Dileptus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dileptus

Dileptus sp.
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
(sen clasif.) SAR
Filo: Ciliophora
Clase: Litostomatea
Orde: Dileptida
Familia: Dileptidae
Xénero: Dileptus
Dujardin, 1841

Dileptus é un xénero de ciliados unicelulares da clase Litostomatea. As distintas especies de Dileptus poden vivir, segundo os casos, en auga doce e salgada ou sobre musgos e solos. A maioría son predadores agresivos equipados con probóscides longas e móbiles tapizadas de extrusomas tóxicos, cos cales atordan organismos máis pequenos para capturalos e alimentarse deles.[1] Recoñécese actualmente 13 especies e subespecies de Dileptus.[2]

Especies de Dileptus utilizáronse como organismos modelo para o estudo dos padróns de ciliatura, ontoxénese, conxugación e obtención de alimento.[3]

Aparencia e características[editar | editar a fonte]

Os corpos dos Dileptus son tipicamente estreitos ou cilíndricos e teñen un macronúcleo feito de máis dun cento de nódulos espallados. Durante a división celular estes nódulos divídense cada un por separado. No extremo dianteiro da célula hai unha probóscide móbil. O citostoma está na base deste órgano e está ben reforzado con barras de microtúbulos ríxidas (nematodesmos). A superficie da célula está cuberta uniformente de cilios dispostos en ringleiras lonxitudinais. O corpo pode facerse máis afiado no extremo posterior, formando unha porción que parece unha cola. Hai múltiples vacúolos contráctiles situados en fila ao longo da superficie dorsal. A maioría dos Dileptus son incoloros, pero dúas especies levan algas verdes simbióticas no citoplasma.[2][4]

Historia e clasificación[editar | editar a fonte]

Amphileptus margaritifer (hoxe Dileptus margaritifer) ilustrado por C. G. Ehrenberg, 1838.

Unha especie de Dileptus foi descrita por C. G. Ehrenberg en 1833, co nome Amphileptus margaritifer. Oito anos despois, Félix Dujardin creou o xénero Dileptus e trasladou o A. margaritifer de Ehrenberg a el (onde segue estando), xunto con Dileptus anser Müller 1773 (agora clasificado en Pseudomonilicaryon) e Dileptus folium (agora Litonotus cygnus). Ao longo do seguinte século, describíronse moitas especies novas. En 1963, cando Jean Dragesco publicou o primeiro informe detallado do xénero, este comprendía 50 especies.[2][3][5]

Nun estudo taxonómico completo publicado en 2012, Peter Vďačný e Wilhelm Foissner restrinxiron o xénero Dileptus aos diléptidos que "teñen máis de 50 nódulos micronucleares espallados que se dividen individualmente", o cal deixa só dez especies nominais dentro do grupo.[2] Moitos membros tradicionalmente recoñecidos de Dileptus, incluíndo especies ben coñecidas como Dileptus anser, foron cambiadas a outros xéneros, como Pseudomonilicaryon e Rimaleptus.

Especies de Dileptus[editar | editar a fonte]

Galería[editar | editar a fonte]

Dileptus sp.
Dileptus sp.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Miller, Stephen (May 1968). "The Predatory Behavior of Dileptus Anser". Journal of Protozoology 15 (2): 313–19. doi:10.1111/j.1550-7408.1968.tb02128.x. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Vďačný, Peter, and Wilhelm Foissner. Monograph of the dileptids (Protista, Ciliophora, Rhynchostomatia). Land Oberösterreich, Biologiezentrum/Oberösterreichische Landesmuseen, 2012
  3. 3,0 3,1 Vd'ačný, Peter; et al. (xuño de 2011). "Morphological and molecular phylogeny of dileptid and tracheliid ciliates: Resolution at the base of the class Litostomatea (Ciliophora, Rhynchostomatia).". European Journal of Protistology 47 (4): 295–313. PMC 3234341. PMID 21641780. doi:10.1016/j.ejop.2011.04.006. 
  4. Carey, Phillip G., Marine Interstitial Ciliates: An Illustrated Key. Chapman and Hall, 1992, ISBN 978-0-412-40610-2
  5. Dragesco, J (1963). "Révision du genre Dileptus, Dujardin 1871 (Ciliata Holotricha)(systématique, cytologie, biologie)". Bull. Biol. Fr. Belg 97: 103–145.