Eliseo Pulpeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEliseo Pulpeiro
Biografía
Nacementomarzo de 1901 Editar o valor em Wikidata
Ribadeo, España Editar o valor em Wikidata
Morte11 de xullo de 1974 Editar o valor em Wikidata (73 anos)
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxornalista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Eliseo Pulpeiro, nado en Ribadeo en marzo de 1901 e finado en Buenos Aires en xullo de 1974, foi un xornalista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou a Buenos Aires en 1913. Despois de ocupar empregos humildes, traballou como viaxante e participou na súa organización gremial; posteriormente estableceuse como comerciante de tecidos e acadou unha confortable posición. De formación autodidáctica, foi director da revista Céltiga, na que se ocupou dunha das seccións máis coñecidas e lidas, "El momento de Galicia". Tamén destacou como poeta -sobre todo en castelán-, aínda que a súa obra está espallada por diversas publicacións. Posuía unha das máis amplas bibliotecas da colectividade galega na cidade porteña.

Adscribiuse primeiro á Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e logo ao Partido Galeguista e á Irmandade Galega; tivo, ademais, amizade con figuras relevantes do exilio como Castelao, Ramón Suárez Picallo e Blanco Amor.

Visitou Galicia en varias ocasións e mantivo sempre o vencello coa súa vila natal, sobre todo a través do pintor Amando Suárez Couto. En 1957, despois da súa solicitude, Eliseo Pulpeiro colaborou nos actos organizados co gallo do centenario do poeta Alonso-Trelles, El Viejo Pancho, tanto coa comisión constituída para levantarlle un monumento coma na creación da biblioteca pública El Viejo Pancho no concello.