Saltar ao contido

Diálogo do pesimismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Diálogo do pesimismo
Autor/aDescoñecido
Lingualingua acadia
Xénero(s)literatura sapiencial e diálogo
editar datos en Wikidata ]

O Diálogo do pesimismo é unha antiga composición literaria de Mesopotamia na forma dun diálogo entre un mestre e o seu escravo. As súas interpretacións variaron, mais adoita considerarse un texto pouco frecuente que fala sobre a futilidade da acción humana. É un exemplo de literatura sapiencial do antigo Oriente Próximo.

Texto e datación

[editar | editar a fonte]

O diálogo é unha composición vagamente poética escrita en acadio arredor do ano -1000 en Mesopotamia. Foi descuberta en cinco táboas de arxila diferentes escritas en cuneiforme. O texto está ben conservado e tan só 15 das súas 86 liñas son fragmentarias.[1] Sobreviviron dúas versións do texto, xa que a versión da táboa Babilónica é substancialmente diferente ás versións asirias.[2] O texto puido coñecerse na antigüidade polo seu título acadio arad mitanguranni ("escravo, aténdeme"), que é a frase ao principio de cada estrofa.[3]

Publicación e título

[editar | editar a fonte]

O texto publicouno orixinalmente George Andrew Reisner en 1896, seguindo os traballos de E. Ebeling entre 1917 e 1919. Porén, o título "diálogo do pesimismo" atribúselle a Stephen Herbert Langdon a partir do seu artigo de 1923 "The Babylonian dialogue of pessimism". Jacyntho Lins Brandão cre que o feito que este título prevalecese demostra un certo nesgo na interpretación,[4] e suxire que o texto tería que ser visto como "diálogo da vacilación".[5]

Contido e estilo

[editar | editar a fonte]

O diálogo do pesimismo toma a forma dun diálogo entre un mestre e o seu escravo. En cada unha das dez primeiras estrofas o mestre propón un curso de acción, para o que o escravo dá boas razóns. Porén, cada vez o amo cambia de opinión e o escravo proporciona razóns igualmente boas para non seguir ese curso de acción. Os cursos de actuación son:

I. Ir ao palacio

II. Xantar

III. Cazar

IV. Casar ("facer un fogar" en Speiser)

V. Litixio (esta é a estrofa máis fragmentada)

VI. Liderar unha rebelción ("cometer un crime" en Speiser)

VII. Relacións sexuais

VIII. Sacrificio

IX. Facer investimentos ("cultivos de plantas" en Speiser)

X. Servizo público

Unha mostra do diálogo é (Mestre escravo):

Escravo, escóitame! Aquí estou, mestre, aquí estou
Quero facer o amor cunha muller! Fai o amor, mestre, fai o amor
O home que fai o amor esquece a tristeza e o medo!
Bueno, escravo, non quero facer o amor cunha muller.
'Non faga o amor, mestre, non faga o amor.
A muller é unha verdadeira trampa, un buraco, unha cuneta
A muller é un puñal de ferro afiado que corta a gorxa dun home.
(Estrofa VII, liñas 46–52)[6]

A estrofa XI é substancialmente diferente:

Escravo, escóitame! Aquí estou, mestre, aquí estou
Que é bo entón?
Que me rompan o pescozo e o teu,
ou que o boten ao río, iso é bo?
Quen é tan alto como para subir ao ceo?
Quen é tan amplo como para abarcar o mundo enteiro?
Bueno, escravo! Voute matar e enviar o primeiro!
Si, pero o meu mestre certamente non me sobreviviría durante tres días.[7]
(Liñas 79–86)

O diálogo está limitado a dúas persoas (a diferenza, por exemplo, dos diálogos de Platón), como é común na antiga literatura sapiencial do Próximo Oriente. Ten moito en común coa tradición local da literatura de disputas, incluíndo a súa perspectiva cínica e cuestionadora.[8] Do mesmo xeito que con outros poemas de disputa, pode ter sido interpretado oralmente fóra do eido escolar.[9] No canto dun conxunto de principios abstractos ou universais para aplicar a cada situación, o escravo emprega imaxes e instancias concretas.[10]

