Densidade de poboación
A densidade de poboación é a intensidade da poboación, expresada coa relación entre o número de individuos e a superficie do territorio. Xeralmente exprésase en habitantes/km² ou habitantes/m².
Densidade de poboación biolóxica
[editar | editar a fonte]A densidade de poboación é unha medida biolóxica común e emprégase a miúdo coma unha medida biolóxica máis apropiada que o tamaño total da poboación. Especies diferentes terán densidades de poboación esperadas diferentes, dependendo de como se clasifiquen estas. As especies con densidades de poboación moi baixas poden chegar a converterse en especies ameazadas.
Densidade de poboación humana
[editar | editar a fonte]Para as persoas, a densidade de poboación é o número de persoas por unidade de área. Adoita calcularse para países, cidades, rexións ou o planeta enteiro.
A poboación mundial é de 6.500 millóns de persoas, e a área da Terra é de 510 millóns de km². Polo tanto, a densidade de poboación humana da Terra é de 6.500 millóns / 510 millóns = 13 persoas por km², ou 43 por km² considerando só os 150 millóns de km² de terra firme presentes na Terra.
Varios dos territorios con maior densidade de poboación son cidades-estado e micronacións. Estes territorios combinan unha área moi pequena cun nivel de urbanización excepcionalmente alto, o que fai que teñan unha densidade máis alta que moitos dos países máis grandes.
As cidades con densidades de poboación moi altas considéranse normalmente coma superpoboadas, aínda que isto depende das infraestruturas e recursos de cada cidade. A maioría das cidades con maior densidade de poboación atópanse no sur e leste de Asia.
Outros métodos para medir a densidade de poboación
[editar | editar a fonte]Aínda que a densidade aritmética é o método máis empregado na medida da densidade de poboación, existen varios métodos máis que poden dar unha medida de densidade máis acertada nunha area específica:
- Densidade Aritmética – Total de poboación / área de terra (km²)
- Densidade Fisiolóxica – Total de poboación / área de terra cultivable
- Densidade Agraria – Total de poboación rural / área de terra agraria
- Densidade Residencial – Total de poboación urbana dunha área determinada / área de terra residencial
- Densidade Óptima Ecolóxica – A densidade de poboación ideal para unha área determinada dependendo dos recursos naturais desta