Doutrina Parot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pancarta contra a sentenza 197/2006 contra os presos en Donostia.

A doutrina Parot ou doutrina 197/2006 é o nome co que se coñece a xurisprudencia estabelecida a partir da sentenza do Tribunal Supremo de España do 28 de febreiro de 2006 (resolución a un recurso presentado polo membro de ETA Henri Parot), pola cal a redución de penas por beneficios penais (traballo, estudos...) aplícase respecto da pena total e non respecto ao máximo legal permitido de permanencia no cárcere que, segundo o xa derrogado Código Penal de 1973, é de 30 anos.[1] Dentro do Tribunal Supremo, un dos seus principais impulsores foi Julián Sánchez Melgar.[2]

Esta doutrina foi modificada en 2008 só parcialmente polo Tribunal Constitucional de España na coñecida como doutrina do dobre cómputo penal.[3] En 2013 a Gran Sala do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) resolveu definitivamente nun recurso presentado por unha condenada de ETA que a aplicación da doutrina Parot con carácter retroactivo vulneraba os artigos 7 e 5.1 da Convención Europea de Dereitos Humanos,[4][5] pola cal as reducións comezaron a ser aplicadas sobre o máximo tempo legal permitido de permanencia no cárcere, o que resultou na posta en liberdade inmediata de moitas persoas con penas que superaban amplamente os 30 anos.

Núcleo da doutrina Parot[editar | editar a fonte]

Con adaxo do recurso de casación presentado por Henri Parot, membro da organización terrorista Euskadi Ta Askatasuna (ETA), contra o auto ditado pola sección primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional, a Sala do Penal do Tribunal Supremo considerou aplicable retroactivamente o principio que fixou no fundamento de dereito quinto, no que afectaba o cumprimento das condenas e o seu límite máximo, e que sinalaba:[6]

A forma de cumprimento da condena total, será do xeito seguinte: comezará pola orde da respectiva gravidade das penas impostas, aplicándoseos beneficios e redencións que procedan con respecto a cada unha das penas que se atope cumprindo. Unha vez extinguida a primeira, darase comezo ao cumprimento da seguinte, e así sucesivamente, até que se alcanzan as limitacións dispostas na regra segunda do art. 70 do Código penal de 1973. Chegados a este estadio, producirase a extinción de todas as penas comprendidas na condena total resultante.

Recurso perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH)[editar | editar a fonte]

Primeira resolución do TEDH[editar | editar a fonte]

O 10 de xullo de 2012, a Sala Pequena do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciou que a aplicación retroactiva da chamada «doutrina Parot» violaba os artigos 7 e 5.1 da Convención Europea de Dereitos Humanos «respecto da irretroactividade das leis penais desfavorables», polo que instou o goberno español a pór en liberdade a Inés del Río Prada, membro de ETA condenada a 2700 anos de cárcere por varios atentados terroristas e que, despois de 18 anos de cárcere, tiña que ser posta en liberdade o 3 de xullo de 2008 por obter os beneficios penais estabelecidos no Código Penal de 1973 (redención de penas de até 12 anos por traballo ou por estudos).

A resposta do Goberno español, presidido daquela por Mariano Rajoy, foi discrepar «severamente» da sentenza e anunciar o recurso perante a Gran Sala do Tribunal de Estrasburgo e que, en tanto se concreta, non se poría en liberdade á condenada porque existía risco de fuga «sen ningún xénero de dúbidas».[7][8]

Estimación do recurso contra a doutrina Parot pola Gran Sala do TEDH[editar | editar a fonte]

O recurso presentado por España foi resolto pola Gran Sala do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos composta por 17 maxistrados, o 21 de outubro de 2013, e determinou que a aplicación retroactiva da doutrina Parot vulneraba o artigo 5 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, e que o Tribunal Supremo aplicou de forma retroactiva xurisprudencia máis desfavorable ao reo, sendo que a Constitución española, no seu artigo 9, prohibe a retroactividade. Neste senso, o alto tribunal considerou «detención ilegal» a permanencia da penada, Inés del Río, na cadea.[9] O Tribunal Europeo lembrou que a súa sentenza sentaba xurisprudencia, tiña carácter vinculante e que o Estado español comprometeuse, como asinante do convenio do propio Tribunal, a acatar a sentenza e cumprila:[4][10]

O tribunal estima que a demandante non podía prever que o Tribunal Supremo modificaría a súa xurisprudencia en febreiro de 2006 nin que tal modificación lle sería aplicada e suporía aprazar en case nove anos a data da súa posta en liberdade, do 2 de xullo de 2008 ao 27 de xullo de 2017. Polo tanto, a demandante cumpriu unha pena de prisión superior á que tería que ter cumprido segundo o sistema xurídico español en vigor no momento da súa condena. Por conseguinte, corresponde ás autoridades españolas garantir a súa posta en liberdade no prazo máis breve posible
Sentenza do Tribunal Europeo de Estrasburgo de 21 de outubro de 2013, Caso Del Río Prada versus España, proced. 42750/09.