O diálogo tamén fai referencia á literatura mesopotámica doutro tipo. A liña 76 cita unha liña ao principio e ao final da Epopea de Gilgamesh. As liñas 86–87 citan un antigo dito sumerio.[11] As liñas 62–69 poden aludir a unha parte do Grande Himno a Shamash (liñas 118–127).[12]

Interpretación

[editar | editar a fonte]

A interpretación do Diálogo está dividida. Unha corrente considera o Diálogo unha teodicea, e outra considérao unha declaración do absurdo da vida, porque non hai opcións definitivas correctas e incorrectas ou razóns para actuar. A estrofa final é, polo tanto, un resultado lóxico deste dilema, a elección da inexistencia fronte á futilidade existencial.[13] Isto levou aos intérpretes recentes a comparar o diálogo con existencialistas modernos como Kierkegaard[14] e Camus.[15]

Unha interpretación oposta toma como referencia a última réplica descarada do escravo, que ve o diálogo como unha sátira social. Segundo este punto de vista, o escravo bulicioso expón a vacilación e a improdutividade do seu amo aristocrático dando respostas contraditorias e clichés.[16] A sátira relixiosa tamén pode estar presente nos comentarios sobre o comportamento dos deuses.

Os paralelos entre o texto mesopotámico do segundo milenio Monólogo do xusto que sofre (tamén coñecido como "Lovarei ao Señor da Sabedoría") e o bíblico Libro do Eclesiastés suxiren unha terceira interpretación. O universo é realmente enigmático, aínda que parece sen sentido, pero pode ter algunha razón de ser coñecida polos deuses (suxerida no comentario do escravo sobre o ceo e a terra na estrofa XI). No canto de aconsellar a morte por desesperación, o amo quere que o escravo entre antes del na morte para poder preguntarlle aos deuses. A última réplica satírica do escravo evita a suxestión do seu amo. O Diálogo pode ser satírico, serio ou ambos, pero desde esta visión a súa mensaxe é que os deuses controlan os destinos, que son descoñecidos para nós.[17] O sabio, como o escravo, reserva o xuízo e valora as posibilidades ante as ambigüidades da vida, aínda que conservando o seu sentido do humor.[18]

Paralelos co Antigo Testamento

[editar | editar a fonte]

Hai un paralelismo temático entre o Diálogo do Pesimismo e o Libro do Eclesiastés do Antigo Testamento. As afirmacións e as negacións dadas polo escravo do diálogo son semellantes á lista de accións e os seus opostos dada en Eclesiastés 3:1-9 ("un tempo para nacer e un tempo para morrer..."). O Eclesiastés, como o diálogo, foi obxecto de interpretacións pesimistas e optimistas, e tamén é susceptible de interpretar que a incomprensibilidade do universo e da vida humana apuntan ás nosas limitacións e ao coñecemento transcendente de Deus.[19]

Tamén hai algúns paralelismos e contrastes co Libro de Xob. Do mesmo xeito que o diálogo, Xob tamén considera a morte como unha opción ante as contradicións da vida (Xob 3:2-13), aínda que nunca contempla o suicidio. Ademais, Xob non conclúe cunha nota de morte: máis ben, ese tema estaba máis presente ao principio. O uso da ironía e a sátira para investigar os misterios da vida tamén aparecen tanto no diálogo como en Xob (por exemplo, Xob 9:39–31).[20]

Un proverbio que aparece ao final do diálogo: "quen é tan alto como para ascender aos ceos? quen é tan amplo como para abarcar o mundo enteiro?" ten varios paralelos bíblicos, entre os que están o verso inicial dos proverbios de Agur (Proverbios 30:4); Deuteronomio 30:11-14; Xob 11:7-9; e Xob 28:12-18.[21][a]

  1. Jacyntho Lins Brandão observa un paralelismo entre estes versos e a versión A de Bilgames e Huwawa: "um homem não pode estender-se até o céu, não importa quão alto,/ um homem não pode abarcar uma montanha, não importa quão largo." ("un home non pode chegar ata o ceo, por moi alto que sexa,/ un home non pode abarcar unha montaña, por amplo que sexa.")[22]

