Enrique Tierno Galván
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2017.) |
Enrique Tierno Galván, nado en Madrid o 8 de febreiro de 1918 e finado na mesma cidade o 19 de xaneiro de 1986, foi un político, sociólogo e ensaísta español, alcalde de Madrid entre 1979 e 1986.
Doutor en Dereito, Doutor en Filosofía e Letras, Catedrático de Dereito Político dende 1948 ata 1953 na Universidade de Murcia, e dende 1953 ata 1965 na Universidade de Salamanca.
Biografía
[editar | editar a fonte]Foi o primeiro en traducir o Tractatus de Ludwig Wittgenstein e realizou importantes achegas sobre a novela picaresca, a novela histórica e a socioloxía de masas. Home moi culto, escribiu unhas interesantes Acotaciones a la historia de la cultura occidental en la Edad Moderna (1964) e traduciu a obra fundamental de Edmund Burke, as Reflexiones sobre la Revolución Francesa.
Foi procesado en 1957 polas súas actividades políticas. En agosto de 1965 foi expulsado da universidade por apoiar as protestas estudantís en contra da ditadura franquista, xunto cos profesores universitarios José Luis López Aranguren e Agustín García Calvo. En 1966 trasládase aos Estados Unidos onde foi profesor na Universidade de Princeton (1966-1967). Afiliado ó PSOE (Partido Socialista Obrero Español) na clandestinidade, e expulsado despois por diferenzas doutrinais, ó volver a España, en 1968, funda o Partido Socialista del Interior (PSI), que posteriormente, en 1974, pasou a chamarse Partido Socialista Popular (PSP). Ese mesmo ano, xunto ó Partido Comunista de España (PCE), o Partido del Trabajo de España (PTE), o Partido Carlista (PC) e numerosas personalidades independentes, formaría a Xunta Democrática de España (XDE).
Morto Francisco Franco en 1975, ó ano seguinte foi reposto na súa cátedra. Nas primeiras eleccións democráticas, o 15 de xuño de 1977, obtivo a acta de deputado por Madrid, nas listas do PSP (o PSP obtivo en ditas eleccións seis deputados), pero rematou por integrar o seu partido no PSOE, do que foi elixido presidente de honra (abril de 1978). Volveu a ser elixido deputado nas Eleccións Xerais de 1979. Nas primeiras eleccións municipais da democracia (abril de 1979) preséntase como candidato socialista á alcaldía de Madrid. Tras lograr un empate a 25 concelleiros coa UCD, se ben tendo máis votos os centristas, foi elixido alcalde grazas ao apoio dos 9 concelleiros do PCE establecendo unha coalición de goberno con estes. Compaxinou a alcaldía co seu cargo de deputado ata a disolución da cámara en agosto de 1982. Nas eleccións de maio de 1983 foi reelixido por maioría absoluta á fronte do PSOE, se ben continuou contando con edís do PCE no goberno. Permaneceu no cargo ata o seu pasamento en xaneiro de 1986. Durante os case que sete anos de mandato, levou a fin importantes reformas, alcanzando unha gran popularidade. Escribiu un libro de memorias, Cabos sueltos (1981), nunha prosa culta e irónica. Porén, os seus adversarios acusárono de desfigurar a súa propia traxectoria.
Aínda así, gañou o agarimo dos madrileños cos seus humorísticos e ben escritos Bandos municipais e con iniciativas que coidaban os detalles pequenos como devolver os parrulos ó río Manzanares e as flores ós parques públicos, incluso entre a xente nova, ó apoiar a chamada Movida madrileña. O seu enterro, o día 21 de xaneiro, converteuse nunha das concentracións máis numerosas ocorridas na capital de España.
Predecesor: Luis María Huete |
Alcalde de Madrid 1979 - 1986 |
Sucesor: Juan Barranco |
Obra
[editar | editar a fonte]Coñecido cariñosamente como O vello profesor, foi autor de varias obras, e nestas destacan:
- Los Supuestos escotistas en la política de Juan Bodin (1951)
- Sociología y Situación (1954)
- Costa y el Regeneracionismo (1961)
- Humanismo y Sociedad (1964)
- Diderot como pretexto (1965)
- Conocimiento y Ciencias Sociales (1966)
- Babeuf y Los Iguales (1967)
- Tradición y Modernismo (1973)
- Sobre la novela picaresca y otros escritos (1974)
- Democracia, Socialismo y Libertad (1977)
- Cabos sueltos (1981)
Ademais foi o encargado de redactar o preámbulo da Constitución española de 1978.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Enrique Tierno Galván |