Declaración de Dereitos de Virxinia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Declaración de Dereitos de Virxinia
Tipo de texto Declaración de dereitos
Creación 17 de setembro de 1787
Ratificación 21 de xuño de 1788
Lingua Inglés
Autores George Mason
Thomas Ludwell Lee
Convención de Virxinia
Función Declarar os dereitos inherentes dos virxinianos e da humanidade en xeral.
Bandeira das colonias de Inglaterra en Norteamérica entre o 2 de xaneiro de 1776 e o 14 de xuño de 1777

A Declaración de Dereitos de Virxinia, adoptada o 12 de xuño de 1776, está considerada a primeira declaración de dereitos humanos moderna da historia, aínda que ten un importante antecedente na Carta de Dereitos Inglesa (Bill of Rights) de 1689.

Foi adoptada de xeito unánime pola Convención de Delegados de Virxinia como parte da Constitución de Virxinia no marco da Revolución Americana de 1776, na que as trece colonias británicas en América obtiveron a súa independencia. A través da Declaración de Dereitos de Virxinia animouse ás demais colonias a independizarse de Gran Bretaña.

É un documento que proclama que todos os homes son por natureza libres e independentes e teñen unha serie de dereitos inherentes dos cales non poden ser privados. Foi o antecedente directo da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789 realizada pola Revolución francesa e da Carta de Dereitos dos Estados Unidos, que entrou en vixencia en 1791 na forma de dez emendas á Constitución de Estados Unidos.

O borrador inicial do documento foi realizado por George Mason entre o 20 e o 26 de maio de 1776, e posteriormente foi modificada por Thomas Ludwell Lee e a propia Convención de Virxinia. Mason inspirouse na Carta de Dereitos Inglesa (Bill of Rights) de 1689, pero a diferenza daquela rexeita a noción de clases privilexiadas ou funcións gobernamentais hereditarias, como sucedía (e aínda sucede) na monarquía británica.

A Declaración de Dereitos de Virxinia está composta por dezaseis artigos onde está enumerados os dereitos pertencentes ao pobo de Virxinia... como as bases e fundamento do Goberno: á vida, á liberdade, a posuír propiedades, ao debido proceso, liberdade de prensa e relixión etc. Tamén establece a soberanía popular, a prohibición de privilexios de nacemento (igualdade ante a lei), a división de poderes, o xuízo por xurados etc. Algúns especialistas destacan o feito de que a Declaración de Virxinia conviviu coa escravitude e a falta de dereitos para as mulleres.

Contido[editar | editar a fonte]

O primeiro artigo contén a famosa declaración de que «todos os homes son por natureza igualmente libres e independentes, e teñen certos dereitos inherentes, dos cales, cando entran nun estado de sociedade, non poden ser privados ou postergados». Aínda que esta declaración non evitou de seu, que Virxinia organizásese como un estado escravista nin que as mulleres fosen marxinadas, a súa dinámica foi impulsando (e aínda continúa impulsando) en todo o mundo a profundización do significado de dereitos humanos facéndoo cada vez máis universal. O texto destaca os aspectos esenciais da idea moderna dos dereitos humanos: ser universais e atoparse por encima de toda decisión do goberno.

Nese primeiro artigo a Declaración de Virxinia conságranse expresamente os seguintes dereitos como o corazón dos dereitos do home:

  • ao «gozo da vida»
  • ao «gozo da liberdade»
  • a «os medios para adquirir e posuír propiedades»
  • á «felicidade»
  • á «seguridade»

O artigo dous establece a defensa da democracia con termos contundentes e revolucionarios para a época, sostendo que todo poder reside no pobo e que os funcionarios son «servintes» do pobo e en todo momento responsables.

O artigo tres consagra o dereito a maioría da comunidade a reformar ou abolir un goberno, cando considere que non está orientado ao ben común. Defínese aquí as bases do dereito á resistencia ou de rebelión contra a opresión.

O artigo catro prohibe as clases políticas privilexiadas ou hereditarias. Os artigos cinco e seis establecen a separación de poderes, a periodicidade dos mandatos, eleccións frecuentes, e a obrigación de todos os funcionarios de abandonar o poder e retornar á vida privada.

Os artigos oito a once, establecen as bases do debido proceso (xuízo xusto), a prohibición de castigos crueis ou anormais e o xuízo por xurados.

O artigo doce declara a liberdade de expresión.

O artigo trece alerta sobre o perigo dos exércitos permanentes para a vixencia dos dereitos. Recomenda a organización de milicias de cidadáns e que, en caso de ter que establecer un exército permanente o mesmo quede estritamente subordinado ao poder civil.

O artigo quince consagra o principio de moderación e austeridade do goberno; e o dezaseis a liberdade relixiosa.

Influencia[editar | editar a fonte]

A Declaración influíu decisivamente os documentos de dereitos humanos posteriores. Thomas Jefferson inspirouse nela cando esixiu a incorporación dunha Carta de Dereitos dos Estados Unidos á Constitución de Estados Unidos de América.

Lafayette, quen pelexara pola Independencia de Estados Unidos, tomou a Declaración de Virxinia e sobre ela compuxo a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789 durante a Revolución francesa.

A importancia da Declaración de Dereitos de Virxinia radica no seu constitucionalismo, é dicir, en que non se trata dunha lei realizada por un parlamento, facilmente modificada ou derrogada por outra lei, senón nunha norma constitucional que require procedementos moito máis complexos e maiorías especiais para ser reformada.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Margarita Belandria: La libertad de expresión: de la doctrina a la ley. Revista Dikaiosyne Nº 14. Universidad de Los Andes. Mérida Venezuela.
  • Margarita Belandria: Fundamentos axiológicos de la libertad de expresión . Revista Dikaiosyne Nº 15. ULA. Mérida -Venezuela

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]