Saltar ao contido

Descrición

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A descrición é un sistema de elocución no que se realiza unha representación por medio da palabra, da pintura ou doutra arte, de calquera aspecto da realidade, desde os que poidan ser máis concretos ata aqueles máis abstractos.

Un procedemento didáctico para definir e caracterizar a modalidade descritiva é a comparación con aqueles textos pertencentes a outras modalidades, en concreto a narración e o diálogo:

  • O texto narrativo é aquel que mostra ou relata sucesos, accións (verídicas ou falsas), procesos que avanzan a través do tempo e que se producen nun lugar determinado.
  • O diálogo é a presentación directa de palabras ditas por persoas, persoeiros ou personaxes.
  • A descrición pode caracterizarse como representación de persoas, espazos, sentimentos, situacións, entes, experiencias etc.

O que describe pretende provocar no receptor unha imaxe semellante á impresión real que el recibiu no seu momento. O texto descritivo é un tipo de escrito que ten o propósito básico de informar acerca de como é ou foi algo.

Algúns tipos de descrición:

Tipos de descrición segundo a actitude:

  • Descrición denotativa: Prodúcese cando o autor adopta unha actitude imparcial fronte ó que describe, limitándose a detallar con precisión as características que mellor definen ó obxecto. Participa das características da descrición técnica.
  • Descrición connotativa: O autor da descrición adopta unha postura subxectiva. Manifesta suxestións. Adoita darse en textos literarios e é frecuente o léxico poético.
  • Poética: Pártese dunha descrición denotativa á que se engade unha actitude lírica e unha intensa preocupación literaria polo resultado da descrición.
  • Rítmica: Inmersa nunha narración, dise daquela descrición que non ralentiza o dinamismo do texto en que se intercala, debido a que o ritmo narrativo e o descritivo son parecidos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]