Edición crítica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na filoloxía ou crítica textual, por edición crítica dun texto enténdese unha publicación do texto mesmo tentando restablecer a súa forma orixinal, respondendo o máis posíbel á vontade do autor, sobre a base do estudo comparado (colación) de cada pasaxe dos diversos testemuños directos e indirectos existentes, ben sexan manuscritos ou textos impresos. A edición preséntase polo tanto cun aparato crítico que cita as variantes de lectura. Pode tamén presentar un stemma codicum que cita os parentescos entre os varios textos postos en relación para atopar o seu arquetipo.

Variantes de lectura[editar | editar a fonte]

Nun texto chámanse variantes as lecturas que o autor ou o copista admitiron no canto de outras, xeralmente por medio do borrado da pasaxe anterior, ou unha abrasión do soporte, mentres que son variantes alternativas as empregadas pero non admitidas no texto.

As variantes pódense clasificar, segundo un antigo esquema, en catro tipos dependendo de se se realizaron mediante:

  1. Engadido.
  2. Substitución.
  3. Permutación.
  4. Supresión.

Distínguense, por outra banda, variantes formais e variantes substanciais. As variantes poden ser tamén inmediatas ou non inmediatas/tardías. Posto que a miúdo non se chega a establecer unha cronoloxía relativa das variantes que interesan a un determinado segmento, cómpre polo menos establecer cantas e cales foron as fases de elaboración do texto a través de diversos indicios, como poden ser a tinta, cambios de escritura, posición na páxina e similares.

Desde un punto di vista tipográfico, unha edición crítica distínguese por algunhas peculiaridades da compaxinación. O corpo do texto esta xeralmente acompañado por unha numeración na marxe das liñas; ás veces poden aparecer tamén referencias na marxe aos números de páxina dos diversos testemuños. A pé de páxina atópase o aparato crítico, no que o editor (o filólogo autor da edición crítica) testemuña e xustifica as escollas realizadas entre as variantes e as eventuais conxecturas.

A preparación da edición crítica[editar | editar a fonte]

A edición crítica é o resultado dun procedemento que se pode dividir en tres momentos principais:

  • A recensio é a relación dos códices dispoñíbeis para a transmisión do texto e a súa comparación (collatio codicum), na que se analizan a fondo os distintos textos e se identifican os lugares críticos (loci), onde hai erros e variantes: confrontando tales erros chégase a clasificar os testemuños e a os organizar segundo as relacións de parentesco entre un códice e o outro, ou sexa, prepárase o stemma segundo o método de Lachmann, e finalmente elimínanse os testemuños considerados inútiles para establecer o texto critico, como os codices descripti, evidentemente copiados doutro códice en poder do editor.
  • Na constitutio textus prepárase o texto critico confrontando entre eles, lectura por lectura, os distintos testemuños, de xeito que se poida realizar a reductio ad unum, isto é, deducir entre todas as variantes a orixinal, ou - se ningunha é convincente – corrixila mediante unha conxectura (divinatio); unha vez establecido o texto pásase a dispoñelo segundo os canons modernos (escritura, puntuación etc.: facies graphica, e disposición en parágrafos ou subdivisión dos versos nos textos poéticos: dispositio textus).
  • A instructio editionis é a última fase na que se remata de preparar a edición crítica redactando o aparato das variantes rexeitadas no texto e os outros materiais complementarios, como a introdución, presentación dos manuscritos, análise dos aspectos lingüísticos do texto, comentarios varios, glosarios, lista de rimas, índices etc.

Estas fases poden aínda reducirse no caso de tradición unitestemuñal, cando se transmite un texto dado só cun único códice: neste caso naturalmente a recensio limitarase á análise deste testemuño, na constitutio textus só se poderá establecer o texto aténdose ao códice e, no caso de lectura manifestamente non auténtica, tentar conxecturala; o resto da edición, en cambio, (facies graphica, dispositio textus e instructio editionis) será igual á da tradición pluritestemuñal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • G. Contini, Breviario di ecdotica, Torino, Einaudi, 1992. (en italiano)
  • G. Inglese, Come si legge un'edición critica. Elementi di filologia italiana, Roma, Carocci, 2003. (en italiano)
  • A. Stussi, Introdución agli studi di filologia italiana, Bologna, Il Mulino, 2006. (en italiano)
  • A. Stussi, Fondamenti di critica testuale, Bologna, Il Mulino, 2006. (en italiano)
  • Roger Chartier et Henri-Jean Martin, dir., Histoire de l'édition française. Tome I : Le livre conquérant, du Moyen Âge au milieu du XVIIe siècle, Paris, Fayard, 1982. (en francés)
  • École nationale des chartes, Conseils pour l'édition des textes médiévaux, fasc. 1 : Conseils généraux, coord. Olivier Guyotjeannin et Françoise Vieillard, Paris, 2001 ; fasc. 2: Actes et documents d'archives, coord. Olivier Guyotjeannin, Paris, 2001 ; fasc. 3 : Textes littéraires, coord. Pascale Bourgain et Françoise Vieillard, Paris, 2002. (en francés)
  • Jean Irigoin, « Accidents matériels et critique des textes », Revue d’histoire des textes, 1988, 16, pp.|1-36.(en francés)
  • Jean Irigoin, Règles et recommandations pour les éditions critiques (série grecque), Les Belles lettres, Collection des universités de France (Budé), 2002, 74 p. (en francés)
  • Louis Havet, Manuel de critique verbale appliquée aux textes latins (1911). (en francés)

Outros artigos[editar | editar a fonte]