David Pla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

David Pla Martín, nado en Pamplona en 1975, é un membro da organización terrorista Euskadi Ta Askatasuna (ETA), ó que a policía española atribúe ser un dos tres voceiros de ETA que leron o comunicado de outubro de 2011 polo que dita organización declaraba o cesamento definitivo das accións terroristas e o comunicado de xaneiro de 2011 no que ETA declaraba o seu cesamento do fogo «permanente, xeral e verificable».[1][2][3] Foi detido en Francia o 22 de setembro de 2015, xunto con Iratxe Sorzabal.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

David Pla é considerado un dos membros destacados do aparato político etarra e atribúeselle a xefatura das estruturas da organización terrorista para apoiar os seus presos. Foi dirixente da organización xuvenil Jarrai na década de 1990, máis tarde ilegalizada por considerarse que formaba parte da estrutura de ETA. Presentouse como candidato de Herri Batasuna ó concello de Pamplona nas eleccións municipais de 1995, sen resultar elixido.

Foi detido en 2000 acusado de pertenza a ETA e de integrar o 'comando Aragón' co que se pretendía atentar contra o alcalde de Zaragoza, daquela José Atarés.[5] Finalmente foi condenado a seis anos de prisión por integración en banda armada. Posto en liberdade en 2006, foi de novo detido en abril de 2010 en Francia, como consecuencia de diversas actuacións policiais en España contra a estrutura de apoio ós presos etarras e ó denominado «colectivo de avogados de ETA» (Halboka), pero foi posto en liberdade polas autoridades xudiciais francesas ó considerar que non había probas de cargo abondas.

As autoridades policiais españolas sinalaron entón que Pla, tiña «un papel importante dentro da estrutura política dos terroristas, en canto ás súas posibilidades de relacionarse coas organizacións da súa contorna».[3][6] O 22 de setembro de 2015, foi detido en Francia xunto a Iratxe Sorzabal.[4]

Notas[editar | editar a fonte]