Estreito de Rande
Tipo | estreito | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Provincia de Pontevedra, España | |||
| ||||
O estreito de Rande é un estreito mariño galego localizado na ría de Vigo. Separa de xeito natural a enseada de San Simón do resto da ría. Por terra, separa a península do Morrazo da comarca de Vigo. Dende o ano 1978 o estreito está conectado mediante a ponte de Rande, unindo a vila de Moaña coa parroquia redondelá de Cedeira.
O nome do estreito provén do lugar homónimo, na parroquia redondelá.[1]
O 23 de outubro de 1702 librouse no seu seo a Batalla de Rande, que enfrontou ás escuadras das coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa na Guerra de Sucesión Española.[2]
Características
[editar | editar a fonte]Na zona máis angosta o estreito ten unha largura de 660 metros. A profundidade é de entre 20 e 30 metros.[3] Pola beira da península do Morrazo, ocupa territorios da parroquia de Domaio, no concello de Moaña, e de San Adrián de Cobres no concello de Vilaboa. Porén, a densidade de poboación arredor do estreito é pequena, xa que a irregularidade do relevo propiciou que non se desenvolvesen grandes núcleos na zona.
A característica principal do estreito é a existencia dunha ponte que conecta os dous extremos, a ponte de Rande. Esta ponte constitúe unha infraestrutura pertencente á autoestrada AP-9, que tamén se estende por ámbalas beiras. Ademais da ponte, a pegada humana limítase a diversas construcións residenciais na beira do mar. Nun tempo houbo fortíns defensivos en ámbalas beiras (fortalezas de Corveiro e de Rande). Nas zonas máis elevadas predomina a vexetación non autóctona, coma piñeiros e eucaliptos, así coma matos e outros arbustos.
O solo é caracteristicamente de tipo granítico, e forma desniveis en forma de cantís de varios metros sobre o nivel do mar. Na beira sur hai dous pequenos areais, a Praia de Rande e a Praia das Cabanas.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rande é un lugar da parroquia de Cedeira, no concello de Redondela.
- ↑ Pereiro Alonso, Román (2002). A batalla de Rande. Mapas e gravados (1699-1715). Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-588-9.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- ↑ Plan de Ordenación do Litoral de Galicia. Xunta de Galicia, ed. "Estreito de Rande". Consultado o 23 de xaneiro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Rande, Estreito de". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.