Posta en liberdade de Inés del Río[editar | editar a fonte]

A Sala do Penal da Audiencia Nacional de España, composta por 17 maxistrados, ao día seguinte da sentenza do TEDH de 21 de outubro de 2013, resolveu por unanimidade a posta en liberdade inmediata da militante de ETA, Inés del Río, o que se cumpriu por Institucións Penais na mesma tarde do 22 de outubro, saíndo do cárcere de Teixeiro na provincia da Coruña.[11]

Excarceracións posteriores á derrogación[editar | editar a fonte]

Horas despois da liberación de Inés del Río, as autoridades xudiciais británicas pediron ás españolas explicacións respecto de como podía afectar a sentenza á causa do etarra Antonio Troitiño, detido en Reino Unido dende 2011. Os representantes da xustiza deron un prazo dunha semana para recibir a información e poder valorar. Mentres tanto, Troitiño quedou en liberdade condicional.[12]

Igualmente, a sentenza podería afectar a outros 55 membros de ETA condenados por terrorismo aos que tamén se lles aplicou a doutrina Parot, así como a seis membros do GRAPO, un dos GAL (aínda que algunhas fontes indican que este último caso era falso),[13][14] outro de Resistência Galega e quince presos comúns con delitos de especial gravidade.[15]

A mediados de xaneiro de 2014 xa foran postos en liberdade, sobre a base desta derrogación, un total de 63 membros de ETA e nove doutras organizacións, entre elas Josefa Rodríguez Porca do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «El Supremo decide acumular las penas de Parot, y saldría en 2020», 20 minutos, 20 de febreiro de 2006.
  2. "El magistrado del Tribunal Supremo Julián Sánchez Melgar, nuevo fiscal general del Estado". europapress.es. 24 de novembro de 2017. Consultado o 16 de decembro de 2017. 
  3. «Dos doctrinas contradictorias», El País, 16 de maio de 2011
  4. 4,0 4,1 "El Tribunal de Estrasburgo tumba la ‘doctrina Parot’". El País. 21 de outubro de 2013. Consultado o 21 de outubro de 2013. 
  5. "20 años a cuestas con un Código maldito". El País. 27 de outubro de 2013. 
  6. Jueces para la Democracia. "Sentencia Nº: 197/2006 de la Sala de lo Penal del Tribunal Supremo" (PDF): 20. 
  7. "Estrasburgo sentencia que la 'doctrina Parot' vulnera derechos humanos". El País. 11 de xullo de 2012. 
  8. «El Tribunal de Estrasburgo condena a España por aplicar la doctrina Parot» Arquivado 19 de xuño de 2017 en Wayback Machine., EcoDiario, 10 de xullo de 2012
  9. Tribunal Europeo de Derechos Humanos (21 de outubro de 2013). "Case of Del Río Prada v. Spain" (en inglés). Consultado o 23 de outubro de 2013. 
  10. Tribunal Europeo de Derechos Humanos (21 de outubro de 2013). "Nota de Prensa del Tribunal Europeo de Derechos Humanos. Demanda 42750/09" (PDF). Consultado o 21 de outubro de 2013. 
  11. "La etarra Inés del Río ya está en la calle por orden de la Audiencia Nacional". El País. 22 de outubro de 2013. Consultado o 23 de outubro de 2013. 
  12. "La justicia británica deja al etarra Antonio Troitiño en libertad condicional". El País. 22 de outubro de 2013. Consultado o 22 de outubro de 2013. 
  13. "Madrid mintió a Europa sobre el último preso de los GAL, en tercer grado ya en 2002". Gara. 1 de novembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2013. Consultado o 2 de novembro de 2013. 
  14. "El último sarcasmo sobre la guerra sucia". Gara. 1 de novembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2013. Consultado o 2 de noviembre de 2013. 
  15. "Rosa Díez pide al Ejecutivo que evite una excarcelación masiva". Libertad Digital. 21 de outubro de 2013. Consultado o 23 de outubro de 2013. 
  16. "Excarcelado otro etarra, el número 63, tras el fallo contra la 'doctrina Parot'". El Mundo. 14 de xaneiro de 2014. Consultado o 23 de febreiro de 2014.