Diapausa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Larva dun escaravello do xénero Mordellistena en diapausa.

Diapausa é un estado fisiolóxico de inactividade, ou letargo, en estado embrionario ou postembrionario, dalgúns seres vivos, nomeadamente os insectos, produto dunha adaptación da especie a condicións de alimentación ou temperatura adversas, ou para sincronizaren a aparición dos adultos de toda a poboación, o que favorece a coincidencia dos sexos.[1][2] Os seus factores causantes e terminantes son ben específicos.[3] Úsase a miúdo para sobrevivir en condicións ambientais desfavárabeis e predicíbeis, tales como temperaturas extremas, seca ou carencia de alimento.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo diapausa, que quizais fose cuñado polo entomólogo William Wheeler en 1893, como diapause, en inglés, deriva do termo do grego antigo διαπαύσις diapaúsis, á súa vez derivado do verbo δια-παύομαι diapaúomai, "cesar por algún tempo", "facer pausa".[4]

Definición[editar | editar a fonte]

Hai varias definicións e pode usarse en diversos contextos, pero úsase máis comunmente en artrópodos, especialmente en insectos. Unha das definiciones máis explícitas que cobre os trazos máis fundamentales é a seguinte:

A diapausa é un estado dinámico de baixa actividade metabólica mediado por neurohormonas. En asociación con isto hai unha redución de morfoxénese, aumento da resistencia aos extremos ambientais e redución ou alteración das actividades. A diapausa ocorre durante un estado do desenvolvemento predeterminado xeneticamente. A súa expresión completa segue un patrón específico para cada especie, xeralmente en resposta a estímulos ambientais que preceden ás condicións desfavorábeis. Unha vez iniciada a diapausa suprímense as actividades metabólicas aínda cando as condicións ambientais favorábeis continúen.[5][6]

Un aspecto moi importante da diapausa é que non só é inducida por estímulos específicos, senón que tamén necesita estímulos específicos para terminar. Isto é esencial para diferenciar a diapausa doutros tipos de dormancia tales como a hibernación.

Os niveis de actividade durante os estadios de diapausa poden variar moito segundo as especies.[5] A diapausa pode ocorrer nun estadio de inactividade completa, como na pupa ou no ovo, ou en estadios moi activos capaces de efectuar migracións considerábeis, tales como a bolboreta monarca, Danaus plexippus.

Noutros grupos[editar | editar a fonte]

Un fenómeno similar oourre coas sementes e outros estados de repouso de diversas plantas. Nos ovos de certos vertebrados hai un fenómeno coñecido ás veces como diapausa embrionaria ou implantación diferida, que non é directamente equivalente á diapausa dos artrópodos, aínda que en ambos os casos hai unha interrupción da actividade metabólica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. VV.AA. (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Volume I. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-070-1.
  2. Ledo Cabido, B., dir. (2004): Dicionario de galego. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-504-7.
  3. Chapman, R. F. (1998): The Insects: Structure and Function, 4th ed. New York: Cambridge University Press. ISBN 0-5215-7890-6, p. 403.
  4. diapause no Merriam-Webters Unabriged Dictionary.
  5. 5,0 5,1 Tauber, M. J.; Tauber, C. A. & Masaki, S. (1986): Seasonal Adaptations of Insects. New York: Oxford University Press. ISBN 0-1950-3635-2.
  6. Blas, M. et al. (1987): Artròpodes (II). Història Natural dels Països Catalans, 10. Barcelona: Enciclopèdia Catalana, S. A. ISBN 84-7739-000-2.