Saltar ao contido

Defensa antiaérea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Soldados estadounidenses cun canón antiaéreo Bofors 40 mm preto da costa de Alxeria en 1943.

A defensa antiaérea é un dos métodos para derribar aeronaves militares en combate, desde terra ou auga (ou simplemente "superficie", para englobar a ambos). Varias armas e canóns úsanse para isto desde que as primeiras aeronaves militares se usaron na primeira guerra mundial, crecendo en poder e en seguridade cos anos. Despois da segunda guerra mundial comeza a era dos mísiles guiados, especificamente os "mísiles terra-aire", e úsanse en combinación de moitas formas.

Houbo adaptacións de sistemas de artillaría estándares que se usaron como antiaéreos, con pezas estándares sobre chasis, e mellorando a efectividade das armas antiaéreas antes da segunda guerra mundial.

As oxivas dos proxectís úsanse con diferentes tipos de espoletas: explosivos (barométricas, con retardo de tempo), ou de proximidade, para xerar fragmentos de metal na área do branco. Un exemplo clásico dun canón antiaéreo de gran calibre é o canón alemán de 88 mm.

As armas de longo alcance deste tipo son superadas en boa medida polos máis efectivos sistemas de mísiles antiaéreos que foron introducidos na década de 1950; con todo, grazas ao seu relativamente baixo custo de fabricación comparado cos sistemas máis modernos, aínda se utilizan en grandes cantidades nalgúns países.

Para usos de curto alcance, requírese unha arma máis lixeira cunha cadencia de disparo máis alta, para garantir o impacto nun obxectivo rápido. Os canóns automáticos de 20 mm, 37 mm e 40 mm son os máis usados para este fin. A diferenza de armas máis pesadas, estas armas lixeiras empréganse amplamente hoxe en día polas mesmas razóns que foron introducidas: a habilidade de seguimento rápido do obxectivo.

Os sistemas modernos a miúdo utilizan canóns automáticos, que foron previstos orixinalmente para uso aire-terra. Con todo, os últimos avances en mísiles de curto alcance estanse presentando como viables para substituílos neste uso.

Entre os sinónimos para os canóns antiaéreos inclúense AAA ou triplo-A, unha abreviatura para Anti-Aircraft Artillery, "ack-ack" do alemán Acht-Acht, o nome popular do Flak 88, un dos canóns antiaéreos máis famosos, desenvolvido por Krupp en 1917, archie (un termo británico acuñado durante a primeira guerra mundial, crese que derivou de "Archibald, certainly not!", retrouso do cómico de music hall George Robey), flak (do alemán FLiegerAbwehrKanone, canón antiaéreo), DCA, defensa contra avións. O nome de mísil antiaéreo é sinónimo de mísil terra-aire.

A Armada estadounidense usa o termo de guerra antiaérea (AAW); moitos dos grupos navais de combate inclúen a un comandante AAW entre eles. A defensa antiaérea soviética estaba a cargo da Voyska PVO, pero en Rusia foi asignada á forza aérea. O exército dos Estados Unidos xeralmente tivo a posibilidade de contar con superioridade aérea para reducir a ameaza de ataques ás súas unidades terrestres desde o aire. Usan mísiles Stinger (disparados por infantaría ou desde vehículos), por un lado, e mísiles anti-aeronaves/anti-mísiles Patriot, polo outro.

Tácticas

[editar | editar a fonte]

Mobilidade

[editar | editar a fonte]

Os máis modernos sistemas de defensa antiaérea son móbiles. Mesmo os sistemas máis grandes tenden a ser montados sobre remolques e son deseñados para ser rapidamente dispostos ou desmontados. No pasado, este non sempre era o caso. Os primeiros sistemas de mísiles requirían moita infraestrutura que non podía ser movida totalmente. Coa diversificación das defensas antiaéreas fíxose moita énfase na mobilidade. A maioría dos sistemas modernos son autopropulsados ou de fácil disposición. Mesmo os sistemas que consisten de moitos compoñentes benefícianse de estar montados nunha frota de vehículos. En xeral os adversarios poden ser identificados, atacados e destruídos desde sistemas móbiles situados en lugares onde non se espera que estean. Os soviéticos, en especial, concentráronse na mobilidade despois da lección aprendida en Vietnam, a cal axudaron a gañar.

España, como algúns países da OTAN, ten un sistema de integración de sistemas para unha mellor cooperación entre as diferentes Forzas Armadas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bethel, Coronel HA. (1911). Modern Artillery in the Field (en inglés). Londres: Macmillan and Co Ltd. 
  • Routledge, Brigada NW. (1994). History of the Royal regiment of Artillery – Anti-Aircraft Artillery 1914–55 (en inglés). Londres: Brassey's. ISBN 1-85753-099-3. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]