Extrusoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Os extrusomas son orgánulos limitados por membranas que se encontran nas células dalgúns organismos eucariotas e que, baixo certas condicións, xeralmente por estímulos de diferente tipo (por exemplo, mecánico ou químico), descargan o seu contido fóra da célula.[1][2][3] Hai distintos tipos, probablemente non homólogos, cuxas funcións son diversas. Entre eles inclúense:

  • Mucocistes. Son orgánulos que descargan unha masa mucosa. Preséntanse en certos protistas, que os usan para a formación de cubertas protectoras, de quistes, ou para apoiar o movemento no caso das diatomeas e euglenoideos.
  • Tricocistes.[4][5] Son orgánulos que disparan filamentos.[6] Son propios de certos protistas, que os utilizan como defensa e para ancorarse durante a alimentación. Tipicamente os orgánulos teñen forma baciliforme e están situados en filas e perpendicularmente á superficie da célula. O filamento adoita rematar nunha punta barbada con aspecto de frecha. Esta punta non se aprecia cando está dentro da célula, polo que se supón que se polimeriza no momento do disparo. Preséntanse, por exemplo, en ciliados, dinoflaxelados e criptófitas. Pódense distinguir tres tipos de tricocistes: discobolocistes (con forma de disco, por exemplo, en Ochromonas), teniobolocistes (con forma de fita enrolada en espiral, por exemplo, en Paramecium), e acantobolocistes (con forma cilíndrica, por exemplo, en Cryptomonas). Os das criptófitas son duns tipos especiais chamados exectosomas.
  • Toxicistes. Son orgánulos que disparan compoñentes tóxicos. Preséntanse en certos protistas que son depredadores activos. Distínguense dous tipos: un con forma de tubo invaxinado (por exemplo, Homalozoon), o outro con forma de botella (haptocistes en suctores e heliozoos).
  • Nematocistes.[7] Son orgánulos presentes en certas células dos cnidarios. As células teñen forma oval e distribúense pola superficie corporal do animal, concentrándose sobre todo nos tentáculos. Os nematocistes conteñen un estilete e un filamento enrolado, bañados nun líquido urticante. Un opérculo sensible á presión dispara o estilete. Este permanece unido mediante o filamento oco a través dol cal circula o líquido urticante. Cando se dispara, a célula morre e é substituída por unha nova a partir de células non diferenciadas. Os nematocistes utilízanse como defensa e para capturar as presas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Klaus Hausmann, «Extrusive Organelles in Protists», International Review of Cytology, 52: 197-276, 1978.
  2. Lynn Margulis, Heather I. McKhann, Lorraine Olendzenski, Illustrated glossary of protoctista, Boston : Jones & Bartlett Learning, 1993, ISBN 0-86720-081-2, p. 42 (Google libri)
  3. Mark Wheelis, Principles of Modern Microbiology, Sudbury : Jones & Bartlett Learning International, 2007, ISBN 07-637-1075-X, ISBN 9780763710750, p. 97 (Google libri)
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tricociste.
  5. BUSCatermos tricociste
  6. Lynn D (2008). "Glossary". The Ciliated Protozoa: Characterization, Classification, and Guide to the Literature. Springer. p. 39. ISBN 978-1-4020-8239-9. Consultado o 16 January 2018. 
  7. BUSCatermos nematociste

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]