Soberanía popular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo soberanía popular acuñouse fronte ao de soberanía nacional, que se interpretaba dunha forma restritiva como a soberanía residente na nación, termo de difícil definición que pode identificarse con máis dificultade e restrinxirse na súa representación efectiva ás capas máis elevadas da sociedade (sufraxio censatario); mentres que o principio da soberanía popular fai residir a soberanía no pobo, que estaría formado pola totalidade do corpo social, en especial polos máis humildes (a clase baixa, traballadora), e que só podería expresarse mediante o sufraxio universal. A Soberanía popular sostiña a participación de todos os cidadáns homes na vida política mediante o sufraxio universal.

A Constitución francesa de 1793 foi o primeiro texto legal que estabeleceu que "a soberanía reside no pobo...". Jean Jacques Rousseau, en O contrato social, atribúe a cada membro do Estado unha parte igual da que denomina a "autoridade soberana". Esta é probábelmente a primeira referencia teórica sobre a soberanía popular.

De acordo coas diversas teses mantidas até agora, pódese definir que "a residencia legal e efectiva do poder de mando dun conxunto social encóntrase e exércese en e pola universalidade dos cidadáns", e particularmente nos Estados democráticos. Así o sufraxio universal convértese nun dereito fundamental e a condición cidadá é igual para todos con independencia de calquera outra consideración, agás as limitacións de idade ou xuízo.

A constitución de Arxentina inclúe dende 1853 o "principio da Soberanía do Pobo" no seu artigo 33, considerándoo, xunto á forma republicana de goberno, como fundamento dos dereitos e garantías constitucionais.

Art. 33.- As declaracións, dereitos e garantías que enumera a Constitución, non serán entendidos como negación doutros dereitos e garantías non enumeradas; pero que nacen do principio da Soberanía do Pobo e da Forma Republicana de Goberno.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]