Descrición técnica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


A clasificación comunmente aceptada dos tipos de texto (narrativo, descritivo, expositivo e argumentativo) procede do sistema retórico clásico e permite considerar os principais tipos de textos, diferenciándoos no carácter predominantemente literario, estético da narración ou da descrición; fronte ás marcadas vertentes científica e humanística con que se relacionan tanto os textos expositivos coma os argumentativos. Mediante os primeiros, o autor pon en xogo tódalas posibilidades da lingua para crear novas dimensións significativas e activar unha serie de recursos guiados por unha finalidade estética. A exposición e a argumentación, porén, perseguen a transmisión dun contido no cal a ambigüidade e a imprecisión non teñen cabida: a linguaxe emprégase no seu valor denotativo. A súa misión é dar unha información obxectiva de calquera tema, ó que no caso da argumentación, hai que incluír a función persuasiva.

Con todo, e dun xeito xeral, podemos afirmar que é difícil achar unha modalidade illada sen que participe outra nun mesmo contexto: non se concibe a narración sen elementos descritivos, a argumentación, pola súa parte, combínase tamén coa exposición, aínda que esta poida aparecer, sen dúbida, illada e independentemente; e a descrición (a variedade descritiva denominada descrición técnica) está presente nas modalidades expositiva e argumentativa, pois, desde nun folleto dun aparato eléctrico ata nun artigo científico, cobra especial importancia a descrición técnica, moi afastada da descrición que xorde con intención estética.

O feito de que a descrición técnica estea en estreita relación coa exposición científica infírelle a esta calidades básicas que todo texto científico debe posuír:

  • Obxectividade: Primacía dos feitos, datos e circunstancias sobre os sentimentos ou valoracións do emisor.
  • Universalidade: Posibilidade de que o enunciado poida ser entendido en calquera lugar, grazas ós signos gráficos, formulacións,...
  • Verificabilidade:Posibilidade de que se poidan comproba-los fenómenos, reaccións e resultados salientados

Enumeramos a continuación as características que debe posuír a denominada descrición técnica:

  • A descrición é enumerativa, pois o autor ofrece unha serie de detalles acerca do que pretende escribirse. Agora ben, ha de existir un criterio selectivo que organice os aspectos en función sempre do interese observado pola ciencia e o tipo de texto en que se inclúe a descrición. Non obstante, pode afirmarse que non existe unha orde prefixada con antelación; todo está supeditado ós fins que se pretenden conseguir.
  • A claridade, que responde ó principio da obxectividade presente sempre nestes textos. Ha de procurarse en todo momento fuxir das ambigüidades (termos polisémicos) para evitar confusións e facilita-la comprensión do contido.
  • Neste mesmo sentido, deben evitarse os xuízos de valor no discurso científico; polo tanto, os adxectivos que poden aparecer son os especificativos. A descrición ha de pretender en todo momento ser obxectiva e trazar con nitidez os límites da realidade ou dos conceptos.
  • Unha función especificamente explicativa, relacionada co punto anterior, o que redundará nunha organización lóxica dos datos que se pretende comunicar. En ningún momento se persegue a intención estética, como ocorre na descrición literaria. Con todo, é posible achar recursos que parecen máis adecuados á descrición literaria, como é a comparación, que axudan a facilita-la comprensión do que se quere escribir.
  • Utilización do presente de indicativo, que insiste no valor intemporal do que se comunica. Pese a ser o presente a forma que con máis frecuencia se dá na descrición técnica, non debemos esquecer o frecuente emprego do pretérito imperfecto en textos en que se fai referencia a un proceso ou a un desenvolvemento, isto é, en que sexa preciso amentar o factor tempo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]