Dobra (San Tomé e Príncipe)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dobra (San Tomé e Príncipe)
Código:STN
Ámbito:San Tomé e Príncipe San Tomé e Príncipe
Símbolo:Db
Fracción:100 céntimos
Moedas:10, 20 e 50 céntimos, 1 e 2 dobras
Billetes:5, 10, 20, 50, 100 e 200 dobras
Emisor:Banco Central de San Tomé e Príncipe
Taxa de troco:
02-08-2022
1 STN = 0,0412853
Troco actual

A dobra é a moeda de curso legal de San Tomé e Príncipe. Abréviase Db e está dividida en 100 céntimos.

A primeira dobra (STD) foi introducida en 1977, substituíndo ao escudo santomense. Debido á inflación, en 2018 a dobra foi reconvertida (STN) cunha taxa de conversión de 1000 a 1.[1]

Moedas[editar | editar a fonte]

Primeira dobra[editar | editar a fonte]

En 1977 introducíronse as moedas de 50 céntimos, 1, 2, 5, 10, e 20 dobras. Agás as de 50 céntimos e 1 dobra, de latón, todas estaban feitas dunha aliaxe de níquel e cobre, así como a de 50 dobras introducida en 1990. Nestas moedas estaba representada unha combinación de produtos alimenticios e flora e fauna local. Aínda que hoxe en día apenas se ven en circulación debido á grande inflación do país, estas moedas nunca foron retiradas e aínda se poden usar.

En 1997 introduciuse unha serie nova de moedas con valores máis grandes, de 100, 250, 500, 1.000 e 2.000 dobras. As dúas primeiras son redondas e as outras teñen forma de heptágono con curvas de largura constante. Feitas de aliaxe de aceiro e níquel, representan temas de vida salvaxe.

Todas as moedas levan inscrito o escudo de armas do país na parte dianteira, e a frase "Aumentemos a Produção" e o valor no reverso.

Segunda dobra[editar | editar a fonte]

Coa reconversión da dobra en 2018, introducíronse novas moedas cos valores de 10, 20 e 50 céntimos, así como 1 e 2 dobras.[1]

Billetes[editar | editar a fonte]

Primeira dobra[editar | editar a fonte]

O 30 de setembro de 1977, o Banco Nacional de San Tomé e Príncipe introduciu os billetes de 50, 100, 500 e 1.000 dobras.[2] En 1996, introducíronse billetes de 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 dobras, mentres que os antigos billetes foron substituídos por moedas en 1997. No 2006, emitiuse unha nova serie con melloras de seguridade.

En decembro de 2008 e debido á continua inflación, fíxose necesario emitir un novo billete, de 100.000 dobras.

Todos os billetes levan impreso o retrato do rei Amador, excepto o de 100.000, que leva o retrato de Francisco José Tenreiro.

Segunda dobra[editar | editar a fonte]

Coa reconversión da dobra en 2018 (1 nova dobra equivale a 1.000 dobras antigas), introducíronse os billetes de 5, 10, 20, 50, 100 e 200 dobras. Os billetes de 5 e 10 dobras, están feitos de polímero, e todos eles levan imaxes de diversas bolboretas por diante, e imaxes de vida salvaxe local por atrás.

Acordo con Portugal en 2009[editar | editar a fonte]

En xullo de 2009, o goberno de San Tomé e Príncipe asinou un acordo de empréstito con Portugal, país do que foi colonia. Con este acordo pretendíase ligar a dobra co euro. Portugal proporcionaría un máximo de 25 millóns de euros nun movemento aprobado pola Comisión Europea. San Tomé e Príncipe afirmaba que esta ligazón entre a dobra e o euro garantiría estabilidade ao país. Tardaron un ano en negociar o acordo que se fixo efectivo en xaneiro de 2010. O acordo era similar a outro que Portugal asinara dez anos antes con Cabo Verde.

Reconversión da dobra[editar | editar a fonte]

O 25 de agosto de 2017, o Banco Central de San Tomé e Príncipe anunciou a reconversión da dobra, en conmemoración do 25 aniversario do banco. A nova dobra equivale a 1.000 das antigas dobras.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 www.numismatica-visual.es. "Nuevas monedas y billetes para Santo Tomé y Príncipe" (en castelán). Consultado o 18 de maio de 2018. 
  2. Linzmayer, Owen. "Sao Tome and Principe". The Banknote Book (en inglés). www.BanknoteNews.com. 
  3. www.delarue.com (25 de agosto de 2017). "O Banco Central de San Tomé e Príncipe celebra o seu 25 aniversario revelando a nova serie de billetes deseñados por De La Rue" (en inglés). Consultado o 18 de maio de 2018.