Referencias

[editar | editar a fonte]
  1. Bottéro, 1992: 251f.
  2. Lambert, 1963: 143
  3. Speiser, 1954: 103f; Lambert, 1963: 144; Hurowitz, 2007: 33
  4. Brandão 2022, p. 15.
  5. Brandão 2022, pp. 37–38.
  6. Traducións de Bottéro (1992: 253–257), despois de Lambert (1963). A tradución de Speiser (1954) ofrece extensas anotacións sobre texto e tradución.
  7. Unha predición semellante faise no Quentin Durward de Walter Scott, onde no capítulo 29, o astrólogo garante a súa propia seguridade predicindo a Luís XI que o rei morrería 24 horas despois da morte do propio astrólogo.
  8. van der Toorn, 1991
  9. Speiser, 1954: 105; Denning-Bolle, 1987: 232
  10. Denning-Bolle, 1987: 226, 229. Bottéro (1992) observa que varias veces a mente mesopotámica non formula principios abstractos ou universais senón que, máis ben, emprega listas exhaustivas de casos e ás veces exemplos.
  11. Speiser, 1954: 104f.
  12. Hurowitz, 2007
  13. Lambert, 1963: 139-142; Hartley, 2008: 353f.
  14. Metcalf, 2013
  15. Helle, 2017: 218.
  16. Speiser, 1954: 103–105
  17. Bottéro, 1992: 259–267
  18. Denning-Bolle, 1987: 229
  19. Bottéro, 1992: 260–262
  20. Hartley, 2008: 353f.
  21. Kim, 2008: 430; Samet, 2010
  22. Brandão 2022, p. 35.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bottéro, J. (1992). Mesopotamia: Writing, Reasoning, and the Gods. Chicago. (Especially "The Dialogue of Pessimism and Transcendence", pp. 251–267.)
  • Brandão, Jacyntho Lins (2022). "Diálogo do Pessimismo ou Elogio da Hesitação" [Dialogue of Pessimism or Praise of Hesitation]. Phoînix (en portugués) (Río de Xaneiro: Laboratório de História Antiga) 28 (2): 14–47. ISSN 2527-225X. doi:10.26770/phoinix.v28n2a1. 
  • Denning-Bolle, S. J. (1987). Wisdom and Dialogue in the Ancient Near East. Numen 34 (2): 214–234.
  • Hartley, J. E. (2008). Job 2: Ancient Near Eastern Background. In T. Longman III & P. Enns (Eds.), Dictionary of the Old Testament: Wisdom, Poetry & Writings. Inter-Varsity Press: 316–361.
  • Jacobsen, T. (1948). The Negation of All Values: A Dialogue of Pessimism. In H. & H. A. Frankfort, J. A. Wilson, & T. Jacobsen, Before Philosophy: The Intellectual Adventure of Ancient Man. Penguin: 231–234.
  • Helle, S. (2017). Babylonian Perspectives on the Uncertainty of Death: SB Gilgamesh X 301-321. KASKAL 14: 211–219.
  • Hurowitz, V. A. (2007). An Allusion to the Šamaš Hymn in the Dialogue of Pessimism. In R. J. Clifford (Ed.), Wisdom Literature in Mesopotamia and Israel. Society of Biblical Literature: 33–36.
  • Kim, K. (2008). Lemuel and Agur. In T. Longman III & P. Enns (Eds.), Dictionary of the Old Testament: Wisdom, Poetry & Writings. Inter-Varsity Press: 427–431.
  • Lambert, W. G. (1960). The Dialogue of Pessimism. In ibid., Babylonian Wisdom Literature. Oxford: 139–149.
  • Metcalf, C. (2013). Babylonian Perspectives on the Certainty of Death. KASKAL 10: 255–267.
  • Speiser, E. A. "The Case of the Obliging Servant." Journal of Cuneiform Studies 8 (3): 98–105.
  • Samet, N. (2008). The Babylonian Dialogue between a Master and His Slave: A New Literary Analysis. Shnaton 23: 99–130.
  • Samet, N. (2010). The Tallest Man Cannot Reach Heaven, The Broadest Man Cannot Cover Earth - Reconsidering the Proverb and Its Biblical Parallels. Journal of Hebrew Scripture 10, article 8.
  • van der Toorn, K. (1991). The Ancient Near Eastern literary dialogue as a vehicle of critical reflection. In G. J. Reinink & H. L. J. Vanstiphout (Eds.), Dispute Poems and Dialogues in the Ancient and Mediaeval Middle East: 59-75. OLA 42; Leuven: Peeters.