado grandes, vense obrigados a batela contra unha superficie dura ata que as liberan das extremidades.

O 90% da súa actividade diúrna dedícana a buscar comida. En xeral fano percorrendo as pólas ó longo, a miúdo pola parte inferior. En xeral no buscan alimento no chan. Para beber utilizan as gotas de choiva ou de orballo que atopan entre a follaxe. Despois de fortes nevadas métense en ocasións debaixo da capa de neve que cobre as polas para atopar pequenos insectos e colémbolos.

Localizan as presas exclusivamente pola vista. Recorren as polas, comprobando sempre a parte inferior, colgados cabeza abaixo nunha dunha poliña lateral. Ocasionalmente fan un bo curto para pillar un insecto pousado na punta dunha pola pouco accesible. Deste xeito recollen insectos capturados nunha tea de araña. As veces capturan insectos voadores no aire, despois dun voo de escasa duración-

Outras pautas de comportamento[editar | editar a fonte]

Durante o día limpan moitas veces a súa plumaxe, habitualmente en fases de dous ou tres minutos. En inverno as fases son moito máis curtas e repetidas. Aproveitan a choiva para bañarse entre os ramallos mollados, operación para a que poden utilizar tamén a neve.

A zona de descanso preferida e entre a follaxe mesta das piceas, en especial a parte superior e máis protexida das pólas. . No inverno poden xuntarse varios nun lugar axeitado, as veces mesmo entrando en contacto corporal.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Cerimonias nupciais[editar | editar a fonte]

Son paxaros territoriais, Os dous sexos empregan técnicas para impor respecto a outros conxéneres, que serven para defender o territorio e nas cerimonias de aparellamento. Durante estas demostracións erguen lixeiramente as plumas da coroa. Esta conduta ten lugar, por exemplo, cando os machos fan o se canto para marca-lo territorio. En caso de confrontación directa cun rival da mesma especie, ourizan as plumas da coroa da cabeza na súa máxima extensión, abren algo as alas e fan unha especie de reverencia cara ó adversario. Nas femias este tipo de comportamentos vense sobre todo no outono. No caso dos machos as demostracións de forza poden tornarse de seguida nun ataque directo, que inclúe golpes coas alas e co bico.

O machos fan tamén as súas demostracións perante as femias na época da cría. A miúdo é a propia femia a que provoca a reacción do macho, voando preto del ou amosando material para construír o niño. A femia disposta para á cópula pousa inmóbil nunha poliña, coas alas algo abertas. Os machos fan voos de demostración, voando en espiral ó redor de árbores illadas, en xeral exemplares que están nos límites do seu territorio.

O territorio de cría e o niño[editar | editar a fonte]

A área de cría e duns 50x50 metros. O tamaño depende da topografía e da vexetación. Das observacións sobre o terreo parece deducirse que 18 ou 19 arbores son dabondo para fornecer alimentación para a parella e a niñada.

O macho ocupa un territorio e escolle un emprazamento para o niño, ó que atrae á femia con chamadas e movementos do corpo. Prefiren as pólas superiores, que lles permiten face-lo seu típico niño colgante. Se a femia non amosa interese polo sitio escollido, este busca outro dentro do seu territorio. Cando a femia acepta a proposta o macho comeza a construción. Crían case sempre en coníferas.

Fan en xeral dúas postas por ano. O macho é axúdao na construción do primeiro niño pola femia. Para acabalo precisan uns 20 días. A parte exterior do niño componse maioritariamente de mbrión e lique, ademais de seda procedente dos casulos dos ovos de araña e dalgúns tipos de larvas de insectos. A parte interior do niño está composta de plumas e pelos de animais. O segundo niño empézao a femia, e a súa construción adoita ser máis rápida cá do primeiro.

A estabilidade e o bo illamento dos niños permítenlle á femia deixar os ovos ou os pitos por períodos relativamente longos, de ata 25 minutos, sen que perdan temperatura. Os niños abandonados poden resistir varios invernos.

A posta[editar | editar a fonte]

A época da posta depende da situación xeográfica e pode comezar xa en marzo en zonas axeitadas. A época máis común e abril. A segunda posta fana, en xeral, en xuño. A femia pon o primeiro ovo da segunda niñada antes de que as crías da primeira sexan capaces de voar. Daquela e o macho quen se ocupa da alimentación dos polos. Poñen ente 8 e 11 ovos de media. Son de cor branca con manchas amarelo acastañadas e pesan menos de un gramo.

Chocan exclusivamente as femias. A grande cantidade de ovos fai que a femia os teña que ir movendo regularmente coas patas para que todos poidan ter contacto directo co seu corpo.

Os polos[editar | editar a fonte]

Os polos rompen a casca despois de 15 ou 16 días de incubación. Nuns dous días tódolos ovos están xa abertos, Os pais retiran de seguida as cascas lonxe do niño. As primeiras dexeccións dos pitos son comidas polos pais, despois son retiradas e abandonadas lonxe do niño. As crías da primeira niñada son alimentadas maioritariamente polo macho. A femia ocúpase uns días e despois inicia os traballos do segundo niño. A mantenza da segunda niñada é compartida polos dous proxenitores. A forma esférica do niño obriga ós polos a estar amoreados. Os que xa comeron amosan a tendencia de colocarse na parte inferior, o que facilita que todos sexan alimentados en rolda.

Supervivencia[editar | editar a fonte]

Poden chegar ós catro anos. Os períodos máis perigosos para a especie son a fin do outono e o inverno, cando moitos exemplares morren de frío ou de fame. A situación fáiselles especialmente crítica cando se forma xeada nas polas, o que lles priva de poder buscar alimento.

Nomes vulgares noutras linguas[editar | editar a fonte]

  • Alemán: Wintergoldhähnchen.
  • Danés: Fuglekonge.
  • Español: Reyezuelo sencillo.
  • Francés: Roitelet huppé.
  • Inglés: Goldcrest.
  • Neerlandés: Goudhaantje.
  • Portugués: Estrelinha-de-poupa
  • Sueco: Kungsfågel.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]